Mellor margarina ca manteiga
Manteiga ou margarina? Aínda que hai quen ten ben claras as súas preferencias, a dúbida xórdelles a moitas persoas cando hai que preparar as torradas do almorzo, os bocadillos dos rapaces e certos prebes ou pratos. Ambos os dous son alimentos sen case proteínas nin hidratos de carbono (menos dun 1% destes dous nutrientes), pero moi graxos e caloríficos, polo que convén moderar a súa inxestión, e con particularidades que os distinguen. Non é pequena a de que a manteiga ten orixe animal e procede exclusivamente de leite ou de nata, mentres que a margarina se obtén con complexos procesos tecnolóxicos a partir de aceites vexetais (aínda que se pode elaborar con graxa animal, hoxe case todas son 100% vexetais). Tamén é lugar común que o tradicional sabor da manteiga e a súa imaxe de produto máis natural fixeron que gañase adeptos fronte á margarina. Esta, aínda que nace apenas hai unhas décadas como resultado das necesidades e esforzos da industria alimentaria, non carece dun par de convincentes argumentos: custa moito menos -case a metade- ca a manteiga e resulta máis doada de untar ao ser a súa graxa máis branda.
Ao se compararen no laboratorio, tal e como fixo CONSUMER EROSKI nesta análise comparativa, as manteigas máis vendidas (a súa materia graxa, toda ela láctea, representará entre o 80% e o 90% do produto: analizáronse seis, as convencionais de Arias, Breda, Pascual e Central Lechera Asturiana e as “doadas de untar” de Arias e Président) coas margarinas máis consumidas compróbase que a margarina é máis saudable para un consumo frecuente. Así de rotundo.
Analizáronse, amais das seis devanditas manteigas, Flora e Tulipán, dúas margarinas das denominadas “tres cuartos” porque no canto do 80%-90% de graxa que deben ter para se chamaren margarinas conteñen entre o 60% e o 62% de graxa, toda ela de orixe vexetal; tamén se incluíron nesta análise a margarina Artua, que é en realidade “materia graxa para untar 55%”, e a “semi-margarina” Ligeresa, que ten un 40%’ de graxa. En total, polo tanto, 10 mostras que se compararon como se se tratase do mesmo produto, dado que os seus usos culinarios e alimentarios son idénticos.
Por que se conclúe que a margarina é máis saudable ca a manteiga para un consumo frecuente? Porque ten moita menos graxa (entre o 57% de Artua e o 40% de Ligeresa, fronte ao 83% de media das manteigas) e porque, ademais, esa graxa ten un perfil máis cardiosaudable: a proporción de ácidos graxos saturados é notablemente inferior, ten arredor dun 30% de media de saturados fronte ao case 70% das manteigas. E a margarina carece de colesterol, cando a manteiga o contén en cantidade considerable (250 mg/100 g). Tamén é menos enerxética: achega entre 500 e 550 calorías cada cen gramos, fronte ás 748 calorías cada cen gramos que, de media, achegan as manteigas. Inflúe moito na composición nutricional da margarina que un 44% do produto, de media, é auga, mentres que na manteiga só representa o 15%.
A balanza favorece á manteiga en só dous parámetros: carece de aditivos, cando as margarinas os conteñen en xenerosa diversidade (emulxentes, conservantes, acidulantes, aromas e colorantes) e, por outra banda, o sal das margarinas, sen ser excesiva (teñen entre o 0,2% e o 0,7% de sal, cando se considera que un alimento é demasiado salgado a partir do 1,5%), multiplica por dez a insignificante cantidade das manteigas (0,04% de sal, de media). Tamén pode considerarse unha vantaxe da manteiga, se ben menor con respecto ás anteriores, que as súas vitaminas e calcio son naturais, mentres que nas margarinas se engaden no proceso industrial de elaboración; iso, porque a graxa da manteiga, aínda que resulte menos saudable para o noso organismo, contén nutrientes dos que carecen as graxas vexetais.
