Pódense aproveita-las actividades de verán para que o neno aprenda a convivir, a compartir experiencias e a ser independente.
Os máis pequenos tamén precisan desconectar
Os pais de 3 millóns e medio de nenos enfróntanse a partir deste mes á pregunta de tódolos veráns: ¿que facemos cos rapaces? O período de vacacións, que para os máis pequenos significa descanso e diversión, supón para os seus proxenitores unha tensión engadida e bastantes molestias, xa que só poden gozar dun mes de descanso. Suscítase, polo tanto, a complicada tarefa de enche-las horas de lecer dos cativos da casa, podendo ser cunha persoa adulta que supervise as súas actividades. E é que os nenos, ó igual cós adultos, desexan e precisan un período de vacacións estivais que lles permita deixar atrás, durante un tempo, horas de estudio, deberes, ocupacións extraescolares e tódalas obrigas que forman parte da súa vida cotiá ó longo do curso. As posibilidades para que os nenos pasen uns días fóra do medio familiar son moitas e moi variadas. Escolle-la mellor opción dependerá das súas necesidades e afeccións e, sobre todo, da idade. Campamentos, escolas de verán, clases de idiomas e deportivas… tódalas opcións son válidas cando as vacacións escolares e as vacacións dos adultos non coinciden. O que nun comezo se contemplaba como un apoio á educación converteuse nun xeito práctico e divertido de entrete-los máis pequenos, mentres os pais atenden as súas angueiras laborais. Amais de gozaren as vacacións, os nenos aprenden a convivir, a compartir experiencias e a ser independentes. Lonxe de pais e familiares aprenden a ser autosuficientes, xa que teñen que se ocupar de labores que decote non fan, como pór e retira-la mesa, face-la cama ou recoller e ordena-las súas pertenzas.
Os avós, a opción máis recorrente
Nas novas estructuras sociais, onde a nai e o pai traballan, é un dilema decidir quén coidará dos nenos. A opción máis segura e económica é, nos máis dos casos, deixa-los pequenos cos avós.
A función de canguros que desenvolven os avós durante a época estival é, na maioría dos casos, moi beneficiosa para tódalas partes implicadas: axuda ós nenos a comprenderen o concepto de evolución e continuidade da familia, amais de mellora-la súa afectividade; proporciónalles ós pais a tranquilidade de deixa-los nenos en boas mans… de maneira gratuíta (os avós non cobran polos seus servicios), e os maiores séntense útiles e activos.
Colonias
Son a alternativa máis segura e cómoda, especialmente para os máis pequenos (poden acudir nenos desde os 4 anos). O aloxamento realízase en casas ou albergues preparados para acoller grupos numerosos. Os programas combinan actividades pedagóxicas e lúdicas. Baixo a supervisión de monitores realízanse xogos, excursións, obradoiros creativos, teatro, deportes e idiomas. Escolas, concellos e deputacións son os principais encargados de organizar cada ano estes encontros para os máis pequenos. A Caja de Burgos ofrécelles a 344 nenos burgaleses de entre 10 e 12 anos a posibilidade de pasar uns días de diversión no palacio renacentista de Saldañuela. A estancia nestas colonias ten un custo aproximado de 145 euros. Outra entidade financeira que tamén organiza colonias é a BBK (Bilbao Bizkaia Kutxa). As colonias da Obra social da BBK están dirixidas a nenos e nenas de entre 7 e 13 anos.
Campamentos
Son semellantes ás colonias, pero neles os nenos conviven en tendas de campaña instaladas provisionalmente en paraxes naturais, polo que se acentúa máis o contacto dos pequenos coa natureza. Ademais, a acampada axuda a desenvolve-la camaradería e o traballo en equipo, e potencia a axilidade e a boa psicomotricidade.
Desenvólvense todo tipo de actividades relacionadas co medio natural, como a observación de plantas e animais, excursións polo contorno ou itinerarios ecolóxicos.
