Á man ou á máquina, hai que se adaptar ás necesidades da planta
Boa parte do éxito do xardín baséase nun óptimo deseño do sistema de rega. Se se fai á man, pódense corrixir carencias de auga dalgunhas zonas do xardín e adoptar medidas axeitadas para que ningún recuncho quede sen regar. Pero se se opta por un sistema mecánico, cómpre elixir meticulosamente a mellor situación dos aspersores, difusores e goteos para asegurarlles unha cobertura perfecta a tódalas plantas e zonas do céspede. A cantidade de auga precisa para axusta-lo sistema depende do tipo de arbusto, o seu grao de desenvolvemento, o substrato da terra, a estación do ano, a climatoloxía, o vento, a humidade ambiental, a cantidade das últimas chuvias, a humidade ambiente, e un longo etcétera. Pódese concluír, polo tanto, que o único xeito de atinar coa rega é o mimo: cómpre que o xardineiro observe e interprete os sinais que as propias plantas envían.
Tres xeitos de regar
O método que se elixa depende do tamaño do xardín, do custo dos sistemas e do tempo que se lle queira dedicar ó coidado das plantas.
- Regar á man. Garante entregarlles auga directamente ás plantas e evita estragas. É o sistema máis óptimo se se trata dun recuncho doméstico: duns poucos metros cadrados de xardín ou dunha terraza decorada con macetas ornamentais. En calquera caso, hai que asegurarse de que se rega profundamente. Para isto cómpre dedicarlle o tempo preciso, prestarlle un interese especial á zona que se rega e coñecer algunhas pequenas técnicas, como as que seguen.
- Regar por abaixo, ou coloca-la maceta sobre un prato de auga durante un curto espacio de tempo -unha hora como máximo- agardando a que as raíces absorban o líquido. Se ó cabo deste tempo queda auga no prato, deberá retirarse: significa que a planta non ten máis sede. A vantaxe desta fórmula, só válida para macetas, é que se logra non compacta-lo substrato. A desvantaxe, que co tempo se acumulan sales minerais no seu tercio superior.
- Imita-la chuvia. Segundo o tipo de substrato, especialmente no caso da turba, o mellor xeito de regar é bota-la auga por riba lentamente (como se estivesemos aliñando unha ensalada). E en previsión de que a parte inferior do substrato quede enchoupada mentres a superior aparente estar seca, hai que introducir un dedo no substrato para comproba-la súa humidade e decidi-la cantidade de auga que aínda precisa. A miúdo abondará con humedece-lo tercio superior do substrato, xa que a auga xa baixará ata a parte inferior. Nestas operacións a auga non sae polos orificios de abaixo.
- Rega por goteo. Os sistemas de rega por goteo requiren un investimento de cartos (arredor de 1000 euros para 10 metros cadrados, incluíndo temporizador) e de tempo, pero unha vez instalados, son máis convenientes que regar á man e requiren menos auga. Recoméndanse para grupos de plantas, espacios decorativos e macetas. O obxectivo destes sistemas é regar con pouca frecuencia pero fondamente. Normalmente, régase unha ou dúas veces á semana (1 ou 2 horas cada vez). Cómpre ser coidadoso e non regar en exceso. Aínda que a superficie do solo semelle seca, pode haber auga abonda na zona na que medran as raíces. En caso de dúbida, cómpre inspecciona-la terra.
- A aspersión. Os aspersores teñen a desvantaxe de malgastar auga porque regan os sendeiros e outras partes do xardín ou a terraza onde non hai plantas. Débense destinar exclusivamente a zonas de praderías. Se se usan aspersores oscilantes, é importante que se eleven por riba das plantas máis altas para que estas non impidan que a auga alcance toda a área.
Plantas do interior: case ó límite
Unha planta dentro do fogar recibe moita menos luz da que orixinariamente precisaría. Para aguantar, os estomas abren parcialmente, a planta transpira pouco e, polo tanto, consome menos auga. Se anegámo-lo substrato, este permanecerá longo tempo nestas condicións xa que hai pouco consumo de auga. As raíces asfíxianse e a planta morre. Cando unha planta está no interior hai que evitar regala ata o límite da avaricia. Convén que nos afagamos a observala a cotío e agardemos para regala a que amose os primeiros síntomas, case imperceptibles, de que precisa auga.
Atención á humidade ambiental
Un concepto que pouco ten que ver coa rega é a conveniencia de subministrarlle humidade ó ambiente. No caso de plantas no interior pódese te-lo exemplar enriba dunha superficie con auga (un prato grande), coidando de levanta-la maceta con algún obxecto sólido, como pedras, co fin de que a auga non enchoupe as raíces. A evaporación da auga do prato abondará para compensa-los ambientes secos nos fogares. As plantas de exterior adoitan estar máis a gusto nunha zona que conteña unha gran cantidade de vexetación, como pode ser un parque. A transpiración da masa verde ó seu arredor proporciona unha humidade axeitada. No caso de plantas en ambientes máis secos como pequenos xardíns pouco vizosos, hai que compensar esta carencia con calquera dos métodos que a imaxinación e a conveniencia aconsellen. Desde ter un sistema de aspersores que se poña en marcha medio minuto cada hora (coidando de que a auga non molle as follas ó sol) ata rocia-las plantas manualmente cunha mangueira. Calquera método é bo con tal de proporcionar humidade ambiente.
A mellor hora para regar
É certo que xardineiros profesionais recomendan regar pola mañá en inverno e pola tarde no verán, entendendo que no estío se aproveita mellor a auga polo serán porque non se evapora tan axiña. Pero a premisa, sen ser falsa, esquece que se se rega pola tarde ou noite, a auga permanece moito tempo afogando as raíces, sen ser utilizada. O mellor momento para regar é polo tanto a primeira hora da mañá. No caso dun céspede no que os aspersores poden estar funcionando durante unha hora, cumprirá axusta-lo programador para que a rega remate á alborada, un anaco antes de que saia o sol.
Sen importa-lo sistema que se escolla, o obxectivo é sempre o mesmo: devolverlles ás raíces a auga que precisou a planta, e polo tanto usou, e que se evaporou. Hai que considera-lo tipo de terra, a flora que se posúe e o clima ó decidir cánto e cómo de a miúdo se debe regar. O solo areoso retén menos auga có arxiloso; as plantas grandes usan máis auga cás que acaban de agromar; o tempo caloroso e ventoso deseca a terra. No canto de seguir un horario baseado en cálculos ou no calendario, vixíe as súas plantas para saber cándo precisan auga, pero sempre tendo en conta que:
As sementes precisan que a terra estea constantemente húmida, pero pódense arrastrar doadamente por un forte chorro de auga. Régueas cunha chuvia suave cada un ou dous días.
As plantas ‘adultas’ débense regar menos a miúdo pero máis profundamente para que as súas raíces medren ben. Régueas a unha profundidade de cando menos 18 centímetros, e logo deixe que os catro centímetros superficiais da terra sequen completamente antes de volver regar.
Como norma xeral, as plantas que se regaron correctamente e polo tanto teñen raíces profundas precisan auga cada 5 ou 7 días durante a tempada calorosa.