Pero hai aínda outro apartado nutricional importante no que lles vencen as margarinas ás manteigas. É o das graxas trans, que teñen efectos na saúde que se consideran aínda peor ca os das saturadas, xa que contribúen a elevar o nivel do colesterol malo (LDL) e a diminuír o colesterol bo (HDL). Supoñen, de media, estas graxas trans, o 0,7% da graxa nas margarinas, fronte a un 2,5% na manteiga, se ben na manteiga son graxas trans naturais, o que se presume que podería facelas menos prexudiciais ca as xurdidas do proceso tecnolóxico -hidroxenación das graxas vexetais- que se segue para producir a margarina. Non hai aínda acordo científico neste punto e séguese investigando; así e todo, ao ser idéntica a estrutura molecular das graxas trans naturais á das non naturais, parece prudente ser cautos e adxudicarlles, nun principio, efectos similares no noso organismo. O que máis chama a atención é que esta vantaxe nutricional da margarina fronte á manteiga non sempre foi a que hoxe se constata, máis ben ao contrario. Unha análise publicada en 1996 por esta revista revelou que o 8,6% da graxa das margarinas a compoñían, de media, os ácidos graxos trans; nun comparativo posterior (publicado no 2001) e tamén de CONSUMER EROSKI, a media de graxas trans nas margarinas reduciuse ata o 1,5%, mentres que neste último, 13 anos despois do primeiro, representa só o 0,7%. Pódese concluír que os produtores de margarinas souberon modernizar a fórmula do seu produto e adecuala ás futuras normativas europeas, que se prevén moi esixentes coa redución das graxas trans na industria alimentaria -fálase mesmo de prohibición- e mais a uns consumidores cada vez mellor informados e máis esixentes coa súa alimentación, que comezaron a vinculala decisivamente co coidado da súa saúde. Hai que dicir tamén que comezan a verse no mercado manteigas lixeiras con contidos en graxa arredor do 50% e ata con só o 20% de graxa, o que significa unha importante redución de calorías, de graxa saturada e de graxas trans, é dicir, tornar o produto máis saudable.
Bos produtos e táboa comparativa
Bos produtos
As dúas, manteigas e mais margarinas, comprobouno a análise, son produtos ben elaborados (por exemplo, as margarinas conteñen todas as vitaminas que anuncian e en cantidades superiores ás declaradas) e resultan seguros para o consumo (o estado hixiénico-sanitario foi correcto nas 10 mostras). Cumpren tamén a normativa de calidade (humidade, extracto seco magro, sal, proporción e orixe -vexetal ou animal- da graxa, emprego de aditivos e a súa cantidade, acidez) en todos os seus extremos, salvo en irregularidades de escasa relevancia que afectaban á etiquetaxe das seis manteigas.
Por outra banda, a cata fíxose co alimento en cru e integráronse nela tanto manteigas como margarinas: unha cata cega na que os xuíces ignoraban se se trataba dun ou doutro produto. E acadaron mellores cualificacións as manteigas? Pois non. A nota máxima acadada polas manteigas foi 6,9 puntos (obtivérona Breda e Président “doado de untar”), mentres que a das margarinas (Ligeresa e Flora) foi case a mesma: 6,9 e 6,8 puntos; non obstante, as dúas peores cualificacións das manteigas (Pascual e Central Leiteira Asturiana) quedaron arredor dos 5,5 puntos mentres que a peor das margarinas (Artua) superou os 6 puntos. Tanto os resultados da cata como os das análises de laboratorio evidenciaron que as manteigas convencionais e as “doadas de untar” son produtos case idénticos e sono tanto en composición nutricional como en características organolépticas.
