A materia máis sabedora
Pais, médicos, especialistas e educadores implicáronse os últimos anos para que os nenos sigan unha dieta sa e equilibrada, pero os datos demostran que o esforzo realizado non abondou. Case 22 millóns de nenos europeos, un de cada tres, superan o peso saudable que lles corresponde pola súa idade. Deles, máis de cinco millóns padecen obesidade. O consumo desmedido de produtos doces e ricos en graxas e a tradicional reticencia dos nenos a comeren froitas e hortalizas frescas acotío explican parte do problema. A falta de actividade física fai o resto.
A elevada e preocupante taxa de obesidade infantil -en España ascende ao 16% en nenos de entre 6 e 12 anos- propiciou que a Unión Europea aprobe varias resolucións en apoio de políticas escolares que lles ofrezan oportunidades aos nenos para escolleren alimentos sans e nutritivos. O obxectivo prioritario da política europea de prevención sanitaria é pór en marcha programas de educación alimentaria nos centros escolares para facer promoción da saúde e a prevención, sobre todo, da obesidade infantil. Algunhas destas propostas inclúen a distribución gratuíta de leite ou froita e mais a promoción da práctica de deportes de xeito regular.
Iniciativas europeas en funcionamento
A mala alimentación que en xeral seguen os nenos e os mozos obrigou a adoptar diferentes iniciativas para tratar este trastorno alimentario como un grave problema. Calquera acción encamiñada a cumprir o devandito propósito pasa por sensibilizar aos nenos e mais aos implicados na súa educación alimentaria, sobre todo a familia e o profesorado, do impacto que xera na saúde unha mala alimentación.
O último proxecto aprobado polo Parlamento Europeo a finais do 2008 é o “Plan de consumo de froita fresca nas escolas” (School Fruit Scheme), que ten como obxectivo que todos os escolares europeos coman froita fresca acotío. Este plan paneuropeo é unha das propostas que se inclúen dentro do proxecto europeo de maior envergadura en prevención de saúde a través da nutrición, coñecido como a “Estratexia para Europa sobre a nutrición, o sobrepeso e a obesidade”. Baséase no establecemento das medidas concretas que se poidan adoptar a escala comunitaria co obxecto de que a mala alimentación e a falta de actividade física deixen de ser as principais causas de enfermidades evitables e de falecementos prematuros en Europa. Agora correspóndelles aos gobernos dos Estados membros, entre eles España, decidir se desexan participar.
Esta decisión chega poucos meses despois de que a eurocámara aprobase outro informe no que rexeita a venda de produtos de alto contido en graxas, sal e azucres nas escolas, ao tempo que pide que os programas escolares lle dediquen polo menos tres horas semanais á materia de educación física.
Froita e lácteos, gratis nas escolas
A Organización Mundial da Saúde (OMS) recomenda o consumo diario de polo menos 400 gramos de froita e verdura para os menores de once anos, pero a maioría non alcanza este obxectivo. Neste sentido, a creación dun plan de distribución gratuíta de froita nas escolas podería ser determinante para mellorar a dieta dos nenos. Axudaríaos a desenvolveren o seu sentido do gusto e adquirirían hábitos saudables. Comprobouse que as persoas que dende moi novas seguen pautas correctas de alimentación as manteñen durante toda a súa vida.
Está previsto que o plan se aplique, de xeito promocional, ao comezo do curso escolar 2009-2010 nun número reducido de centros. Se funciona ben, espallarase ao ámbito nacional e acompañarase de campañas de difusión e de programas de educación alimentaria. Este proxecto, que ao primeiro comezará coa repartición de froita fresca e que prevé continuar coa repartición de hortalizas, únese a outro que xa se puxo en marcha hai máis de 30 anos, “Leite nas Escolas” (European School Milk Scheme). Grazas a este programa, os nenos dos centros escolares adheridos contan coa oportunidade de consumiren decote un vaso de leite ou un derivado lácteo pouco graxo -iogur ou outros leites fermentados e queixo-, alimentos esenciais na súa dieta cotiá polo seu valor nutricional.
