Vibracións saudables
Facer exercicio ao mesmo tempo que cociña, mentres le un bo libro ou goza dunha película e mesmo cando axuda os seus fillos a faceren os deberes. Non parece mala idea, pero… como se dá feito? A resposta, unha modalidade de exercicio físico baseada no adestramento mediante aparellos vibratorios aplicables a unha zona concreta do corpo ou a un determinado conxunto muscular. Para iso utilízanse plataformas vibratorias, cinchas ou cables adheridos ao corpo.
En xeral, optan por este tipo de adestramento aquelas persoas que practican un deporte de xeito habitual e buscan unha alternativa ao exercicio con pesos que produza respostas musculares parecidas. Non obstante, a publicidade nos distintos medios de comunicación sobre as bondades do exercicio físico con vibracións contribuíu a que persoas pouco afeitas a practicar algún tipo de deporte utilicen este sistema que, aínda que poida resultar conveniente en momentos concretos e recomendado por profesionais, en ningún caso altera o tecido graxo nin a celulite. Tampouco se perde peso, nin se logra estar en forma nunha semana, polo que queda invalidado o principal reclamo da publicidade. Aínda así, a comunidade científica continúa as súas investigacións con aqueles que usan de maneira cotiá o adestramento vibratorio co obxectivo de descubrir se é realmente efectivo.
Movementos repetitivos, entre o beneficio e o prexuízo
As vibracións, movementos oscilatorios das moléculas, producen unha serie de efectos sobre o corpo humano que experimentamos de xeito inconsciente cando viaxamos en tren ou en autobús, cando montamos nun ascensor ou mesmo cando estamos na casa ou no traballo. As investigacións realizadas ata agora evidencian que estes efectos poden ser tanto prexudiciais, como acontece no ámbito laboral (condutores de guindastres, de autobuses, operarios que traballan con trades, etc.), como beneficiosos, tal e como acontece no campo da actividade física, o deporte, a rehabilitación e alivio da dor crónica. Todo depende das características das vibracións aplicadas, determinadas polos parámetros de magnitude (aceleración), frecuencia (ciclos por segundo), amplitude da onda, dirección e duración da sesión. As máis recomendadas polo seu efecto beneficioso sobre o organismo son as que teñen unha frecuencia de entre 25 e 40 hercios (Hz), unha amplitude entre 2 e 10 milímetros e unha duración total que non supere os 30 minutos.
Efectos sobre distintos sistemas do organismo
- Sistema neuromuscular: con cinco series de 30 segundos a 30 Hz prodúcense 4.500 contraccións musculares e o seu efecto é similar ao do adestramento con ciclos de estiramento-acurtamento (pesos), pero dun xeito máis controlado. Mellora a activación do músculo, a súa rapidez de resposta, a forza, a potencia e, ademais, comprobouse que tamén contribúe a alcanzar unha boa flexibilidade e axilidade.
- Sistema endócrino: probouse que o adestramento con vibracións provoca un aumento da hormona do crecemento e mais da testosterona, un descenso do cortisol e unha lixeira redución da glicosa en sangue.
- Tecido óseo: no laboratorio observouse que oscilacións de baixa frecuencia e amplitude estimulan a formación de osteoblastos (células que rexeneran a estrutura ósea), polo que este método de tratamento podería utilizarse na prevención e tratamento da osteoporise. Estes efectos, así e todo, atópanse aínda en fase de estudo.
- Sistema cardiovascular: durante os estímulos vibratorios prodúcese un aumento da presión arterial sistólica e da frecuencia cardíaca, pero ao rematar o exercicio descenden, o que se podería deber a un efecto vasodilatador e á diminución das resistencias vasculares periféricas. Non obstante, este punto é controvertido, xa que hai estudos que non atoparon tales diferenzas nin variacións significativas.
Este tipo de adestramento ten numerosas aplicacións no deporte e na rehabilitación e, amais dos devanditos efectos, achega resultados positivos sobre os músculos, tendóns, ósos e articulacións, amais de mellorar a potencia, a forza máxima e a explosiva, a velocidade, a axilidade e a flexibilidade. A facilidade de uso das máquinas de vibracións, o pouco tempo requirido para se obteren resultados, as mínimas probabilidades de que aparezan lesións e, para algúns, a comodidade de podelo practicar na casa, converten este exercicio vibratorio nunha alternativa ou nun recomendable complemento a outros tipos de exercicio.
Non obstante, malia os beneficios demostrados, dende a comunidade médica insístese en que aínda hai moito que investigar sobre os efectos no organismo deste tipo de adestramento e recoméndase non abusar del. Constatouse que, no caso contrario, se poden dar casos de edemas (inchazo) e unha importante dexeneración das fibras musculares. En definitiva, efectos contrarios aos desexados.