A lóxica apuntaba a que o galardón de mellor relación calidade-prezo debíaselle adxudicar a unha margarina. E así foi: correspondeulle a Ligeresa, unha margarina que pode considerarse light (ten o 40% de graxa, cando nas demais este nutriente representa entre o 57% e o 61% do produto) e que, a un prezo (5,1 euros o quilo) intermedio para unha margarina pero moi inferior ao das manteigas (8,4 euros o quilo, de media) ofrece a composición nutricional máis saudable. Ademais, Ligeresa resultou unha das tres mostras preferidas (dúas margarinas e unha manteiga) na cata.
Marca | Arias | Breda | Pascual | Central Lechera Asturiana | Arias (fácil de untar) |
---|---|---|---|---|---|
Denominación de venda | Manteiga | Manteiga | Manteiga | Manteiga | Manteiga |
Alegacións nutricionais | “fonte natural de vitamina A” | “Sen sal” | “Fonte de vitaminas A, D e E” | – | – |
Formato (g) | 125 (10×12.5) | 500 | 250 | 250 | 250 |
Prezo (euros/quilo) | 9,11 | 8,32 | 7,88 | 8,43 | 9,28 |
Humidade (%) 1 | 14,8 | 15,8 | 15,1 | 13,2 | 15,5 |
Extracto seco magro (%) 2 | 1,4 | 2,2 | 2,3 | 1,0 | 1,4 |
Graxa (%) 3 | 83,8 | 82 | 82,6 | 85,8 | 83,1 |
Ac. Graxos Saturados (%) | 69,5 | 70,0 | 69,9 | 69,0 | 66,1 |
Ac. Graxos insaturados (%) | 28,1 | 27,6 | 27,7 | 28,4 | 31,2 |
Relación insaturados/saturados | 0,4 | 0,4 | 0,4 | 0,4 | 0,5 |
Ac. Graxos trans (%) | 2,4 | 2,4 | 2,4 | 2,6 | 2,7 |
Ac. Graxos Trans (g/100g) | 2 | 2 | 1,7 | 2,1 | 2,2 |
Valor calórico (cal/ 100g) | 754 | 738 | 743 | 772 | 748 |
Tipo de graxa | Láctea | Láctea | Láctea | Láctea | Láctea |
Cloruro sódico (%) 4 | 0,04 | 0,04 | 0,04 | 0,04 | 0,03 |
Sorbato potásico E-202 (ppm) 5 | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado | Non detectado |
Acidez (% como oléico) 6 | – | – | – | – | – |
Calcio (ppm) | 168 | 206 | 204 | 147 | 154 |
Vitamina A (ppm) | 6,7 | 6,8 | 5,3 | 6,8 | 7,9 |
Vitamina B12 (µg/kg) | – | – | – | – | – |
Vitamina B2 (ppm) | – | – | – | – | – |
Vitamina B6 (ppm) | – | – | – | – | – |
Vitamina D3 (µg/kg) | 10 | 10 | 6 | 224 | 33 |
Vitamina E (ppm) | 12,4 | 12,8 | 10,4 | 11,3 | 14,3 |
Vitamina B9 (ppm) | – | – | – | – | – |
Cata (de 1 a 9) | 6,1 | 6,9 | 5,6 | 5,5 | 6,5 |
Marca | President (fácil de untar) | Flora | Tulipán | Ligeresa | Artua |
---|---|---|---|---|---|
Denominación de venda | Manteiga | Margarina 3/4 | Margarina 3/4 | Margarina vexetal lixeira | Materia graxa para untar 55% |
Alegacións nutricionais | – | “100% vexetal” “con folic B e omega 3 e 6” |
“con calcio, leite e vitaminas A-D-E” | “con vitaminas A, D e E”, “todo o sabor, menos calorías” | “sen colorantes” |
Formato (g) | 250 | 250 | 250 | 250 | 250 |
Prezo (euros/quilo) | 7,43 | 5 | 3,93 | 5,10 | 5,13 |
