Enxaugaduras bucais alcohólicas mentoladas

O máis caro, o que menos lles gustou aos consumidores

Os elixires deben utilizarse despois do cepillado e en ningún caso o substitúen. Os que teñen máis fluor protexen mellor o esmalte
1 Marzo de 2009

O máis caro, o que menos lles gustou aos consumidores

A hixiene bucal ten unha importancia decisiva na saúde, xa que axuda a combater a placa bacteriana e a súa acumulación na base dos dentes, o sarrio. Ademais, prevén tanto a carie (a acumulación de ácidos que destrúen o esmalte) como a enfermidade periodontal (a retracción da enxiva que provoca o debilitamento do óso no que se aloxa o dente). Aínda que non substitúen o cepillado, as enxaugaduras bucais axudan a manter a boca limpa e sa por mor da súa acción antibacteriana. Estes elixires son solucións acuosas ou hidroalcohólicas que utilizan compoñentes moi similares ás pastas dentífricas.

CONSUMER EROSKI analizou sete enxaugaduras bucais alcohólicas mentoladas, que custan dende os 7,77 euros por litro de Kemphor ata os 19,75 euros por litro de Oraldine. Aínda que a composición de todos os colutorios analizados é moi semellante, algúns fabricantes etiquetan os seus produtos como cosméticos (é o caso de Oral-B, Colgate Plax, Sensodyne e Kemphor) e outros fano como dentífricos (tal e como acontece con Oraldine, Listerine e Licor del Polo, que se denominan antisépticos). Ao contrario ca os cosméticos, os dentífricos teñen número de rexistro sanitario, o que significa que antes da súa comercialización a Axencia Española do Medicamento avalou os estudos científicos que acreditan as propiedades que declaran. Por outra banda, nin Kemphor nin Oraldine lles desaconsellaban o seu uso aos nenos na etiquetaxe. Aínda que esta advertencia non é obrigatoria por lei, valorouse positivamente que o resto si o fixesen, xa que se trata de produtos con alcohol. Neste sentido, o mellor envase é o de Listerine, o único con tapón anti-nenos. A mellor relación calidade-prezo deste comparativo é Oral-B; foi o mellor valorado polos consumidores, é un dos que máis fluor tiña e non se detectou ningún alérxeno na súa composición.

Flúor e outros activos declarados

A maioría de dentífricos e elixires bucais conteñen fluor, unha substancia de probada eficacia anticarie, que reforza o esmalte dental e que o torna máis resistente ante os ácidos producidos pola placa. Aínda que por outra banda, demostrouse que en menores de seis anos unha inxestión excesiva desta substancia pode provocar manchas nos dentes (fluorose), o que fai máis recomendable que os nenos utilicen enxaugaduras bucais específicas para eles e pastas dentífricas cun contido en fluor que non supere as 1500 partes por millón. Os sete elixires analizados neste comparativo teñen fluor en cantidades que se consideran seguras, agás Oraldine e Listerine, que non conteñen esta substancia. O que máis fluor ten e, polo tanto, o máis recomendable para a carie é Oral-B (250 partes de fluor por millón).

Amais de fluor, todas as enxaugaduras analizadas agás Sensodyne e Lysterine declaran outros ingredientes activos de efecto antiséptico como clorhexidina (Licor del Polo), cloruro de cetilpiridinio (Oral-B, Colgate Plax e Kemphor) e hexetidina (Oraldine). Son compostos con grande actividade antiplaca pero nalgúns casos poden ter efectos secundarios como molestias xenxivais, ulceracións, perda do gusto ou unha lixeira tinguidura dos dentes (que se elimina cunha limpeza no dentista).

Aínda que só Listerine e Colgate informan na súa etiquetaxe da presenza de mentol entre os seus ingredientes, os sete elixires analizados son mentolados, polo que polo que é moi probable que todos o inclúan e que os fabricantes se limiten a usar o termo xenérico “aroma”.

Axudan a neutralizar o pH da boca

Auga, alcohol e ingredientes activos. Esa é, principalmente, a fórmula das enxaugaduras bucais. O xeito de estimar a cantidade de ingredientes activos de cada un (e, polo tanto, o seu custo de fabricación) é obter o extracto seco. Para iso, os sete elixires evaporáronse no laboratorio a unha temperatura de 105 ºC e comprobouse que Listerine é o de maior extracto seco (13,9%) mentres que Oraldine está composto nun 99% por compoñentes volátiles (só ten o 0,8% de extracto seco). En vista dos resultados, o que si queda claro é que, nuns e noutros, o ingrediente principal é a auga. Polo tanto, e a pesar de que todos os produtos deste comparativo e a maioría dos que se comercializan están pensados para o seu uso directo, escoller elixires sen diluír, máis pequenos e máis lixeiros de transportar, podería ser un bo xeito de reducir as emisións de CO2.

Por outra banda, un elixir considérase máis correcto canto máis se achegue ao pH da cavidade oral, que se atopa arredor de sete (por baixo do 5,5 o esmalte dos dentes desmineralízase e a súa estrutura comeza a estragarse). Licor del Polo, cun pH de 6,6, sería o mellor neste sentido e Listerine, cun pH de 4,4, o menos neutro. Como todas as enxaugaduras son ácidos, deben usarse preferentemente xusto tras o cepillado, xa que nese momento o pH da boca é lixeiramente alcalino e estes elixires axudan a equilibralo.

