Menús hiperproteicos | Ácido cítrico | O fígado na alimentación infantil | O mel e os arrefriados
- Almorzo: Café con leite + unha cullerada sopeira de leite en po. Biscoito caseiro con froitos secos.
- Parva (media mañá): Iogur mesturado con ‘petit suisse’.
- Xantar: Espinacas con bechamel, pasas e piñóns. Peituga de polo empanada con champiñóns. Pan e froita fresca.
- Merenda: Flan de ovo.
- Cea: Hamburguesa de atún acompañada de pementos e de puré de pataca espeso mesturado con queixo fundido e clara de ovo. Pan e froita.
- Recea (antes de se deitar, se apetece): Vaso de leite.
O consello: A clave para non saturar o apetito dos maiores é ofrecer porcións de tamaño moderado. Mesmo se aconsella preparar pratos combinados para que non teñan a sensación de que comen demasiado, sobre todo se se amosan inapetentes. Cómpre alternar nas comidas e nas ceas os alimentos con proteínas de alto valor biolóxico como ovos, carnes, peixes e lácteos. Entre elas, a de mellor calidade é a clara de ovo (albumina), que se lle pode engadir a distintos pratos para aumentar o seu valor proteico.
- Enriquecer as receitas vexetais con alimentos ricos en proteínas. Este obxectivo acádase ao lles engadir queixo en cachos aos primeiros pratos ou ao lles engadir ovo aos purés e ás cremas de verduras; tamén lles podemos botar atún, surimi e outras conservas ás ensaladas; e gratinar pratos de arroz e de pasta usando ovo duro (relado ou batido), carne picada, peixe esmiuzado ou febras de polo.
- Acompañar os pratos con salsas e condimentos enerxéticos. Podemos recorrer á maionesa e á salsa bechamel, tártara, bearnesa ou rosa, para os primeiros ou para os segundos pratos. As sobremesas pódense acompañar de azucre, mel, marmelada, chocolate, nata ou xarope.
- Batidos con froita enerxéticos. Pódeselle engadir a un batido de froita un iogur, unha porción de xeado, leite evaporado, medio vasiño de crema de leite ou unha cullerada de leite en po. Esta última tamén se pode tomar acompañando o leite que se toma no almorzo.
- Preparar alimentos frixidos e rebozados. Uns filetes de peituga de polo frixidos cubertos de bechamel achegan o triplo de calorías ca a mesma cantidade de polo á grella.
- Escoller, para petiscar entre horas, alimentos que proporcionen numerosas calorías en pouco volume, como calquera froito seco natural non procesado ou galletas e produtos caseiros de repostería ou bolería. Se eliximos produtos comerciais, convén escoller aqueles que informen con claridade do aceite empregado na súa elaboración e que non engadan ácidos graxos parcialmente hidroxenados (graxas trans).
- Evitar os alimentos desnatados, light ou baixos en calorías. Terían o efecto contrario ao desexado, ao lles achegaren menos calorías aos pratos. En dietas nas que se require aumentar as calorías desaconséllase comezar as comidas con caldo ou con ensaladas para que non se produza a sensación de saciedade e se poida continuar consumindo outros pratos máis enerxéticos.
Dende o punto de vista químico trátase do ácido 3-hidroxi-1,3,5-pentanotricarboxílico, responsable do sabor agre de diversas froitas, entre elas os cítricos aos que lles dá nome. O ácido cítrico caracterízase pola capacidade desinfectante e alcalinizadora dos ouriños. Por iso, os cítricos están indicados en caso de cálculos renais de ácido úrico, xa que axudan a que se eliminen polos ouriños.
A industria alimentaria utiliza o ácido cítrico -en xeral sintético- como aditivo acidulante (E-330) polo seu lixeiro sabor agre, agradable e refrescante e mais pola súa capacidade para conservar a vitamina C. Engádeselles, por exemplo, aos zumes de froitas e a outras bebidas, froitas e hortalizas enlatadas, confeitería e repostería, caramelos e doces. Nos produtos derivados da pesca emprégase para diminuír a acidez (pH) en presenza doutros conservantes e, nas carnes, para modificar a textura durante o procesado.
O fígado é unha víscera moi nutritiva. Trátase dunha fonte dietética excelente de ferro hemo (de doada absorción) e de vitamina A, que achega proteínas de calidade e cantidades sobresaíntes de vitamina B12 e de ácido fólico. O inconveniente é o seu abundante contido en colesterol e en purinas, polo que o seu consumo se restrinxe en caso de problemas cardiovasculares, hiperuricemia e gota, enfermidades máis habituais na idade adulta. Non obstante, o fígado contén pouca graxa e, elaborado de xeito sinxelo (encebolado ou con tomate), é un segundo prato moi saboroso para calquera persoa.
Polo tanto, non hai ningunha dúbida de que o fígado é un alimento moi nutritivo para os nenos, se ben os nutrientes que achega se poden compensar co consumo doutros alimentos. As carnes, en particular, e tamén os peixes e os ovos, son alimentos igualmente ricos en proteínas que achegan cantidades abondas de ferro e mais das vitaminas destacadas no fígado. Polo tanto, non é estritamente necesario que os nenos coman fígado, aínda que podería ser un alimento recomendado ante cadros de inapetencia, de desgaste físico ou de anemia.
Ao ser o fígado o órgano depurativo por excelencia en humanos e animais, no momento de mercalo convén escoller aquel que proceda de animais que sigan unha alimentación máis natural.
Os estudos sobre a composición bromatolóxica do mel revelan que se trata dun alimento con máis de 70 compoñentes, todos eles caracterizados pola súa maior ou menor acción beneficiosa para o organismo. Non obstante, a elaboración industrial do mel pode alterar os seus compoñentes bioactivos.
Os meles de elaboración industrial, a diferenza dos artesanais, sométense a procesos opcionais para obter unha consistencia máis fluída coa que resulte máis doado traballar en fábrica. Estes procesos, ademais, evitan ou limitan unha das maiores pegas que lle poñen os consumidores a este alimento, a cristalización e o endurecemento. O tratamento industrial máis habitual é a pasteurización, que consiste en quecer o mel ata uns 80 ºC para conservalo. Deste xeito, eses pequenos cristais tan molestos escachan, pero a calidade do mel vese afectada porque tamén se destrúen as máis das substancias activas – encimas, ácidos orgánicos e antioxidantes- ás que se lles atribúen os beneficios do mel, como a súa acción antibacteriana.
Os meles máis naturais, amais dos seus compoñentes nutritivos, conteñen inhibidinas, substancias que lles confiren capacidade bactericida e antiséptica. Por ese motivo, máis que previr enfermidades, alivian a irritación da gorxa que acompaña os arrefriados, a amigdalite e a farinxite. Para acadar este efecto pódese tomar unha cullerada soa ou diluír o mel en auga quente e limón facendo gargarexos coa mestura antes de tragar.