Nos últimos tempos puxéronse de moda os campamentos con actividades multiaventura nos que os nenos poden iniciarse, baixo as directrices e vixilancia de profesores e monitores especializados, na práctica de diversas modalidades deportivas: escalada, vela, equitación, bicicleta de montaña, piragua, tiro con arco…
Concellos, deputacións, escolas e organismos culturais organizan campamentos de verán nos que unha estancia de 15 días pode custar entre 90 e 390 euros.
Granxas Escola
Nestes centros, os pequenos urbanitas toman contacto co medio rural. Aprenden a muxir unha vaca, a recolle-los ovos das galiñas, traballan a horta, preparan pan e galletas, etc. Paralelamente, tamén poden participar en actividades suplementarias como obradoiros de teatro ou manualidades, deportes ou cursos de idiomas.
O prezo varía dependendo de se se trata dun establecemento de carácter público (dependente de deputacións ou concellos) ou privado. O custo medio por semana de estancia é de 180 euros.
Ludotecas, lecer urbano
Sen necesidade de saír da cidade, as ludotecas constitúen unha interesante opción para evitar que os nenos pasen inactivos todo o día. Promovidas por concellos e institucións, as ludotecas son locais destinados ó lecer infantil enfocado desde unha perspectiva informal de educar. Ou o que é o mesmo, procuran cumprir cunha serie de obxectivos educativos a través de actividades lúdicas. Estes centros ofrécenlles ós nenos a oportunidade de utilizar xogos dos que non dispoñen na casa polo seu prezo elevado. Ademais, permítenlles participar en xogos organizados por animadores que son profesionais da educación. As distintas actividades logran reunir a nenos de idades semellantes que a través da interacción e a cooperación se desenvolven física, emocional e cognitivamente.
Deporte urbano
O verán é unha época ideal para que os nenos practiquen ou se inicien nalgún deporte. Son numerosos os concellos, polideportivos municipais e clubs privados que organizan cursiños a prezos alcanzables.
En Madrid, o Club Estudiantes pon desde hai anos o Campus de adestramento. Neste caso é unha actividade diúrna, polo que os nenos de entre 6 e 14 anos volven á casa polo serán. O prezo deste prestixioso campus é de 239 euros.
Tamén os equipos de fútbol organizan campus e escolas de verán para os máis pequenos. O Valencia C. F. pon en marcha por segundo ano consecutivo un campus para nenos e nenas de 8 a 12 anos. Neste caso pódese pasar unha semana íntegra, con noites incluídas, durante o mes de xullo por un prezo de 450 euros. Tamén ofrece a posibilidade de non pasa-la noite, co que o prezo se reduce ós 270 euros. Nesta estancia, os máis pequenos, amais de exercicios e adestramentos deportivos dirixidos ó fútbol, contan cun profesor de inglés, natación, piscina, excursións e conversas sobre alimentación e vida sa.
Nas zonas costeiras atopamos numerosos cursos e estancias para aprender diversos deportes acuáticos. Na maior parte das localidades litorais da Comunidade Valenciana e Andalucía os concellos organizan cursos de vela, submarinismo ou navegación. Os prezos oscilan entre os 87 euros ou os 421 euros de seis días de navegación no veleiro Zorba de Greenpeace.
O concello de Bilbao ofrécelles ós nenos do municipio con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos a posibilidade de iniciarse en todo tipo de modalidades deportivas durante o mes de xullo. Patinaxe, xogos populares, tenis, aeróbic, bádminton, hípica, surf ou piragüismo son algúns dos deportes que os bilbaínos máis pequenos poden practicar unha vez que os seus pais aboen os 30 euros que custan estas actividades.
Cursos de idiomas
Unha modalidade que conta cada vez con máis adeptos son os cursos de idiomas organizados en campamentos, albergues ou colonias. Nenos a partir de 4 anos poden pasar parte das súas vacacións escolares complementando o estudio dun idioma con outras actividades como obradoiros culturais, música e deportes. Un curso de inglés de 15 días en contacto coa natureza custa entre 206 e 600 euros. Outra posibilidade é envia-los nenos a estudiar un idioma noutro país. Esta opción só se baralla a partir de certas idades, e cando os nenos son autónomos e con capacidade para aturar máis dunha semana sen a súa familia. Desde internados para preadolescentes e adolescentes (clases de idioma, excursións organizadas, aloxamento na propia escola, titores que se responsabilizan integramente dos menores), ata entidades privadas que buscan aloxamentos particulares para que os nenos ou adolescentes convivan cunha familia, as posibilidades son variadas. O prezo da estancia en familias, con clases de idiomas e certas actividades programadas oscila entre os 1.560 euros (un mes en Francia) e os 1.953 euros (catro semanas en Inglaterra). A estancia en réxime de internado adoita duplica-lo prezo dunha estancia en familia.
