Eliminar as varices: da cirurxía clásica á ambulatoria

A extracción cirúrxica das veas varicosas está a ser substituída por novos métodos de tratamento menos agresivos que evitan que o paciente teña que ingresar no hospital e facer repouso absoluto
1 Marzo de 2009
Img salud

Eliminar as varices: da cirurxía clásica á ambulatoria

/imgs/20090301/salud.jpg
Non entenden de sexos, aínda que afectan máis ás mulleres, son antiestéticas e producen un malestar continuo por mor das comechóns e do peso nas pernas. Aínda que non chegan, polo xeral, a ser unha patoloxía, requiren de coidados inmediatos para que non dexeneren en enfermidades relacionadas cun mal funcionamento do sistema circulatorio, como flebite ou trombose. As veas varicosas, máis coñecidas como varices, pódense tratar a través de novas técnicas cirúrxicas, menos radicais e invasivas con respecto ás aplicadas ata agora, que se baseaban na súa extirpación mediante a cirurxía clásica.

A manifestación máis habitual destas veas é a súa dilatación permanente, facéndose grosas, desiguais e sobreelevadas na pel das pernas. Non obstante, hai outras representacións clínicas varicosas como as telanxiectasias, coñecidas como arañas vasculares -dilatacións de pequenos vasos sanguíneos ou capilares-, varices con edema (acumulación de líquido), cambios de coloración e mesmo úlceras cutáneas. E aínda que nalgúns casos son asintomáticas, poden advertir do mal funcionamento do sistema circulatorio.

Entre os factores de risco máis comúns que se detectaron destacan os seguintes: idade avanzada, permanecer de pé de maneira prolongada, sobrepeso, obesidade e embarazo. Estas situacións contribúen ao mal funcionamento das válvulas venosas e a que estas provoquen un fallo da circulación de retorno; o sangue atopa dificultades para vencer a forza da gravidade e ascender dende as pernas cara ao corazón. É daquela cando se estanca e dá como resultado as antiestéticas e molestas varices.

Arredor do 50% dos afectados non precisan operarse, xa que a aparición de varices non supón un risco grave para a súa saúde. O anxiólogo e mais o cirurxián vascular son os especialistas indicados para determinar o tipo de varices que só representan un problema estético e as que cómpre operar, de acordo aos diversos síntomas -comechón, cambras, inchazo e pesadez, molestias ou dor e pernas cansas- ou ben para evitar futuras complicacións, como a flebite -inflamación da parede dunha vea que pode dar orixe a un trombo- e a trombose -formación dun trombo ou coágulo no interior dun vaso sanguíneo.

Desvantaxes da cirurxía clásica

/imgs/20090301/salud-2.jpg
O momento máis propicio para iniciar o tratamento contra estas veas varicosas é aquel no que a súa dilatación é mínima, en inverno ou durante as estacións máis frías, xa que a temperatura ambiental alta favorece o seu inchazo. Por este motivo, as distintas cirurxías en varices realízanse antes ou tras o verán. Entre as operacións máis tradicionais atópase a denominada safenectomía -extracción da vea safena ou fleboextracción. Consiste en extirpar a vea safena, que forma parte do sistema venoso superficial e os paquetes varicosos colaterais. Realízase en veas de tamaño medio-grande e mediante anestesia xeral.

O principal inconveniente desta intervención convencional é que se trata dun tratamento radical, posto que se lle priva á persoa afectada dunha parte do seu capital venoso de por vida. Os médicos máis críticos con esta técnica sosteñen que esta extirpación radical da safena pode provocar unha alteración da circulación no sistema venoso superficial que conduciría a unha recidiva -reaparición de varices-, máis difícil de tratar. Pola contra, de se conservaren, estas veas poderíanse utilizar como material para practicar un by pass (realizar “pontes” con estes condutos venosos) de ser preciso.

Outra desvantaxe da cirurxía clásica é que, tras a operación, o paciente debe permanecer ingresado no hospital polo menos un día, e en repouso absoluto varios días, o que obriga a solicitar unha baixa laboral prolongada.

Ante ambos os dous inconvenientes, nos últimos anos véñense aplicando outras opcións cirúrxicas menos agresivas e máis acordes coas necesidades da sociedade moderna que se practican sen a necesidade de ingreso hospitalario. Deste xeito, os pacientes sofren menos no postoperatorio e pódense reincorporar antes á súa vida cotiá e laboral.

Non obstante, a cirurxía ambulatoria non se lles pode aplicar por igual a todos os pacientes. O Capítulo Español de Fleboloxía (CEF) da Sociedade Española de Anxioloxía e Cirurxía Vascular (SEACV) advirte de que “a cirurxía de varices pode realizarse de forma ambulatoria nos casos nos que o especialista o considere axeitado”, sen que se poidan definir a priori e dun xeito xeral os grupos con esta indicación”.

O Eco-Doppler, unha revolución diagnóstica

A utilización dun novo tipo de ecografía, chamada Eco-Doppler, supuxo unha revolución no diagnóstico das varices. Converteuse na proba estándar para determinar ademais outras enfermidades das veas. Grazas a esta proba de diagnóstico por imaxe pódese realizar un mapa das varices -unha cartografía hemodinámica- e un estudo sobre cales son as condicións reais do estado da súa circulación sanguínea.

Ao mesmo tempo, a irrupción do Eco-Doppler permitiulles aos especialistas en anxioloxía e en cirurxía vascular decidir cal é a mellor opción terapéutica para cada paciente e trazar o plan cirúrxico axeitado en cada caso. Na actualidade, todos os pacientes se someten a un estudo con Eco-Doppler antes de optar pola cirurxía.

