Taxis: comparadas as tarifas e realizada unha proba práctica de 180 traxectos en taxi en 18 cidades

As tarifas do taxi subiron nun ano catro veces máis ca o IPC

O prezo medio aumentou no último ano un 5,2%, cando o IPC anual foi do 1,4%. A calidade do servizo mellorou, pero case catro de cada dez taxis non expuñan as súas tarifas, malia a que é obrigatorio
1 Marzo de 2009
Img tema

As tarifas do taxi subiron nun ano catro veces máis ca o IPC

/imgs/20090301/tema.jpg
O transporte público máis cómodo, o taxi, nunca foi económico, pero cada ano que pasa tórnase máis caro para os usuarios. Malia que o IPC acumulado no último ano foi do 1,4%, as tarifas dos taxis españois subiron de media un 5,2%, case catro veces máis. En realidade, os prezos que cobran os taxis varían moito dunhas cidades a outras (0,65 euros custa cada quilómetro percorrido en horario diúrno en Bilbao e en San Sebastián, mentres que sae a case 1 euro en Madrid, Alacante e Valencia), xa que cada concello aplica tarifas distintas, amais de que establecen os seus propios criterios no tocante a baixadas de bandeira (os extremos: 3,64 euros para cada carreira diúrna en Vitoria, e cero euros en Bilbao e en San Sebastian) e carreiras mínimas (a máis cara, en San Sebastián, sae a 4,65 euros, mentres que en varias cidades non existe este concepto), ou ambas as dúas á vez, e fixa así mesmo diversos prezos para unha serie de suplementos (extras por equipaxe, transporte de animais, percorridos nocturnos ou na fin de semana, viaxes a estacións e aeroportos) que, no seu caso, se engaden ao prezo da carreira. As tarifas, polo tanto, non só encareceron máis do desexable, senón que son unha lea para o usuario.

Aínda así, a profesionalidade dos taxistas e o confort que ofrecen os seus vehículos parecen mellorar. Así o revela a comparación de dúas probas prácticas realizadas por CONSUMER EROSKI: unha, a incluída neste informe, e outra, no 2005. O punto fraco do servizo segue a ser a información que, ao igual que acontecía hai catro anos, é insuficiente: case catro de cada dez taxis non expoñen as tarifas nun lugar visible para o usuario, aínda que a lei os obriga a facelo.

/imgs/20090301/tema-3.jpg
Estas son as conclusións do informe de investigación desta revista sobre o servizo de taxis en 18 cidades: A Coruña, Alacante, Barcelona, Bilbao, Granada, Logroño, Madrid, Málaga, Murcia, Oviedo, Pamplona, San Sebastián, Santander, Sevilla, Valencia, Valladolid, Vitoria e Zaragoza. A proba práctica realizada polos técnicos de CONSUMER EROSKI consistiu en 10 traxectos en cada cidade, dous deles nocturnos, con vehículos diferentes para a ida e para a volta. A proba efectuouse nun día laborable e mais nun día de fin de semana; en total, completáronse 180 percorridos en taxi, sempre un dos seguintes cinco: do centro da cidade a un hospital, dun hotel céntrico ao aeroporto, e dunha parada céntrica a unha estación de ferrocarril ou bus e a un centro ou zona comercial. Ademais, solicitóuselles aos concellos das 18 cidades datos relacionados co servizo de taxi (número de licenzas, número de taxis adaptados a usuarios minusválidos, subvencións…), información que os concellos de Granada, Oviedo, Madrid e Santander se negaron a facilitar malia á reiteración na solicitude por parte desta revista.

A valoración global do servizo de taxi queda nun aceptable, que só chega ao ‘ben’ nos apartados de calidade e limpeza. Por cidades, os taxis que mellor nota mereceron na proba práctica (cun “ben” de media), foron os que se colleron na Coruña, en Alacante, Barcelona, Granada, Madrid, Málaga, Oviedo, Pamplona, Sevilla, Valencia e Zaragoza, mentres que os de Bilbao, Logroño, Murcia, San Sebastián, Santander, Valladolid e Vitoria quedaron na cualificación inmediatamente inferior, o ‘aceptable’.