Antes de elixir unha actividade...
- Valore as preferencias e aptitudes do seu fillo e busque actividades que se axusten ó seu desenvolvemento psicolóxico e social.
- As actividades máis convenientes para os máis pequenos son as que lles permiten estar en contacto con outros nenos e nenas, e preferentemente nun medio natural: campamentos, colonias, campus deportivos, etc.
- A primeira vez que o seu fillo vaia de acampada ou colonias seralle máis doado cantos máis elementos familiares e coñecidos teña ó seu arredor.
- Infórmeo de tódolos pormenores, léveo ás reunións preparatorias e manteña a súa ilusión. Pero se non quere ir, respecte o seu desexo sen recriminarlle o medo que poida ter.
- Antes de inscribi-los seus fillos en calquera tipo de actividade, asegúrese de que os monitores que se farán cargo deles teñan a titulación correspondente á actividade que impartirán. Os monitores deportivos deben estar recoñecidos polas correspondentes federacións.
- Esixa un seguro que cubra os posibles riscos de accidente.
- Non se esqueza de facilitarlles ós organizadores un teléfono no que o poidan localizar en caso de que xurda calquera eventualidade.
- Asegúrese de que as instalacións están en óptimas condicións de hixiene e seguridade. Tódolos centros de vacacións deben te-la licencia municipal correspondente e un programa de actividades. Se non é así, desconfíe.
- Se envía o neno a estudiar un idioma a outro país en réxime de aloxamento familiar, anote o teléfono de contacto do titor e infórmese dos costumes, horarios, relacións, etc., da familia de acollida.
- Se o seu fillo padece algunha enfermidade e precisa medicarse, informe diso ós responsables do centro de vacacións. Non esqueza a tarxeta das vacinas e unha fotocopia da cartilla da Seguridade Social. Se o seu fillo sofre algún tipo de alerxia, notifíquellelo ós monitores.
- Non está de máis que o neno vaia provisto do carné de identidade ou dalgún tipo de documento no que se especifiquen o enderezo e os teléfonos de contacto.
- A equipaxe debe ser lixeira, e cómpre incluír roupa cómoda de algodón, prendas de chuvia, toalla, útiles de aseo, cantimplora, lanterna… Marque tódalas súas cousas co seu nome.
Parques infantís
De orixe anglosaxona, os parques infantís comezáronse a ver en restaurantes de comida rápida dos EEUU e Inglaterra. Ós poucos, a idea foise estendendo a grandes superficies comerciais e almacéns, que buscan o entretemento e diversión dos nenos mentres que os pais realizan compras ou se dedican ó mero goce do tempo libre do que dispoñen.
Estes parques son espacios de grandes dimensións, que teñen como finalidade o entretemento dos nenos. Para iso contan cunha serie de instalacións que ofrecen a posibilidade de realizar unha gran variedade de actividades: tobogáns, piscinas de bólas, espacios para desenvolve-lo xogo simbólico, recunchos de construcción, obradoiros de debuxo, xogos de mesa, e nalgúns casos, soportes informáticos para os máis vellos.
Dirixidos a nenos con idades comprendidas entre 1 e 12 anos, estes centros dispoñen de monitores que teñen como función principal o coidado e organización das actividades lúdicas que presenta o parque. Están abertos tódolos días da semana con horarios de 10’00 a 21’00 horas e cun custo de entre 3 e 4,80 euros a hora.
Algúns organismos, como a Caixa de Aforros de Navarra programaron actividades específicas durante os meses de verán nos parques infantís “Pequeland” e “Txiqui-Park”, para os fillos menores de idade dos titulares da tarxeta do Club 10.