Hai que elixir cos pés, non coa vista
Transpórtannos dun lugar a outro e aturan o noso peso durante boa parte do día, decote embutidos en calzado con excesivo tacón, formas demasiado estreitas ou puntas afiadas que á longa poden provocar lesións irreparables. E aínda así, o pé é unha das partes do noso corpo á que menos atención lle prestamos, pouco conscientes do papel que xoga na nosa saúde e benestar. A súa función consiste en proporcionarlle un apoio ó noso organismo, pero tamén o empregamos para movernos e deternos, para realizar accións rítmicas, de propulsión e absorción de choques e para mantérmo-lo equilibrio. É, polo tanto, un órgano moi especializado que cómpre coidar e mimar. E un calzado axeitado é o primeiro paso.
Primeiros anos
Cando nacemos o noso pé está sen configurar e os seus arcos non son perceptibles; soamente cando o neno adoptou a posición ergueita comezan a se facer visibles estes arcos, especialmente o lonxitudinal, consecuencia dos esforzos derivados de atura-lo peso do corpo e de camiñar. Durante os primeiros anos de vida o pé está en pleno proceso de formación e, especialmente ó comezo, é unha estructura moi flexible que non desenvolveu fortaleza abonda, polo que calquera tensión anormal exercida sobre o pé pode carrexar consecuencias negativas. Na nosa urbana sociedade os primeiros pasos danse sobre as superficies duras e firmes do fogar, calzadas de formigón ou beirarrúas pavimentadas, o que pode resultar prexudicial para os pés. A isto contribúe tamén o frecuente uso de calzado non axeitado desde o nacemento.
Repártese o peso
O pé do adulto pódese definir como unha bóveda sostida por tres arcos, con forma similar á dunha vela triangular inchada polo vento. Aínda que o peso do corpo se distribúe entre a parte dianteira do pé e o talón, en posición vertical a carga principal sopórtaa o talón e equivale a máis da metade do peso do corpo. Así se entende que cando o peso se concentra en medio centímetro cadrado de tacón de agulla, este “pinche” o chan. A medida que elevámo-lo talón mediante o uso de tacóns, a distribución do peso cambia e canto máis alto é o tacón, máis se carga a zona dianteira do pé. Con tacóns próximos ós 10 cm. practicamente case todo o peso do corpo se exerce sobre os dedos do pé.
Tipoloxías de pé
Ó mercar calzado cómpre lembrar que hai varios tipos morfolóxicos de pé, e que cada un responde de distinta maneira ó calzado.
Distínguense tres tipos:
- pé grego, así chamado porque se observa nas estatuas da época clásica: o segundo dedo é o máis longo despois do dedo gordo, e o terceiro practicamente mide o mesmo, e o cuarto e o quinto dedo son máis cativos. Neste tipo de pé as cargas distribúense mellor sobre a parte dianteira do pé.
- pé polinesio ou cadrado como o que se observa nos cadros de Gauguin: os dedos son case todos iguais e están á mesma altura.
- pé exipcio, visible nas estatuas dos faraóns: o dedo gordo é o máis longo e os outros ségueno por tamaño e orde decrecentes. É o tipo de pé máis exposto, xa que se sobrecarga máis co calzado e predispón a xoanetes (hallo valgus) e á artrose metatarsofalánxica (hallo rígidus).
Consecuencias de utilizar calzado inadecuado
Queda claro, polo tanto, que a combinación de tacón alto e calzado puntiagudo é unha agresión ós pés e ás extremidades inferiores que pode provocar variadas patoloxías, moi molestas e dolorosas. Algunhas delas son:
- Xoanetes ou hallux valgus.
- Metatarsalxias ou dores na planta do pé e no antepé.
- Deformidades dos dedos: dedos en pouta e en martelo.
- Calos no dorso dos dedos orixinados polo rozamento e a presión, ou calos entre os dedos, coñecidos como ollo de galo.
- Sesamoidite: inflamación dos ósos sesamoides, pequenos ósos redondos situados debaixo da cabeza do primeiro metatarsiano.
- Inflamacións do tendón de Aquiles por rozamento e por acurtamento do tendón, dores ó nivel dos xemelos, e mesmo dores nos xeonllos provocados pola sobrecarga á que se ven sometidos.
- A circulación venosa deteriórase, o bombeo de sangue non é adecuado e aparece inchazón de pés, edemas e pequenas varículas.
Hai un grupo de persoas que son de alto risco se lles aparece algunha lesión deste tipo: os diabéticos con problemas circulatorios, que deben extrema-lo coidado dos pés, e as persoas con arteriosclerose das extremidades inferiores e problemas de rega sanguínea.
Para rematar, cómpre non esquecer que o mellor momento do día para mercar calzado é o serán, xa que logo dunha longa xeira é posible que os nosos pés estean inchados e poderemos mercar calzado que non aperte. E, cómo non, hai que probar ámbolos zapatos. É habitual que un pé sexa máis grande có outro.
-
¿Que acontece cando se usan tacóns altos?
A elevación do talón provoca non só unha deformidade da bóveda plantar, senón que ademais produce un acurtamento dos músculos xemelos das coxas e a sobrecarga dos ósos dos dedos dos pés ou cabezas metatarsianas. Os dedos esmáganse contra a punta do zapato e defórmanse a xeito de pouta. Practicamente o peso todo do corpo se descarga sobre as cabezas metatarsianas e o pé perde estabilidade. -
¿E que acontece coas punteiras afiadas?
Os dedos quedan presos e desequilíbranse. O dedo gordo sae cara a fóra, e os dedos cuarto e quinto tórcense cara a dentro. Se ben tódolos dedos se deforman, o que máis graves consecuencias sofre é o gordo: lúxase cara a fóra, desprázanse os tendóns e na cabeza do metatarsiano aparece o xoanete ou hallux valgus. O dedo gordo deformado, atravesado, rexeita os dedos medios, que se deforman, e o quinto dedo ou pequeno sofre unha deformación inversa. Estas deformidades e desequilibrios son ó comezo pasaxeiros, pero co uso prolongado de calzado inadecuado fanse permanentes.