Cómpre usalas, a pel ten memoria
Lucir un bronceado atraente é case obrigatorio cando chega o verán e calquera modo de consegui-la devecida cor dourada semella ser válido. Ano tras ano e por estas datas os dermatólogos nos lembran a gravidade dos efectos perniciosos dos raios solares (queimaduras, avellentamento prematuro, melanomas…), pero a moda da boa cor está demasiado arraigada entre nós, polo que se imos toma-lo sol, fagámolo de maneira responsable. Non vale pensar que as queimaduras do pasado ano xa sandaron: a pel ten memoria -acumula os estragos que sufriu- e os problemas poden sobrevir moito tempo despois de deixar de toma-lo sol.
¿Por que usar crema solar?
- Utilizadas correctamente, son o mellor aliado fronte ó sol, xa que reducen a probabilidade e a intensidade das queimaduras ó bloquearen os raios ultravioletas (UV).
- Os efectos secundarios dunha exposición ó sol excesiva e sen protección son queimaduras cutáneas, avellentamento prematuro, melanomas…
- A pel ten memoria e os danos acumúlanse.
- Para acadar unha cor duradeira e non castiga-la pel, cómpre exporse ó sol de maneira gradual e con protección.
Cómo elixi-lo bronceador
- Antes de adquirir un fotoprotector, comprobe que incorpora filtros de protección anti raios UVB -responsables do bronceado, pero tamén de eritemas e queimaduras- e anti UVA -dan axiña cor, pero provocan engurras, manchas, fotoavellentamento e procesos cancerosos-.
- Hai unha gran diferencia entre atoparse no curuto dunha montaña ou veranear na praia. O efecto dos raios ultravioletas faise máis potente nas alturas, o que significa que é preciso protexerse cunha crema solar de factor elevado, que supere o número 15. Canto máis verticalmente incidan os raios do sol sobre a pel, máis perigosos serán e máis precaucións cumprirá tomar.
- Se a túa pel é clara, sensible ou ten tendencia á cuperose debes utilizar factores de protección altos (de 30 a 15). Se pertences ó grupo dos que aturan ben o sol (peles normais ou morenas) podes aplicar cremas cun Índice de Protección Solar (IPS) menor de 15.
- Os dermatólogos insisten en que menos dun 20 de IPS non é recomendable. E é que, en contra do que poida parecer, un índice de protección alto non só non impide pórse moreno, senón que proporciona un bronceado máis duradeiro e a pel non sofre.
- Utilice cremas cun índice máis alto e ingredientes activos antiengurras nas zonas máis sensibles do corpo: cara, beizos, escote…
Nenos, adolescentes e anciáns
- Extreme as precaucións con nenos, adolescentes e anciáns. Non expoña os cativos ó sol antes dos tres anos e utilice para eles protectores solares especiais, de alto índice (máis de 25) e resistentes á auga. Renove a miúdo a aplicación do producto e protéxaos con camiseta, gorro e gafas. Tome as mesmas medidas de protección cos anciáns.
- Os adolescentes con acne non deben descoida-la protección por creren que o sol vai “secar” os grans. É moi frecuente a recaída das peles acneicas trala exposición.
- Non dubide en aplicar cremas con pantalla total se a súa pel é sensible, ten cuperose, pecas, manchas ou cicatrices recentes.
Cómo aplica-lo bronceador
- Aplique a crema protectora coa pel seca uns trinta minutos antes da exposición solar e de maneira abundante. Renove a aplicación da crema cada dúas horas e cada vez que tome un baño.
- Se lle gusta bañarse a miúdo, utilice productos resistentes á auga. Os waterproof garanten a protección indicada no envase tras 80 minutos de inmersión na auga. Os water resistant soamente 40 minutos.
- Nunca utilice nin limóns, nin refrescos nin cervexa nin calquera outro producto como bronceador, xa que amais de non ofreceren protección, poden aumenta-la fotosensibilidade e incrementa-lo dano solar de xeito desproporcionado.
- Non tome o sol con restos de maquillaxe ou perfume sobre a pel, poden aparecer manchas.
Coidado coa auga e a area
- Lembre que a auga e a area reflicten os raios solares un 50% e un 35% respectivamente, aumentando os seus efectos nocivos sobre a pel.
- Evite exporse ó sol entre as 12h e as 16h, intervalo en que os raios chegan verticalmente e, polo tanto, a radiación UVA e UVB (a ultravioleta) é máis forte.
- Protexa a pel tamén os días anubrados. As nubes finas non filtran os UVB, principais responsables das queimaduras.
- Non deixe de aplica-la crema protectora aínda que xa estea bronceado. Aínda que a pel morena actúa como unha barreira natural fronte ás queimaduras, non acontece o mesmo cos raios ultravioleta, que penetran na pel producindo danos celulares.
- Non se pulverice con auga para refrescarse mentres toma o sol, as pingas actúan como lupas sobre a pel e poden acelera-la aparición de queimaduras.
Conservación das cremas
Os protectores solares teñen unha duración aproximada dun ano. Pasado ese tempo pódense tornar ineficaces e provocar reaccións na pel, sobre todo se estiveron na praia ou no coche sometidos a altas temperaturas, xa que os filtros non son estables e se degradan.
Conserve as súas cremas en perfecto estado limpando os envases de restos de producto e area despois de cada uso, e gardándoas nun lugar fresco e seco.
Se ten algunha crema do verán anterior, repare en se mudou de cor, textura ou aroma. Se cre que a súa composición non se viu alterada, pode utilizala sen problema.