Seis depiladoras eléctricas, a exame

Dolorosas pero eficaces

Os sistemas atenuantes da dor son esenciais para elixir unha depiladora
1 Xuño de 2002

Dolorosas pero eficaces

Analizáronse seis depiladoras eléctricas de tres marcas diferentes (dúas de Braun, dúas de Philips e outras dúas de Rowenta). O seu prezo oscila entre os 64 euros de Braun Easy Start e os 85 euros de Philips Satin Ice HP. Tralas probas realizadas, a mellor relación calidade-prezo correspóndelle a Philips Satin Ice HP, a de máis accesorios e a mellor valorada nas probas de uso e aptitude á función, malia a que foi unha das máis lentas en remata-la depilación. Philips Satinelle e Rowenta Access EP385 constitúen tamén opcións interesantes.

Unha depiladora eléctrica é un aparello deseñado para elimina-lo pelo de raíz, mediante uns discos rotatorios incorporados ó cabezal que levantan e extraen o pelo. O número de pinzas (que, ó se abriren e pecharen a gran velocidade, extraen o pelo) de cada cabezal é distinto segundo a depiladora da que se trate. Cantas máis pinzas teñan, menos pasadas serán precisas e máis eficaz resultará o aparello. Pois ben: as dúas de Rowenta teñen 32 pinzas mentres que as outras catro só teñen 20.

Os cabezais das Philips e Braun son extraíbles, o que permite intercambialos e facilita a súa limpeza en profundidade. As dúas mostras de Rowenta teñen cabezais fixos, aínda que en Access EP 385 o cabezal bascula para adaptarse mellor ó contorno da pel.

Entre os cabezais adicionais atópase o exfoliador, que evita o crecemento subcutáneo do pelo. Este tipo de cabezal está presente nas dúas de Philips. As dúas de Rowenta non inclúen este cabezal, pero si incorporan dúas placas exfoliadoras para usalas xunto ó cabezal de depilación principal, unha para pel normal e outra para pel delicada. As de Philips e Rowenta contan cunha tapa que protexe o cabezal cando non se usa.

Ó seren as depiladoras un aparello de uso doloroso, os mecanismos que atenúan o sufrimento adquiren un gran protagonismo. Con respecto a iso, os dous modelos de Braun incorporan o sistema valorado como o menos eficiente: dous rolos con púas que masaxean a zona durante a depilación.

Sistemas contra a dor

Cada unha das Rowenta presenta un sistema distinto para mitiga-la dor por medio de masaxes: Access EP385 utiliza 16 pequenas esferas e Expertise EP345 válese de 68 púas. Philips Satinelle utiliza dous peites de púas brandas, un para o cabezal normal e outro para o de zonas sensibles. En Rowenta Expertise, ó igual ca nas dúas Philips, o radio de actuación do cabezal pódese restrinxir para o seu uso en zonas sensibles (inguas e axilas). Deste xeito consegue unha depilación máis precisa e diminúe a dor.

O sistema máis moderno contra a dor viuse en Philips Satin Ice que, amais de se-la única con cabezal de corte para zonas sensibles (non extrae o pelo, córtao) conta cun aplicador de frío que anestesia a zona que se vai depilar. Este aparello contén un líquido que cómpre conxelar previamente e que se coloca ou non no cabezal segundo as necesidades do usuario.

Nas probas de sonoridade demostrouse que as seis depiladoras son moi ruidosas, con valores próximos ós 100 decibelios (dB). Unha conversa normal sitúase entre os 60 e os 70 dB, e o nivel soleira da dor está entre os 130 e os 140 dB, polo que a emisión de ruído é un aspecto que cómpre mellorar nesta clase de pequeno electrodoméstico.

Aínda que tódolos modelos estudiados superaron satisfactoriamente as probas de adaptabilidade e ergonomía, Philips Satin Ice foi mellor valorada cás demais por se tratar da máis lixeira (102 gramos) e porque a súa forma facilita unha mellor adaptación á man do usuario, o que permite unha mellor suxeición durante o seu uso. A máis pesada foi Rowenta Expertise, que deu 148 gramos na báscula de precisión.