Humidade (%) 1 | 15,7 | 39,6 | 37,5 | 56,8 | 43,2 |
Extracto seco magro (%) 2 | 2,6 | 0,5 | 1,2 | 2,8 | 0 |
Graxa (%) 3 | 81,7 | 60 | 61,3 | 40,4 | 56,8 |
Ac. Graxos Saturados (%) | 69,2 | 20,6 | 31,4 | 27,5 | 34,6 |
Ac. Graxos insaturados (%) | 28,5 | 78,7 | 67,8 | 71,8 | 64,7 |
Relación insaturados/saturados | 0,4 | 3,8 | 2,2 | 2,6 | 1,9 |
Ac. Graxos trans (%) | 2,3 | 0,7 | 0,8 | 0,7 | 0,7 |
Ac. Graxos Trans (g/100g) | 1,9 | 0,4 | 0,5 | 0,3 | 0,4 |
Valor calórico (cal/ 100g) | 735 | 539 | 552 | 364 | 511 |
Tipo de graxa | Láctea | Vexetal | Vexetal | Vexetal | Vexetal |
Cloruro sódico (%) 4 | 0,03 | 0,23 | 0,32 | 0,73 | 0,51 |
Sorbato potásico E-202 (ppm) 5 | Non detectado | 92 | 102 | 103 | 95 |
Acidez (% como oléico) 6 | – | 0,4 | 0,4 | 0,4 | 0,4 |
Calcio (ppm) | 202 | 61 | 1.326 | 52 | 48 |
Vitamina A (ppm) | 7,3 | 7,7 | 8,8 | 5,8 | 5,3 |
Vitamina B12 (µg/kg) | – | 28 | – | – | – |
Vitamina B2 (ppm) | – | – | – | – | 13 |
Vitamina B6 (ppm) | – | 50,4 | – | – | – |
Vitamina D3 (µg/kg) | 5 | 95 | 88 | 51 | 64 |
Vitamina E (ppm) | 11,1 | 195 | 181 | 165 | 115 |
Vitamina B9 (ppm) | – | 5 | – | – | Menor que 0,01 |
Cata (de 1 a 9) | 6,9 | 6,8 | 6,4 | 6,9 | 6,2 |
1. Máximo para a humidade na “manteiga”: 16%. En “margarinas” non hai máximo.
2. Máximo para o extracto seco magro na “manteiga”: 2%. En “margarinas” non hai un máximo.
3. Graxa: As “manteigas” han de ter un contido de materia graxa igual ou superior ao 80% e inferior ao 90%; as “margarinas tres cuartos”, un mínimo do 60% e un máximo do 62%, as “semimargarinas”, un mínimo do 39% e un máximo do 41%. E a”materia graxa de untar X%”, un contido de materia graxa inferior ao 39%, superior ao 41% e inferior ao 60% ou superior ao 62% e inferior ao 80%.
4. Máximo para o cloruro sódico en “manteigas”: 5%. En “margarinas” non hai máximo.
5. Sorbato potásico: Aditivo permitido en “margarinas”, cun máximo de 1000 ppm en preparados graxos (excluída a manteiga) cun contido mínimo de graxa do 60% e 2000 ppm para preparados graxos cun contido de graxa inferior ao 60%.
6. Acidez: máximo do 0,5% expresado en ácido oleico nas “margarinas”.
Un a un
Dez margarinas e manteigas
ARIAS, manteiga
- Envase de plástico, de 10 unidades de 12,5 gramos cada unha. Sae a 9,11 euros o quilo, a segunda máis caro das 11 mostras deste comparativo.
- Alegacións nutricionais: “Fonte natural de vitamina A”.
- Etiquetaxe incorrecta: non presenta o lote en forma de catro letras. Aínda que non sexa obrigatorio, indica os seus ingredientes: nata e fermentos lácticos.
- A de máis graxa (84% do produto) e a máis enerxética, con 754 calorías cada cen gramos, se ben todas teñen un poder calorífico similar.