Comparativa de tarifas

Enormes diferenzas de prezo entre cidades

Aínda que a suba media do prezo (sempre referido ao quilómetro recorrido) nas 18 cidades foi do 5,2% (case catro veces superior ao IPC), cada concello -responsable de fixar as tarifas- aplicou o seu propio incremento. As cidades nas que se constataron maiores subidas foron A Coruña (8,8%) e Oviedo (7,7%), seguidas de San Sebastián, Madrid, Bilbao, Barcelona e Vitoria (arredor do 6%). No outro extremo destaca Murcia, única cidade das 18 comparadas que non rexistrou incrementos no 2009 no prezo do taxi. As subas máis moderadas producíronse en Pamplona (3%), Logroño (4,2%) e Valencia (4,5%). O quilómetro percorrido (en horario diúrno) nestas cidades custa de media 0,8 euros, pero en Madrid, Alacante e Valencia págase a case un euro, mentres que o prezo apenas chega aos 0,65 euros en Bilbao e en San Sebastián. Tarifa nocturna, baixada de bandeira, carreira mínima e suplementos cambian, tamén, de cidade a cidade.

/imgs/20090301/tema-2.jpg
En Barcelona, a tarifa nocturna aplícase 12 horas (de 20 a 8 horas), mentres que na maioría das cidades rexe oito ou nove horas (en Pamplona, sete horas: dende as once da noite ás 6 da mañá). De media, coller de noite un taxi sae un 30% máis caro ca polo día, pero esa diferenza chega ata o 50% se se fai en Logroño, en Murcia ou en Valladolid. Pola súa banda, a ‘baixada de bandeira‘ (prezo mínimo que se aboa) durante o día supón 3,64 euros en Vitoria, rolda os 2 euros en Madrid, en Barcelona e en Pamplona e en Sevilla queda en 1,19 euros. Bilbao e San Sebastián non aplican esta tarifa pero esixen unha carreira mínima, concepto implantado en 14 das 18 cidades (a excepción: Vitoria, Pamplona, Madrid e Barcelona). A carreira mínima máis cara é a de San Sebastián, onde un taxi non presta servizo que custe menos de 4,65 euros (en días laborais e horario diúrno) e a máis barata, a de Zaragoza, con case 2,5 euros. Tamén procede comparar o tempo de espera (período nos que o coche permanece de todo parado, porque espera polo pasaxeiro ou porque quedou detido no tráfico). A hora de espera diúrna máis cara págase en Oviedo (20,35 euros) e a nocturna en Zaragoza (29,53 euros). E as máis baratas, en Bilbao (hora de espera diúrna: 15,71 euros) e Madrid (a nocturna: 18,35 euros).

Ademais, agás en 5 destas 18 cidades (Vitoria, San Sebastián, Santander, Oviedo e Alacante), os taxis cobran suplementos. Na metade delas hai que pagar pola equipaxe (1 euro custa o extra en Barcelona, 35 céntimos en Murcia); sete cidades estableceron un plus se o percorrido inclúe unha estación de transporte e oito cobran suplemento por levar o usuario ao porto ou ao aeroporto. A lista de suplementos, non fai falta insistir, é variada e, en ocasións, mesmo pintoresca: en Pamplona chamar por teléfono ao taxi súmalle ao recibo 0,93 euros en día laborable e 1,54 euros na fin de semana. E nalgunhas cidades cóbrase un extra por traslados á Feira de Mostras (Madrid, Barcelona e Zaragoza) ou por percorridos durante as festas patronais, Semana Santa ou feiras (Málaga, Sevilla, Valladolid ou Zaragoza).