Proba de uso

CONSUMER puxo a proba as seis mostras mediante un panel de 36 usuarios de distintas idades, con diversos tipos e cantidades de pelo e variados hábitos de depilación. Os resultados poñen de manifesto, en liñas xerais, que os dous modelos Philips foron algo mellor valorados cós Rowenta, e estes, á súa vez, foron mellor valorados cós Braun. Así e todo, as diferencias non foron importantes: a puntuación global máis alta na proba de uso acadárona Philips Satin e Satinelle, con 4,3 puntos sobre un total de 5 posibles, mentres que a máis baixa lle correspondeu a Braun Body Epilation: 3,4 puntos.

Este panel de uso avaliou 13 variables distintas. Philips Satin obtivo mellores puntuacións en Número de pasadas precisas para arrinca-lo pelo e en Sensación dolorosa durante a depilación, con boas valoracións no resto das variables. Philips Satinelle, pola súa banda, destacou en Estética do aparello, Posta en marcha práctica, Facilidade de agarre e Ergonomía, Manexabilidade, Nivel sonoro, Facilidade de uso, Apreciación da función de exfoliación, e Facilidade de limpeza do aparello.

Rowenta Expertise, que obtivo 4 puntos, os mesmos ca Rowenta Access, destacou en Calidade da depilación durante a primeira pasada, Suavidade da pel trala depilación, e empatou con Philips Satin en Número de pasadas precisas para arrinca-lo pelo. As dúas de Braun obtiveron resultados menos brillantes pero tamén correctos: Body Epilation, 3,4 puntos, e Easy Start, 3,5 puntos.

O tempo, fundamental

A depiladora que menos tempo precisou para rasurar media perna foi Rowenta Access, con 5 minutos e 33 segundos, seguida de Philips Satinelle, que precisou 6 minutos e 7 segundos. E a quen máis tempo lle levou foi a Braun Body Epilation (10 minutos e medio) e a Philips Satin (9 minutos, 17 segundos).

Por outra banda, nas probas relacionadas coa seguridade do producto e a súa compatibilidade electromagnética, as seis depiladoras estudiadas demostraron un bo comportamento: ningunha supón perigo para o usuario nin interfire co funcionamento doutros electrodomésticos.

Para o transporte

Tódolos modelos incorporan bolsa de transporte, pero a mellor é a de Philips Satin, que conta cun estoxo con compartimentos independentes para a depiladora e para o resto de accesorios. As dúas Braun inclúen bolsas fabricadas cun material que simula un enreixado metálico e é resistente ós golpes e ás rachaduras. A bolsa de Braun Easy Start é mellor, xa que o seu peche é de cremalleira e non de cordón corredizo. A bolsa de Philips Satinelle é sinxela, de tea permeable e con peche mediante cordón corredizo.

Información ó consumidor

Tódolos manuais foron ben valorados, aínda que con matices: os de Philips e Rowenta son moi bos, pero os de Braun valoráronse un pouco peor por non incluíren indicacións de cómo actuar en caso de que a depiladora ou o alimentador se deterioren. O manual de Philips HP 6447/00 non se corresponde con ese modelo.