- Case o 70% da súa graxa é saturada. Graxas trans (naturais): 2,4% da graxa.
- Na cata acada 6,1 puntos: gusta pola súa “cor” e non é criticada en ningún parámetro.
BREDA, manteiga
- Lata de 500 gramos, sae a 8,32 euros o quilo.
- Alegacións nutricionais: “Sen sal” (efectivamente, ten só o 0,04% de sal).
- Etiquetaxe incorrecta: non presenta o lote en forma de catro letras.
- Case o 83% do produto é graxa. É unha das mostras con maior proporción de graxa saturada (representa o 70% da graxa).
- As graxas trans (naturais), aínda menos saudables ca as saturadas, representan o 2,4% da graxa.
- Na cata consegue 6,9 puntos: gusta por ser “saborosa” e por “cremosa” e non recibe críticas en ningún parámetro.
PASCUAL, manteiga
- Tarro de 250 gramos, sae a 7,88 euros o quilo e é unha das manteigas máis baratas.
- Alegacións nutricionais: “Fonte de vitaminas A, D e E”.
- Etiquetaxe incorrecta: non expresa a cantidade total de materia graxa en porcentaxe (a mención que fai é “Min. 80% M. G”.). *Ademais, facer unha alegación nutricional (“fonte de vitaminas…) obrígaa a incluír a listaxe de ingredientes, esixencia que incumpre.
- O 83% do produto é graxa, e é unha das manteigas con maior proporción de graxa saturada (o 70% da graxa total). As graxas trans (naturais) representan o 2,4% da graxa.
- Na cata foi unha das dúas peores, ao obter só 5,6 puntos: gusta polo seu “sabor” e “cor” pero é criticada porque “non se estende ben”.
CENTRAL LECHERA ASTURIANA, manteiga
- Tarro de 250 gramos, sae a 8,43 euros o quilo.
- Etiquetaxe incorrecta: facilita a información mediante a composición nutricional, pero non o fai tal e como esixe a norma (Materia graxa total, en porcentaxe).
- A manteiga máis graxa (86%) e enerxética (772 calorías cada cen gramos), se ben en ambos os dous parámetros todas as comparadas son similares.
- Na cata foi unha das dúas peores, con só 5,5 puntos: gusta pola súa “cor” pero foi criticada porque “non se estende ben”.
PRÉSIDENT, Manteiga doada de untar
- Tarro de 250 gramos, sae a 7,43 euros o quilo e é a manteiga máis barata das comparadas.
- Dentro das manteigas, a mellor opción.
- Etiquetaxe incorrecta: non indica o lote en forma de catro letras.
- Unha das manteigas menos graxas (82%) e caloríficas (735 cal/100 gramos), se ben en ambos os dous parámetros son todas similares.
- Na cata revelouse como a manteiga máis preferida e como unha das tres mellores mostras de todo o comparativo: logrou 6,9 puntos e gustou pola súa “cor” sen ser criticada en ningún parámetro.
- Pero tampouco foi eloxiada por resultar máis doada de estender.
ARIAS, manteiga doada de untar
- Tarro de 250 gramos, sae a 9,28 euros o quilo e é a máis cara das comparadas.
- Etiquetaxe incorrecta: non presenta o lote en forma de catro letras. Aínda que non sexa obrigatorio indica os seus ingredientes: nata e fermentos lácticos.
- O 83% é graxa. É unha das manteigas con menos proporción de graxa saturada (66% da graxa total) pero tamén unha das máis enerxéticas (748 calorías cada cen gramos), se ben nos tres parámetros todas as comparadas son similares.
- Na cata cualifícase con 6,5 puntos: gusta polo seu “sabor” e non é criticada en ningún dos parámetros estudados. Pero tampouco foi eloxiada por resultar máis doada de estender.
