Levan máis de doce tempadas ininterrompidas en antena. Están a salvo dos cambios climáticos da televisión?
Na televisión, con trece anos es xa un ancián vetusto! Somos dos programas máis veteranos da nosa canle e iso aínda ten máis mérito tendo en conta que falamos do medio natural, que é o irmán pequeno sempre.
Abordan temas que decote quedan excluídos dos informativos.
Non somos un programa de actualidade. Abordámola puntualmente en casos nos que cumpría, como coa catástrofe do Prestige. É a máis evidente. Tiñamos a obriga de facer unha reportaxe que saíse decontado. Non é que non abordemos temas de actualidade, pero sempre dende un punto máis reflexivo. Non sufrimos a tiranía esa de “temos que saír a semana que vén con ese tema”.
Teñen vocación de servizo público?
As canles públicas son as únicas que non só teñen a posibilidade senón a obriga de ofrecer este tipo de informacións. Raramente verás que “Callejeros” ou calquera outro programa de reportaxes de Telecinco ou de Antena 3 fale de cousas como marchar aos montes do Courel e explicar que a xente alí vive un problema cunha canteira de lousa que está a romper o monte. Se esas canles non ven o amarelo por algún lado dificilmente irán facer unha reportaxe. En principio nós non estamos suxeitos á tiranía da audiencia. A priori, claro, porque en realidade sempre o estás. Sempre estás na picota, pódenche dicir “oe, este programa non funciona”. Pero o noso límite é diferente, de nós o que lles importa aos que fan a programación é que o noso ‘share’ (proporción da audiencia que nese intre segue o teu programa) sexa aceptable e que estea ben, que funcione por riba da cadea, e xa está.
Só se fala do medio natural cando hai unha catástrofe?
Sí. Cando xa é unha catástrofe si, pero no día a día as canles privadas non abordan estes temas. E cando o fan, sobre a lei de costas, por exemplo, onde poñen o dedo? No espectáculo e no drama, no máis morboso do o tema. Nós non abordariamos nunca o tema dende aí.
Emiten o programa os domingos tras a misa. É porque facer un programa así require moita fe?
O grupo de xente que o impulsou traballaba aquí (Centro Territorial de RTVE en Cataluña), en Informativos. Vían que moitas noticias que chegaban acababan no lixo, algunhas delas novas relacionadas co medio natural. Crían que había posibilidade de lles dar unha saída e propuxeron o xermolo do programa. Primeiro díxoselles algo como “imos facer un programa en trece capítulos e non vos esforcedes demasiado” pero non fixeron caso e puxéronse a pedir equipos, a moverse e captaron un público que estaba agardando contidos dese tipo.
Son xornalistas e ecoloxistas?
Nós non somos un programa de ecoloxistas, nin estritamente sobre ecoloxismo. A nosa posición e o noso día a día está máis próximo ás posturas dos ecoloxistas que ás que poida ter determinada empresa ou a Administración pero non somos ecoloxistas, porque daquela tomariamos partido de entrada. Intentamos abordar as cuestións dende a obxectividade, aínda que estamos próximos aos ecoloxistas porque moitas veces nosas fontes de información son eles. Eles ou asociacións de veciños non necesariamente ecoloxistas pero que teñen nun momento dado un problema relacionado co ambiente. Daquela organízanse, montan unha plataforma e mándannos un correo e dinnos “mire, aquí estanos acontecendo isto”.
A loita dos conservacionistas é a de David contra Goliat?
Vivimos nunha sociedade dual. Temos as posturas a prol do desenvolvemento fronte ás posturas a prol da conservación e este punto de polémica e de fricción telo en moitos exemplos en toda España. Dinche “a miña comarca estase afundindo, preciso montar unha industria porque se non monto unha refinería a xente marcha vivir á cidade”. Unha mina de carbón en León, unha canteira de lousa no Courel… os problemas sempre acaban cunha tesitura destas. A proposta economicista fronte á conservacionista e a pugna de forzas. Non podemos esquecer que o argumento conservacionista, en realidade, impórtalle a pouca xente. O medio non son só animais e paisaxes. O medio está intimamente relacionado co contorno, coas persoas. Somos un pouco antropólogos ás veces. Agora mesmo fomos a Andalucía para facer unha reportaxe sobre as persoas que viven en covas. Porque sempre intentamos chegar á vivencia particular desas persoas. O documental o que fai é descubrir a realidade e vivila e compartila con outras persoas. E iso é o que procuramos facer.
Somos ecoloxistas de palabra?
Eu advirto desta hipocrisía a miúdo. Todo o mundo fai bandeira da ecoloxía, pero decátasete de que na selva do Amazonas retroceden os espazos para as tribos indíxenas porque os madeireiros fabrican etanol para biocombustibles. Arrasando campos para construír factorías. É necesario?
Hai abundante información negra, amarela e rosa pero pouca verde?
A verde é a menor. Non só a nivel de que ocupe máis ou menos espazo nun xornal, senón a nivel das propias persoas. Se me poñen aquí un colector para separar os envases, se cadra fágoo, pero que mo faciliten ao máximo, porque como teña que moverme tres rúas non o vou facer. En realidade, o ambiental interesa a pouca xente, agás cando che afecta directamente. Entón todos nos volvemos ecoloxistas, conservacionistas e o que cumpra.
É un equilibrio difícil.
Vivimos un pouco na confusión. Queremos parques nacionais. Velaí están os Picos de Europa. É un espazo enorme e no verán parece Eurodisney. Estamos a facer parques nacionais como reservas de indios para que alí non entre ninguén? Son parques temáticos para que a xente goce? Os cazadores dinche “nós somos os principais conservadores”, os gandeiros e os labregos, “é que se non estivésemos, a natureza hai tempo que deixaría de existir” e, evidentemente, os conservacionistas tamén tiran cara ao seu lado, moitas veces con moita verdade e outras con menos verdade. O noso traballo é pór de manifesto un problema que estaba agachado e que se cadra cumpría ir vendo porque se comenten moitos excesos dende a Administración.