A marcaxe e os símbolos que presentan as seis depiladoras estudiadas incumpren a normativa ó estaren incompletas as placas de características eléctricas de tódolos modelos. As garantías das mostras de Philips son correctas, pero teñen unha errata: din ser de cafeteira. A de Braun 2550 non se corresponde co modelo en cuestión, e o formato da de Rowenta EP385 non é correcto: falta espacio para indica-lo vendedor, a data e o comprador.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse seis depiladoras eléctricas de Philips, Braun e Rowenta, que custan entre 64 euros (Braun Easy Start) e 85 euros (Philips Satin Ice).
  • Todas incumpren a norma en información e protección ó consumidor. As garantías das Philips din ser dunha cafeteira, non dunha depiladora.
  • Os cabezais das Rowenta teñen 32 pinzas fronte ás 20 do resto, aínda que son os únicos cabezais fixos (de peor limpeza e imposibles de intercambiar).
  • Na proba de uso todas quedaron ben. As Philips foron as mellores (4,3 puntos sobre 5), seguidas polas Rowenta (4 puntos) e as Braun (3,5 e 3,4 puntos).
  • Un dos aspectos que cómpre mellorar nestas depiladoras é o nivel de ruído: nas seis foi moi elevado.
  • O tempo preciso para completa-la depilación de media perna variou moito: entre 5 minutos e medio en Rowenta Access e 10 minutos e medio en Braun Body Epilation.
  • Philips Satin Ice, malia a se-la máis cara (85 euros) e unha das máis lentas, é a mellor relación calidade-prezo: salienta no seu sistema antidor, en adaptabilidade e ergonomía e en facilidade de limpeza e mantemento. Outras opcións interesantes: Philips Satinelle e Rowenta Access.
Marca PHILIPS PHILIPS BRAUN BRAUN ROWENTA ROWENTA
Modelo SATINELLE BODY CARE HP 6447/00 SATIN ICE TOTAL CARE HP 6438/PB BODY EPILATION 2550 EASY START 2240 ACCESS EP 385 EXPERTISE EP 345
Prezo (euros) 69,95 84,55 71,67 63,71 69,33 64,98
Información e protección ó consumidor
Marcado/Simbolos NC NC NC NC NC NC
Instruccións uso, mantemento e limpeza C C NC NC C C
Garantía C C NC C NC C
Características técnicas
Peso (g) 122 102 118 118 133 148
Nº de pinzas del cabezal 20 20 20 20 32 32
Cabezal fixo ou extraíble Extraíble Extraíble Extraíble Extraíble Fixo / Basculante Fixo
Tipos de cabezales Non Non Si Si Non Non
Cabezal zonas sensibles Non Si Non Non Non Non
Cabezal de corte Si Si Non Non Non Non
Cabezal exfoliador Si Si Non Non Si Si
Accesorios del cabezal Peite púas Aplicador frío Rolos Rolos Esferas Púas
Tapa de protección Peite púas Aplicador frío Rolos Rolos Esferas Púas
Atenuador del dolor Non Non Non Non Placas Placas
Exfoliador Precisión / Zona sensible Si Si Non Non Non Si
Seguridade C C C C C C
Compati- bilidade electro- magnética B B MB B B MB
Aptitude ó uso
Manual de uso MB MB B B MB MB
Aspecto exterior y acabado B N B B N N
Marcado / Visibilidade Cabezal depilación M M M M M M
Sistema zonas sensibles / precisión N N N N B B
Sistema de exfoliación N N B N N
Sistema antidor B B B B
Regulación del cabezal B MB N N B B
Adaptabilidade e ergonomía N N N N B N
Limpeza e mantemento B B B B N N
Proba de uso 4,3 4,3 3,4 3,5 4,0 4,0
Valoración global N MB N N B N

Notación empregada: C: Correcto; NC: Non correcto; MB: Moi ben; B: Ben; N: Normal, M: Mal; MM: Moi mal

Unha por unha

Unha por unha, seis depiladoras eléctricas

PHILIPS SATIN ICE TOTAL CARE HP 6438/PB

  • 84,55 euros, a máis cara.
  • Valoración global: Moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • Paquete: estoxo, aplicador de frío anestesiante, cabezal de depilación con discos, de exfoliación, de afeitado, adaptador de precisión, alimentador de rede e cepillo de limpeza. Mal en marcaxe e símbolos. A máis lixeira. Única con cabezal de corte. Moi ben en manual, sistema antidor, adaptabilidade e ergonomía, e en mantemento e limpeza.
  • Proba de uso: A mellor xunto á Philips Satinelle, con 4,3 puntos sobre 5. O mellor: “moi ben o bloque refrixerante, depilación pouco dolorosa, función de exfoliación e depilación eficaz”. O peor: é unha das máis lentas.