LIGERESA, margarina vexetal ligera
- Tarro de 250 gramos, sae a 5,10 euros o quilo. É a mellor relación calidade-prezo de todo este comparativo.
- Alegacións nutricionais: “con vitaminas A, D e E”, e “todo o sabor, menos calorías”.
- Na listaxe de ingredientes indica leite desnatado. Engade vitaminas E, A e D, e faino en cantidade conforme á declarada.
- É, con notable diferenza, a mostra con menos graxa (só representa o 40% do produto) e a menos enerxética (364 calorías cada cen gramos, cando as outras margarinas superan as 500; e as manteigas, as 730 calorías cada cen gramos) e unha das máis saudables (o 27% da graxa é saturado e o 0,7, graxas trans).
- Un pequeno pero: aínda que non contén unha cantidade excesiva de sal (0,73%) é a mostra máis salgada das dez comparadas.
- Na cata logra 6,9 puntos e é unha das tres (das once comparadas) máis preferidas: gusta por ser “doada de estender” e pola súa “cor” e non é criticada en ningún parámetro.
TULIPÁN
- Margarina tres cuartos co 61% de graxa.
- Tarro de 250 gramos, sae a 3,93 euros o quilo, é a máis barata de todo o comparativo.
- Alegacións nutricionais: “con calcio, leite e vitaminas A-D-E”.
- Etiquetaxe correcta: Na lista de ingredientes indica leite desnatado e sales de calcio. Engade vitaminas A, D e E e en cantidade conforme á declarada. Particularmente enriquecida en calcio (1326 ppm, partes por millón).
- Na cata consegue 6,4 puntos, gusta por ser “doada de estender” e pola súa “cor” e non é criticada en ningún dos parámetros.
ARTUA
- Materia graxa para untar 55%
- Tarro de 250 gramos, sae a 5,13 euros/quilo.
- Alegacións nutricionais: “sen colorantes”.
- Ten o 57% de graxa, e dela é saturada o 35%, a maior proporción dentro das margarinas e, polo tanto, o perfil lipídico menos saudable, se ben moito mellor ca o das manteigas (próximo ao 70% de graxa saturada).
- Declara un 51% de aceite de xerme de millo (é a única margarina que informa da -parte da, neste caso- graxa vexetal que utiliza) e é a única margarina que asegura non conter colorantes, se ben indica outros aditivos (emulxentes, conservante, aromas) presentes nas outras.
- Engade vitaminas E, A e D e é a única que contén B2; en todas, a cantidade é conforme coa declarada.
- Na cata obtén 6,2 puntos, gusta por ser “doada de estender “e non é criticada en ningún parámetro.
FLORA
- É unha “margarina tres cuartos” co 60% de graxa.
- Tarro de 250 gramos, sae a 5 euros o quilo.
- Alegacións nutricionais: “100% vexetal”, “con folic B e Omega 3 e 6”.
- Engade vitaminas E, A e D e tamén (é a única que as contén) B9, B6 e B12. En todas elas, a cantidade é conforme coa declarada.
- A alegación “con Omega 3 e 6”, aínda sendo certa, confunde por partida dobre: estas graxas tamén as conteñen as outras margarinas, e ademais son omegas de cadea curta, e non os que preveñen as enfermidades cardiovasculares, que son os EPA e DHA.
- Ten abundante graxa (60%), pero o perfil da súa graxa é o máis saudable, polo escaso contido en graxa saturada (só o 21% da graxa, cando no resto de margarinas vai dende o 27% ata o 35%; e nas manteigas roza o 70%) e pola súa proporción de graxa trans (0,7% da graxa, igual ca o resto de margarinas, pero moito menos ca as manteigas, que teñen entre o 2,3% e o 2,7% de graxas trans). É a margarina con menos sal, o 0,2%.
- Na cata acada 6,8 puntos e figura entre as tres mostras máis preferidas: gusta por “doada de estender” e non foi criticada en ningún parámetro.