Técnicas que non precisan hospitalización

A cura CHIVA, un cambio de enfoque

/imgs/20090301/salud-3.jpg
CHIVA é o acrónimo da Cura Hemodinámica da Insuficiencia Venosa Ambulatoria, unha técnica ideada polo cirurxián francés Claude Franceschi en 1988. Esta técnica, que comezou a aplicarse a finais dos anos oitenta, supón un cambio de enfoque con respecto á cirurxía máis convencional: o seu obxectivo é conservar as veas varicosas no canto de extirpalas de modo definitivo para reorganizar a drenaxe sanguínea dos tecidos e intentar restaurar un funcionamento axeitado. Efectúase a través de pequenos cortes e con anestesia local. Outra diferenza fundamental é que tras a súa aplicación -que se pode alongar entre media hora e 45 minutos-, o paciente non debe facer repouso, posto que unha vez finalizada sae da sala andando. Debe camiñar durante unha hora seguida despois da cirurxía e todo o que poida os días seguintes co fin de restaurar a circulación da perna intervida, xa que canto máis se camiña, mellor é a súa recuperación. A maioría dos pacientes que se someten a esta cura poden facer vida normal ao día seguinte da intervención e só acudirán á consulta unha semana despois para proceder á extracción dos puntos de sutura. Aínda que durante un tempo a cura CHIVA se cuestionou porque se consideraba que os seus resultados non estaban suficientemente probados, nos últimos anos elaboráronse estudos que a comparan coa cirurxía convencional. Un deles -realizado polo equipo de Elena Iborra Ortega do Hospital Universitario de Bellvitge en L ‘Hospitalet de Llobregat (Barcelona), tras cinco anos nos que se seguiron as intervencións de 100 pacientes coa técnica convencional (fleboextracción) ou coa conservadora (CHIVA)- revelou que con ambas as dúas técnicas se obteñen resultados clínicos e estéticos similares. A reaparición de varices (recidivas) é dun 30%, lixeiramente superior no grupo da cirurxía clásica, aínda que sen diferenzas significativas entre ambos os dous grupos; e a taxa de reintervencions é similar, aínda que, nun principio, se atribuíra un maior número á cura CHIVA.

Endoláser ou radiofrecuencia

O endoláser e a radiofrecuencia endovenosa son dous procesos modernos de tratamento das varices tratadas dende dentro. Ao igual ca a cura CHIVA evitan a extracción da vea safena interna pero, a diferenza desta, non restauran o seu funcionamento, senón que destrúen a vea. Ambos os dous procedementos sérvense da enerxía térmica, procedente dunha fonte de láser ou de ondas de radio e liberan esta enerxía a xeito de calor nas veas varicosas, de maneira que as quenta para que se atrofien e queden seladas. Co fin de administrar esta enerxía térmica ou calor practícase unha pequena abertura, a través da cal se introduce un pequeno dispositivo (catéter) na vea afectada. Tanto o endoláser ou láser percutáneo, como a radiofrecuencia aplícanse con anestesia local, e todas elas son técnicas rápidas -realízanse entre 30 e 45 minutos- e sinxelas.

A escleroterapia

Esta técnica está indicada para as telanxiectasias ou arañas vasculares, varices de pequeno tamaño e varices residuais despois dunha cirurxía. Consiste en inxectar unha substancia nas veas varicosas que destrúe o tecido ata destruílas para que se acaben absorbendo e se disimulen sen necesidade de extirpalas. Tradicionalmente, a escleroterapia realizouse mediante a aplicación de substancias en forma líquida, pero nos últimos anos apareceron novas modalidades en forma de microescuma.

Crioesclerose

Trátase dun método terapéutico ideado polo especialista Manuel Sánchez Ripio, centrado en inxectar na vea unha substancia química que se atopa a temperaturas baixísimas. O seu obxectivo é eliminar as varices queimándoas co frío e é útil nos pequenos capilares (telanxiectasias) resistentes á escleroterapia clásica. Aplícase mediante unha crioxiringa que consta de dous compartimentos: un para albergar a substancia terapeútica sen conxelar e capaz de aturar temperaturas de -40 ºC e outro para a neve carbónica, que permite que o produto alcance e manteña durante o procedemento esta temperatura. Unha das súas vantaxes é que pode realizarse en calquera época do ano, sempre que se evite a exposición directa ao sol.

Consellos para aliviar as molestias propias das varices:
  1. Darse duchas de auga fría e aplicarse crema hidratante despois.
  2. Evitar a calor no verán, a exposición prolongada ao sol e usar cremas solares de protección alta. Na praia convén camiñar e remollarse a miúdo.
  3. Evitar permanecer sentados ou de pé durante períodos prolongados.
  4. Utilizar calzado ancho e cómodo e evitar o uso de tacóns.
  5. Vestirse con roupas amplas, cómodas e ventiladas no canto de faixas e de roupa axustada.
  6. Elevar os pés sobre o nivel do corazón durante 15-30 minutos varias veces ao día para reducir os síntomas das varices e o edema (acumulación de líquido).
  7. Durmir cos pés elevados na cama uns 15 centímetros.
  8. Reducir o sobrepeso e a obesidade.
  9. Realizar exercicios nos que se flexionen os nocellos para favorecer o bombeo muscular.
  10. Utilizar medias de compresión elástica que activan a circulación.

Fontes: Capítulo Español de Fleboloxía da SEACV e Guía para o manexo da Insuficiencia Venosa Crónica. Guías clínicas 2002; (21)