PHILIPS SATINELLE SUPER SENSITIVE BODY CARE HP 6447/00

  • 69,95 euros
  • Valoración global: normal.
  • Unha opción interesante.
  • Paquete: estoxo de viaxe, cabezal de depilación con discos rotatorios, sistema antidor (pernas), sistema antidor (axila e inguas), cabezal de exfoliación, adaptador para zonas sensibles, alimentador de rede e cepillo de limpeza. Mal en marcaxe e símbolos. Inclúe cabezal de exfoliación. Moi bo manual e ben en aspecto exterior e acabado, sistema antidor e limpeza e mantemento.
  • Proba de uso: Xunto con Philips Satin Ice, a mellor: 4,3 puntos sobre 5. O mellor: “función de exfoliación eficaz, depilación pouco dolorosa”. O peor: “son precisas demasiadas pasadas”.

ROWENTA ACCESS BODY & CARE EP 385

  • 69,33 euros
  • Valoración global: Ben.
  • Unha opción interesante.
  • Paquete: cabezal estándar, de depilación soft precision, estoxo de viaxe, dúas plaquiñas exfoliantes (pel normal/delicada), alimentador de rede e cepillo de limpeza. Mal en simboloxía, marcaxe e garantía. O seu cabezal é fixo, pivota e ten 32 pinzas, non 20. Manual moi claro, e ben o cabezal de depilación, sistema antidor e regulación do cabezal.
  • Proba de uso: 4 puntos sobre 5. O mellor: “función de exfoliación eficaz, depilación eficaz”. O peor: “ruidosa, son precisas demasiadas pasadas, depilación dolorosa”.

BRAUN SILK EPIL EVER SOFT EASY START 2240

  • 63,71 euros, a máis barata.
  • Valoración global: Normal.
  • Paquete: cabezal de depilación estándar, cabezal de depilación stárter con número reducido de pinzas, accesorio antidor ever soft, estoxo de viaxe, alimentador de rede e cepillo de limpeza. Mal en simboloxía, marcaxe e instruccións de uso e mantemento. Incorpora cabezal para zonas sensibles, pero non un sistema exfoliante, nin tapa de protección do cabezal. En aptitude á función, salientou en aspecto exterior, acabado, facilidade de mantemento e limpeza.
  • Proba de uso: 3,5 puntos sobre 5. O mellor: “depilación eficaz, limpeza práctica”. O peor: “son necesarias varias pasadas”.

ROWENTA EXPERTISE BODY & CARE EP 345

  • 64,98 euros
  • Valoración global: Normal.
  • Paquete: cabezal de depilación soft precision, estoxo de viaxe, adaptador cabezal zonas sensibles, dúas plaquiñas exfoliantes (pel normal/delicada), alimentador de rede e cepillo de limpeza. Mal en simboloxía, marcaxe e garantía. A máis pesada. O seu cabezal é fixo, non pivota e ten 32 pinzas, non 20. Moi ben o seu manual de uso, e ben o cabezal de depilación e o seu sistema antidor.
  • Proba de uso: 4 puntos sobre 5. O mellor: “función de exfoliación eficaz, depilación eficaz”. O peor: “ruidosa, depilación dolorosa”.

BRAUN SILK EPIL EVER SOFT BODY EPILATION 2550

  • 71,67 euros
  • Valoración global: Normal.
  • Paquete: cabezal de depilación de raíz con pinzas, para zonas sensibles, accesorio antidor ever soft, estoxo de viaxe, alimentador de rede e cepillo de limpeza. Mal en simboloxía, marcaxe, instruccións e garantía. Cabezal para zonas sensibles, pero sen sistema exfoliante. Moi ben en compatibilidade electromagnética. Destacou no cabezal para zonas sensibles, aspecto exterior e acabado, e mantemento e limpeza.
  • Proba de uso: 3,4 puntos sobre 5. O mellor: “estética do aparello”. O peor: “son precisas varias pasadas, ruidosa”.