Ao aeroporto, por favor

Ben porque escasean outros medios de transporte público ou ben por comodidade, o certo é que a ‘carreira’ entre o aeroporto e o centro da cidade é unha das máis demandadas polos usuarios do taxi. Iso si, o prezo que se paga varía notablemente dunhas cidades a outras, entre outras cousas (que non só por iso), porque as distancias entre aeroportos e cidades son moi distintas. En Oviedo, 50 quilómetros separan o aeródromo máis próximo do centro da cidade, mentres que en Bilbao apenas son 20 quilómetros.

As carreiras máis caras: Oviedo (52,60 euros de media) e Murcia (53 euros de media). Comparado co informe realizado hai catro anos, o prezo incrementouse en 12 e en 8 euros, respectivamente.

As máis económicas: Pamplona (9,22 euros de media), Valencia (13,50 euros) e Alacante (14,70 euros). No 2005, os prezos das tres cidades máis baratas por ir dende o centro da capital ao aeroporto e viceversa (Pamplona e Alacante atopábanse entre elas) oscilaban entre 9 e 12 euros.

A maior diferenza no mesmo traxecto: En Alacante houbo un 41% de diferenza entre o prezo do percorrido de ida e o de volta, que se realizaron en taxis distintos. No resto das cidades, as diferenzas de prezo foron de apenas un par de euros.

/imgs/20090301/tema-4.jpg
Tarifa fixa: As únicas cidades de todo o informe que contan cun prezo concertado de antemán para facer este traxecto son Valladolid (20 euros en laborable e 22 euros en noites e festivos), Logroño (20 euros de luns a venres, 23 os domingos, festivos e sábados a partir das 15 horas) e Sevilla (20,70 euros durante do día e 23,08 noites e festivos). En Málaga hai un prezo oficial para o percorrido da cidade ao aeroporto (20 euros) pero non á inversa. En Oviedo non rexe unha tarifa fixa de xeito oficial pero, na práctica, cóbranse uns 55 euros.

Calidade, limpeza e confort e información

Calidade: boa pero con carencias

A calidade é, xunto coa limpeza e co confort, o apartado no que mellor nota (un ‘ben’) acadaron os taxis neste exame. Os técnicos desta revista trataron de parar un taxi na rúa (agardando durante cinco minutos a entre 50 e 100 metros da parada) e dérono collido só no 28% dos casos. O máis habitual foi que se tivesen que trasladar á parada (57% dos casos) e mesmo pedir o servizo por teléfono (no 15% das ocasións).

Nos puntos clave das cidades (hospitais, estacións, hoteis, centros comerciais) o máis habitual foi atopar taxis na parada, aínda que ocasionalmente e nalgunhas cidades se observou que faltaban nas áreas específicas deste servizo. Ao solicitar un por teléfono, no 85% dos casos a chamada atendeuse ao primeiro intento, ademais de con corrección e amabilidade. Os coches tardaron de media seis minutos en facer acto de presenza.

Entre as carencias cómpre salientar que, tal e como se anotou na investigación de hai catro anos, no 30% dos 180 percorridos os taxistas puxeron en marcha o taxímetro antes de que o usuario indicase o destino. Houbo algúns casos (apenas chegaron ao 2%) nos que o taxímetro non funcionaba ou non estaba colocado de xeito que fose visible para os pasaxeiros e mesmo se observou que dous vehículos carecían de taxímetro.

Un dos temores dos usuarios, sobre todo se non coñecen a cidade, é que o taxista non elixa o traxecto máis curto ou máis rápido e, en consecuencia, o gasto se dispare. Aínda que nun 12% das viaxes se rexistraron diferenzas de prezo considerables entre a ida e a volta (de entre o 25% e o 30% en 9 percorridos e do 50% en 2), estas diferenzas case sempre se podían explicar polas circunstancias do tráfico. Só en dúas das 180 viaxes realizadas, unha en San Sebastián e outra en Vitoria, se xulgou que o taxista deu rodeos innecesarios e alongou o percorrido de xeito consciente.