Un proxecto similar de distribución gratuíta de froita fresca nas escolas, o “USDA Fresh Fruit and Vegetable Program”, púxose en marcha no 2002 nos Estados Unidos. O programa, que comezou como un proxecto piloto en pouco máis de 100 escolas de catro Estados, deu tan bos resultados no referente aos correctos hábitos entre a poboación infantil que se converteu nunha acción permanente que nestes momentos chega ás escolas de todo o país.
Iniciativas pioneiras españolas
En España, baixo as directrices da Estratexia para a Nutrición, a Actividade Física e a Prevención da Obesidade (NAOS), e a partir do apoio do Ministerio de Sanidade e Consumo e do de Educación, Política Social e Deporte, estase a desenvolver dende o curso escolar 2006-2007 unha iniciativa pioneira de educación alimentaria: o Programa Perseo, un programa piloto escolar de referencia para a saúde e o exercicio contra a obesidade.
Esta proposta deseñouse co fin de promover hábitos alimentarios saudables e de estimular a práctica de actividade física regular dende a escola a un sector concreto da poboación. Os participantes son nenos de entre 6 e 10 anos das seis comunidades autónomas (Galicia, Castela e León, Estremadura, Murcia, Andalucía e Canarias) e das cidades autónomas de Ceuta e Melilla, rexións que rexistran a maior taxa de obesidade infantil no noso país. O principal atractivo deste programa é que as intervencións educativas transcenden da escola; implican a participación activa das familias e trabállase sobre o comedor escolar e sobre o contorno dos rapaces para lles facilitar aos escolares a elección de alimentos máis sans. A Administración valora nestes momentos espallar o programa a outras comunidades.
Pero esta non é a primeira experiencia española en materia de educación alimentaria pública nas escolas. Dous anos antes, no 2004, a Asociación para a Promoción de Froitas e Hortalizas “5 ao día” puxo en marcha o Programa Educativo “5 ao día”, dirixido a todos os centros interesados na boa alimentación dos nenos. O obxectivo non era diferente ao das actuais políticas europeas: mudar os hábitos de consumo a favor da inxestión de froitas e hortalizas por parte dos nenos a través da educación alimentaria nos ciclos da educación infantil e primaria. As escolas adheridas, amais de aceptaren o compromiso de aplicar o programa pedagóxico, debían comunicarlles a súa aposta educativa ás familias e incorporar de modo habitual as froitas e as hortalizas nos menús escolares e transformalos en saudables. Ata o momento, máis de seis millóns de estudantes de máis de 20.500 escolas seguiron o programa de educación en hábitos alimentarios saudables.
A esta iniciativa educativa súmase o Programa “Apadriña una Escola”. A figura do padriño represéntaa unha entidade pública ou privada, vinculada á Asociación para a promoción de Froitas e Hortalizas “5 ao día” e sensibilizada coa deterioración da alimentación infantil. A súa principal actividade é responsabilizarse na súa rexión dun número determinado de escolas, facilitando o financiamento para que poidan dispor do programa educativo e promover así o consumo de froitas e hortalizas entre os nenos.
Os videoxogos, grandes aliados
Aínda que poida resultar paradoxal, unha das fórmulas nas que máis se confía para educar os cativos en saúde e nutrición e para combater de xeito interactivo a obesidade é a mesma á que se lle atribúe o aumento do sedentarismo na última década: os videoxogos.
A través do xogo, os nenos aprenden as características nutritivas dos alimentos, a elixir os máis saudables e a elaborar un menú diario coñecendo as receitas dos pratos. Tamén os axuda a entender as etiquetas dos produtos e a información nutricional para que coñezan os nutrientes que conteñen os alimentos que máis lles gustan.
Polo tanto, a partir dos videoxogos e dos xogos en liña sobre alimentación saudable preténdese aproveitar eses momentos de lecer nos que os rapaces recorren á consola, co fin de fomentar a aprendizaxe virtual e mais o exercicio físico. Segundo os deseñadores dalgúns destes videoxogos, a fórmula de persuasión verbal sobre o que é bo e malo para a saúde nos máis pequenos non está a funcionar. Non abonda con lles dicir aos nenos o bo que é comer verdura, senón que cómpre mudar, amais da mensaxe, o ámbito no que se lle proporciona a devandita información, e iso conséguese na rede e mediante este tipo de xogos educativos.