As vacacións da mascota
Os cans son, sen dúbida, o animal de compañía favorito no noso país. Aínda que non hai un censo oficial, estímase que conviven como mascotas máis de dous millóns e medio de cans, aínda que só 800.000 están identificados mediante microchip. Así e todo, semella que a chegada da época estival converte estes desinteresados amigos nun estorbo, especialmente ó planifica-los desprazamentos das vacacións.
Segundo cifras oficiais, no noso país abandónanse anualmente ó redor de 125.000 cans. Parte deles consegue regresar ó seu fogar, pero o resto sacrifícanse ou morren atropelados ou desnutridos. O maltrato ós animais que se rexistra en España arrédase dunha Europa moito máis concienciada neste problema. Sen irmos máis lonxe, hai unha organización alemana (Alba) que anuncia en Internet un servicio para correr cos gastos de adopción de mascotas españolas. Polo de agora, de pouco serven as campañas de sensibilización que diversas institucións lanzan cada verán para concienciaren os cidadáns sobre o terrible hábito de desfacerse do cachorro que medrou ou de abandona-lo amigo de catro patas que agora non encaixa na nosa nova casa (as dúas principais causas de abandono). O delicto está contemplado como falta moi grave na maioría das comunidades e as sancións previstas oscilan entre 300 e 18.000 euros. As residencias caninas convértense, ante este desolador panorama, nunha opción non só válida senón precisa para as vacacións da mascota familiar.
Residencias caninas
Deixalo cun familiar ou cun amigo é unha opción, pero non sempre resulta posible. Levalo de viaxe pode ser inviable ou provocar moitos gastos. E, en consecuencia, contrata-lo servicio dunha das aproximadamente 515 residencias caninas do noso país é unha alternativa en alza. Aínda que nun comezo poden non parecer baratas -custan arredor de 8 euros diarios-, cómpre lembrar todo o que nelas farán polo noso amigo de catro patas: coidarano, alimentarano, pasearano e manterano limpo. E aínda que a primeira vez que pase uns días na residencia canina o animal sufrirá o abandono e poderá presentar un cadro de depresión leve e deixar de alimentarse, asumirao con resignación en vindeiras ocasións, sempre e cando o trato anterior fora o adecuado.
Esixentes coa residencia
Repare nos seguintes aspectos ó elixir unha residencia canina para a mascota familiar:
Se as residencias caninas cumpren correctamente coas funcións básicas que se lles encomendan -dar de comer e de beber ós animais, proporcionarlles un lugar para mexar e defecar e desinfectar este lugar-, o estado da boca e das unllas será ó axeitado ó recollelo e probará que coidaron ben do can.
A nutrición tamén ocupa un papel moi importante na saúde dos animais e debe axustarse a cada mascota de xeito individual e atendendo ás súas preferencias. Obviamente, distintas razas requiren distinto tipo de alimentación.
Á calidade da auga xeralmente non se lle outorga a importancia merecida. Hai que esixir hixiene e que estea controlada analiticamente.
A construcción inadecuada das instalacións tamén pode ser orixe de varios problemas. Tórnase esencial unha boa ventilación: a traqueobronquite infecciosa canina é común en poboacións confinadas, pero a súa incidencia é moito menor cando existe un bo intercambio de aire. As superficies porosas son difíciles de limpar e poden albergar axentes infecciosos, ovos de parasitos ou ouriños que poden irrita-la pel. Por iso cómpre fixarse en que as superficies proporcionen unha boa drenaxe (un sistema de reixas ou slats pode facilitar enormemente a limpeza e desinfección, pero cun deseño que impida que as unllas se enganchen neles). É ideal un chan que non sexa esvaradío, pero que non raspe as patas.
As gaiolas tampouco deben ser porosas para facilita-la súa limpeza e evitarlles problemas de saúde ós animais. Hai casos descritos de envelenamentos por chumbo a partir de superficies pintadas, gaiolas e cuncas de louza.
Se é a primeira vez que deixa a mascota nunha residencia canina…
-
Visite a residencia antes de deixar nela a súa mascota. Repare na limpeza das gaiolas, no espacio aberto para pasear e comprobe a actitude dos cans aloxados.
- Comprobe que o espacio destinado para o seu can sexa de 6 metros cadrados, o dobre se vai compartir gaiola.
- Lembre que a súa mascota debe te-la cartilla en regra, esta esixencia tamén nos demostrará que é común en tódolos inquilinos da residencia.
- Deixe un teléfono de contacto e procure contar cun familiar ou amigo que poida acudir á residencia se acontece algo.
- O prezo estimado para que a residencia sexa adecuada anda arredor dos 8 euros ó día (inclúe comida).
- Se é posible, solicite que respecten a dieta que leva o seu can e que lle dean a mesma marca de penso.
- Reserve con antelación a estancia, as mellores residencias están moi solicitadas.
- A primeira vez que deixa a súa mascota nunha residencia pode levar consigo un coxín ou unha prenda co cheiro do seu dono, así sentirá menos o abandono.
- Na medida do posible, sexa fiel á residencia, a segunda vez será menos traumática cá primeira, aínda que polo xeral ó recollelo o can amosarase rabudo e precisará uns días para se reconciliar con quen o abandonou por unha tempada.
- Advirta do carácter da súa mascota: se pode saír pasear con outros cans do seu mesmo sexo, se obedece, se é rebuldeiro, se persegue as ovellas, se ten o costume de come-lo que atopa, sinale os seus puntos débiles. Non se avergonce de estenderse en explicacións, axudará a que os coidadores comprendan mellor o animal.
Antes de emprender unha viaxe coa mascota, convén pensar nas seguintes cuestións: ¿atópase o can nun bo estado de saúde? ¿gozará a viaxe? ¿será benvido no lugar de destino? ¿será posible ocuparse del coma na casa?
As mellores mascotas para levar de viaxe son as que están afeitas a saír e pasear en coche ou a seren levadas en gaiolas para animais. Se o seu can non está afeito a saír da casa e a viaxe vai ser longa, convén levalo pasear antes de partir, para que se afaga.
Hai algunhas precaucións que cómpre tomar:
- Asegurarse de que a cartilla veterinaria está en regra.
- Se vai viaxar a outro país, infórmese sobre se precisa certificados especiais.
- Prevea calquera medicina que poida precisar durante a viaxe.
- Se atopa-lo alimento habitual pode ser difícil, leve unha provisión abonda para as vacacións e evitar problemas dixestivos que poderían causa-los cambios repentinos de alimentación.
- Non esqueza o prato de comida e de auga do can, así coma os elementos para a súa hixiene persoal (cepillos, toallas, champú, etc.).
- Se non ten posto o microchip, cómpre colocarllo. Xa resulta obrigatorio en case tódalas rexións: é a garantía de recoñece-lo animal, se se perde.