Os máis dos taxistas que trasladaron os técnicos desta revista nas 18 cidades comportáronse con profesionalidade, proporcionáronlle un bo trato aos pasaxeiros, axudáronos coa súa equipaxe e comportáronse con prudencia ao volante. Agora ben, no que atinxe ao xeito de conducir, cómpre subliñar que aínda que a velocidade de marcha se reduciu con respecto á anotada hai catro anos, o que se xulga positivo, as imprudencias aumentaron: rexistráronse adiantamentos perigosos en tres percorridos, velocidade excesiva en sete ocasións, paso de semáforos en vermello en catro traxectos e insuficiente respecto polos sinais de circulación en 12 percorridos, é dicir, 26 incidencias indesexables, evidencia de escasa profesionalidade, en 180 traxectos.

Lei do taxi: dereitos e obrigas
  • Información clara e visible. O número de licenza, as tarifas e o taxímetro deben estar á vista do pasaxeiro.
  • Un servizo profesional. O ou a taxista non baixarán a bandeira ata que o usuario indique o destino. Seguirá o percorrido que previsiblemente sexa máis curto e entregará un recibo en talonario oficial. Só poderá negarse a realizar un traxecto se queren montar máis pasaxeiros dos autorizados, se se trata de persoas perseguidas pola policía ou se se prevé que poden causar danos, casos nos que debe xustificar a negativa ante un axente da autoridade.
  • Características do vehículo. Debe estar identificado con carteis de ‘TAXI’, con módulo externo luminoso e placas regulamentarias S.P., contar con taxímetro homologado, con extintor de incendios e con algún sistema de climatización.
  • Dereitos dos usuarios. Os pasaxeiros poden abrir e pechar as fiestras e solicitar que se acenda ou apague o aire acondicionado ou a radio. Debe esixir baixar do coche en lugares seguros e que a condución sexa correcta e segura.
  • Deberes dos pasaxeiros. Aboar o prezo do servizo, non interferir na condución nin solicitar a baixada en sitios inseguros. Non introducir no vehículo obxectos ou materiais que poidan afectar a súa seguridade nin manipular, destruír ou estragar elemento ningún do taxi.

Fallan en información e táboas comparativas

O apartado peor valorado do estudo, no que apenas se percibe melloría con respecto ao 2005, é a información: obtén un mediocre ‘aceptable’. O 39% dos vehículos que se colleron para realizar os 180 percorridos non expuñan as tarifas vixentes, aínda que a lei os obriga a facelo (no 2005 foron o 55% os taxis que non facilitaban esta información esencial). Ademais, en un de cada tres percorridos non estaba exposta a licenza do taxista no exterior do vehículo (sucedeu na mesma medida no 2005) e en máis da metade non se indicaba o número máximo de pasaxeiros que poden montar no taxi (no 2005, o dato foi moi parecido). E no 48% dos taxis botáronse en falta carteis para avisar os usuarios da obrigatoriedade de pór o cinto de seguridade. Con respecto aos elementos identificativos dos taxis, case todos portaban no teito o sistema indicativo de ‘libre’ e ‘ocupado’, así como o cartel de TAXI e S.P. (Servizo Público). En todos os percorridos se nos entregou un recibo, se ben na maioría dos casos houbo que pedilo. Todos os billetes indicaban o prezo da carreira, pero, malia a ser obrigatorio, só un 13% sinalaban a orixe do desprazamento e só un 11% o destino (no 2005, esta proporción chegaba ao 47%).

Taxis confortables

Os taxis españois son suficientemente bos. Comprobouse que un 95% lucían un estado xeral bo ou moi bo (mellor ca no 2005: daquela foron o 82%) e que os taxímetros se atopaban en boas condicións e sen indicios de seren manipulados. Oito de cada dez contaban con fiestras electrónicas, todos tiñan aire acondicionado ou climatizador e case seis de cada dez, GPS. O que aínda non se xeneralizou é o uso de sistemas electrónicos de pagamento con tarxeta: en tres de cada catro percorridos só se pode pagar en metálico e un 56% dos taxis nin sequera conta con impresora de recibos.