Un mando a distancia para a información on line
Dous son os xeitos de chegar ata os contidos das webs máis seguidas polos usuarios. O máis común é entrar unha e outra vez en cada páxina para comprobar se se actualizaron os seus contidos. Deste xeito, o lector viaxa continuamente ata as páxinas web que lle interesan, e busca as novidades e novas informacións que introduciran outros internautas. Trátase dun proceso lento e aburrido: escribir o enderezo desexado na barra de enderezos ou facer clic en “favoritos” ou en “marcadores”. O seguinte paso é navegar pola páxina elixida e facer un percorrido case ritual de selección para chegar ás novidades. Non obstante, en numerosas ocasións a viaxe realizaríase en van porque non se apreciará ningún cambio dende a última visita.
Fronte a este sistema hai outro método menos utilizado (aínda que medra cada día en popularidade) no que a información chega “a domicilio”. É o equivalente a que lle traian a un a pizza á casa e consiste en usar as fontes RSS que, na práctica, funcionan cun protocolo inverso ao que emprega o navegador. Co uso de fontes RSS, as novidades viaxan dende a súa orixe ao escritorio do usuario ou á páxina web que se desexe, sen necesidade de que este as actualice. É o que se coñece como sindicación de contidos, fontes RSS ou ‘feed RSS’.
Un ‘feed RSS’ é un código de aviso das actualizacións nunha determinada información ou páxina web, de xeito que se o internauta integra este código nun programa, será informado cada vez que se faga un cambio; por exemplo, cando se introduce unha nova nova na sección de Novas Tecnoloxías de CONSUMER EROSKI en Internet ou se publica un novo texto nun determinado blog. En xeral estes avisos chegan a xeito de mostra da información sindicada (da que se ten un código de aviso) e conteñen un titular e un texto de resumo. Pero nalgúns casos no ‘feed’ inclúese toda a información, con imaxes, de as ter, e mesmo con vídeos. É o que se coñece como “feeds completos”, nos que o usuario perde o deseño orixinal da páxina web, pero gaña en comodidade, xa que pode ler numerosas fontes de noticias sen abandonar o seu lector de “feeds”.
A principal vantaxe de usar ‘feed RSS’ é o aforro de enerxía en teclear enderezos e en buscar as novidades desexadas en páxinas con deseños que non se poden catalogar de bos. Ademais, aprovéitase mellor o tempo: o interesado só le o máis novidoso, sen enredar na procura daquilo que cambiou porque se actualizou. Cos ‘feed’, a información viaxa ao sitio que o usuario desexe e alí organízase en titulares para que resulte máis cómoda a súa revisión e selección. Outra vantaxe é que non hai por que estar continuamente pendente de se hai algunha novidade na información que lle preocupa, xa que o programa que se encargue de xestionar os seus ‘feed RSS’ o avisará cada vez que haxa un cambio.
Agora ben, co fin de obter unha boa carteira de fontes RSS controladas e estar ao día do que acontece en Internet sen o menor esforzo, cómpre recompilalas con anterioridade unha a unha e agregalas ao programa que as vai xestionar. Estes programas son os chamados ‘lectores de RSS’ ou ‘agregadores de RSS’. A súa función é solicitar que se lles proporcione o enderezo RSS ao que se vaia subscribir. Este enderezo é o que porá en contacto o programa lector co sitio web para advertilo das novidades.
O enderezo RSS conséguese na páxina web que interesa controlar sempre que os seus creadores implementen o servizo de fontes RSS. O logotipo gráfico que informa de que se conta con este servizo é un cadradiño laranxa con estrías brancas en diagonal situadas no seu interior. Noutras ocasións aparece en forma de rectángulo da mesma cor coas letras ‘RSS’ no seu interior. Abondará con facer clic co rato no logotipo para acceder á listaxe de enderezos RSS.
Se o sitio web é pequeno, é habitual que ofreza un só enderezo para acceder a todos os seus contidos. Pero, a medida que sexa máis completo e grande, ofrecerá diversos enderezos para facilitar a selección por seccións temáticas. Así, nun blog haberá un só enderezo, mentres que nun xornal en liña poden chegar á trintena, como acontece en CONUMER EROSKI. Algúns sitios ata lle ofrecen ao usuario a posibilidade de fabricar o enderezo RSS á súa medida, con palabras clave. Deste xeito, pódese dispor dun ‘feed’ que informe das novas noticias incluíndo determinados termos.
Unha vez obtido o enderezo, este cópiase e pégase en determinada caixa que se indica no programa lector de RSS. Despois prémese a tecla subscribir e aparecerán no programa os sucesivos titulares da páxina web sindicada. Dende aquela, o lector pode actualizar de maneira periódica as fontes RSS na procura de novidades (pódese configurar manualmente o período de actualización). Se as hai, aparecerán a xeito de novas filas de titulares.
Hai dous tipos de programas lectores de RSS: os que funcionan no escritorio do ordenador (hai que descargalos da Rede e instalalos como calquera outro programa) e os lectores web, que son sitios web proporcionados polo servizo de xestión de fontes. No primeiro caso destacan programas como Thunderbird, NewsGator -que funciona co servizo de correo OutLook de Microsoft- ou GreatNews, aínda que apenas se aprecian vantaxes con respecto aos programas que funcionan dende páxinas web e si a gran desvantaxe de que só se poden consultar os ‘feed’ se se traballa no ordenador propio, polo que están en desuso.
Pola contra, os servizos web de xestión de RSS pódense utilizar dende calquera ordenador, xa que residen en Internet, e conteñen unha serie de vantaxes adicionais como a posibilidade de amosar os ‘feed’ de diferentes xeitos e non só en filas de titulares. Entre todos os servizos hai que salientar Netvibes e Google Reader. Este último está integrado na plataforma de ferramentas que ofrece o buscador Google e executa unha xestión rápida e eficaz das fontes ‘RSS’, amais de permitir integrar novas fontes dun xeito automatizado que simplifica o proceso de copiar e pegar o enderezo RSS. Ademais, o sistema inclúe unha opción moi práctica: suxire novos sitios de novas en función dos gustos do usuario.