O seu traballo é, daquela, un traballo de denuncia?
Nós non imos coa fita de Rambo, a meter coiteladas a esgalla, senón que imos ver que é o que nos teñen que explicar, e con que argumentos, uns e outros. Sempre con obxectividade, agás no caso do Prestige, no que si sufrimos moitas presións. Ao final, o tema saíu como queriamos, ata o punto de que non querían que falásemos de marea negra e fixemos unha reportaxe titulada “Marea da morte”. Escoitamos as partes e comprobamos o que hai. E o que acabamos vendo é que vivimos unha mentira que todos cremos. Ti agora ves un anuncio en televisión e dinche que o coche non sei que é o máis ecolóxico e resulta que de ecolóxico non ten nada.
Está de moda dicir que un é verde?
Está de moda, si. Estamos a preparar unha reportaxe que se chama “Non é verde todo o que reloce”. Unha empresa que tiña unha mina de lousa no Courel e que tapara o leito dun río con entullos dicía na súa páxina de Internet que o seu lema era “sostibilidade e medio natural”. Incrible: facían gala de seren os máis sostibles e conservacionistas. Vivimos unha mentira e crémola.
Por que non sabemos distinguir a publicidade dos feitos?
Porque ás veces gústanos estar na mentira. Bastantes problemas temos coa crise, con isto, con aqueloutro… como para preocupármonos máis.
Nin sequera sabemos se existe o controvertido cambio climático.
Eu son dos que coidan que se está a producir un cambio climático, provocado porque consumimos moitos máis mundos dos que temos.
Entre tanto slogan baleiro, poden os consumidores facer algo polo medio natural?
Si, existe a posibilidade. Se mercas un moble o tema da madeira está regulado. Ten que ser madeira certificada de orixe. Pero é difícil. Estamos arrodeados de produtos derivados do petróleo. Podemos facer pequenas cousas. Podemos desprazarnos en bicicleta, utilizar o transporte público, non empregar o coche tan alegremente. Xa hai xente que non usa tanto o coche, aínda que quizais non tanto por unha cuestión de conciencia senón porque economicamente non pode.
Como de verdes somos en España?
Imos avanzando, pero aínda estamos á cola. Non só no medio natural, tamén no tocante aos dereitos dos animais. O outro día explicábame un veterinario especializado en casos de bioética que había casos nos que a familia se desprendía do can porque cando meteran as maletas no coche o can non entraba. Tampouco temos un grupo político forte que defenda os intereses que defendían ‘os verdes’ de Alemaña e outros. Non creo que teñamos unha representación a ese nivel que poida competir a unha altura semellante á dos partidos políticos maioritarios. Eu creo que á xente que lle interesan os temas de sostibilidade e medio natural ten outros ámbitos nos que lograr esa representación: as asociacións conservacionistas do noso país.
Poderiamos comezar por defender o noso contorno máis próximo?
Ao mellor non é preciso preocuparte de todo, pero podes dedicarte a unha cousa concreta: de que o voitre negro volva voar en Mallorca, non ten por que ser salvar a balea franco austral na outra parte do mundo. Podes facelo a carón da túa casa conservando as ras ou un tipo de bolboreta que hai aí na túa zona.
É vostede moi crítico con outros xeitos de facer reportaxes, moi populares en televisión.
Agora estílase o tipo de reportaxe do xornalista que vai coa mini DV, eu son o ollo e esta é a miña cámara, e van gravando. Dá unha sensación de realidade falsa e mentireira e, ademais, provocada. Dende a telenatura, en contra do telelixo. Nós, dende a natura temos que falar de lixo. Tócanos falar de lixo e meternos en vertedoiros de todo tipo. Pero ningún dos membros do programa comparte as teses que premian a programas deste tipo. Agora resulta que a gran fórmula das reportaxes é inmiscirse nas vidas alleas do xeito máis brutal posible e facer que expliquen o seu drama persoal. Nós non forzamos a ninguén, só lles damos a oportunidade de se explicaren.
Cal é a clave dunha boa reportaxe?
Os xornalistas son aprendices de todo e mestres de nada. O noso oficio consiste en explicar o que nos explican a nós. O truco é facer o filtro previo de quen me vai explicar esta cuestión, ter a experiencia que che leva a concluír “este de aquí está a me vender un conto “. Confrontar sempre as posturas, as ideas. E así que o tes claro, construír unha boa historia. Iso é o que ten a tele, tes que reenganchar todo o tempo a xente ou, se non, cambian de canle. Hai que contar unha película e para iso o mellor é: introdución, nó, desenlace.
Coida que a crise económica mundial pode ser unha boa oportunidade para facer o mundo máis sostible?
É unha incógnita, pero o primeiro que se viu en España é que se recortou o gasto do Ministerio de Medio Ambiente. E se se propuxese pechar unha fábrica onde traballan moitas persoas porque está a afectar o medio natural, íano pensar moito.
Cara a onde se dirixe agora “El escarabajo verde”?
Imos procurar abordar temas máis belixerantes e máis sociais. Vainos interesar máis a lei de costas ou os transxénicos que falar dunha tenda de medicina natural. Aínda séndomos moi conscientes de que non somos a BBC, nin National Geographic nin Discovery Channel, e de que temos uns equipos e tempos de rodaxe establecidos para facermos o traballo, e de que por iso nos temos que adaptar a ese modelo, na selección dos temas e no seu desenvolvemento si que imos tentar que os programas teñan ese enfoque máis social, máis participativo e máis involucrado.