Coidado co alcohol

Aínda que os sete colutorios analizados son hidroalcohólicos, non todos conteñen a mesma cantidade de etanol. Destaca Listerine, cun 17%, moi por riba da media (un 8%). O alcohol emprégase como disolvente dos principios activos dos elixires e ten tanto propiedades antisépticas como conservantes. Por outra banda, ten un efecto caústico, destrúe os tecidos na cavidade oral, e, ademais, en concentracións elevadas, pode provocar dor oral. O seu uso está especialmente contraindicado en nenos, pacientes con mucosite (inflamación da mucosa oral), persoas que recibiran tratamentos con radiación na cabeza ou pescozo e todas aquelas que, pola súa enfermidade, teñan alterado ou comprometido o sistema inmunitario.

No tocante a compoñentes alérxenos, todas as mostras son correctas, xa que, a pesar de que as sete tiñan alérxenos, ningunha superaba o límite legal de 100 partes por millón (0,01%). Todos os elixires contiñan d-limoneno en distintas doses. Sensodyne incluía tamén linalol; Colgate Plax tiña cinamal e euxenol e Kemphor era a mostra con máis alérxenos, xa que se identificaron na súa análise todos os anteriores. Oral-B foi a única enxaugadura na que non se detectou ningunha destas substancias.

Os consumidores preferiron Oral-B

Para completar a análise de laboratorio pedíuselles a 30 consumidores que utilizasen as sete enxaugaduras durante tres días consecutivos e que avaliasen a súa cor, olor e sabor, amais das sensacións de frescor e limpeza que deixaban na boca e a duración do frescor. Oral-B obtivo as mellores cualificacións en cada un destes apartados e logrou unha valoración global de 6,5. Destacou sobre todo pola súa sensación de frescor, polo seu olor e polo seu sabor. Sensodyne e Licor del Polo acadaron tamén boas cualificacións (6,3 e 6,2 respectivamente), mentres que Listerine e Oraldine obtiveron as peores notas (5,1 en ambos os dous casos) e ocuparon postos de cola nos distintos apartados sometidos ao xuízo dos consumidores.

Consellos para unha hixiene bucal axeitada
  • Cepille os dentes polo menos tres veces ao día e non deixe pasar máis de quince minutos entre o final da comida e o cepillado.
  • Limpe as superficies externas e internas dos dentes superiores e inferiores, inclinando o cepillo uns 45º contra o bordo da enxiva e deslizándoo cara a diante, cunha lixeira presión. As superficies de mastigación das moas cepíllanse con movementos curtos cara a atrás e as moas con movementos circulares.
  • Use fío dental para eliminar restos de alimentos e bacterias dos espazos interdentais. Débense seguir as curvas dos dentes e deslizar a seda suavemente cara a arriba e cara a abaixo ata chegar á enxiva, con coidado para non a danar.
  • Debido á súa superficie rugosa, a lingua retén moita placa, polo que debe cepillala de dentro cara a fóra para evitar a formación de sarrio e previr a halitose.
  • Modere a inxestión de azucres e lembre que o tabaco prexudica a saúde da boca.
  • Visite o seu dentista polo menos unha vez ao ano e siga as súas recomendacións. As visitas deben comezar a partir dos dous anos de idade.
  • Durante os seis primeiros meses de vida é conveniente asear os dentes ou enxivas cunha gasa húmida despois de tomar o biberón ou de comer alimentos. Logo e ata os seis anos convén usar un cepillo suave cunha pequena cantidade de pasta dentífrica.
  • Os pais deben concienciar os seus fillos da importancia da saúde bucodental e ensinarlles hábitos correctos de limpeza para que os manteñan durante toda a vida.

En síntese e táboa comparativa

En síntese

  • Analizáronse sete enxaugaduras bucais hidroalcohólicas mentoladas, con prezos que oscilaban entre os 20 euros / litro de Oraldine e os oito euros / litro de Kemphor.
  • Oral-B foi a referencia con máis fluor e Oraldine e Listerine eran as únicas que non incluían este coñecido axente anticarie de recoñecida eficacia. Todos menos Sensodyne tiñan ingredientes activos con función antiplaca, como clohexidina, hexetidina ou cetilpiridinio.
  • O envase de Listerine é o único con tapón anti-nenos e só Kemphor e Oraldine non lles desaconsellan o seu uso aos nenos, unha advertencia que non é obrigatoria por lei pero que se valorou positivamente, xa que se trata de produtos que conteñen alcohol.
  • Oral-B foi a única mostra na que non se detectaron alérxenos, aínda que todos cumprían coa normativa europea en vigor e non superaban os límites legais deste tipo de substancias.
  • Na proba de uso os consumidores preferiron Oral-B, que gabaron polo seu sabor e pola sensación de frescor que deixaba na boca. Xusto as categorías nas que peores notas obtivo Oraldine, a peor cualificada polos usuarios.
  • A mellor relación calidade-prezo deste estudo foi para Oral-B, a mellor valorada polos consumidores, a único sen alérxenos e a que máis fluor tiña.
Marca Oral-B Licor del Polo Sensodyne Colgate Plax
Colutorio Protección Dentes e Enxivas Enxaugadura bucal antiséptico tripla acción Enxaugadura bucal Enxaugadura bucal amenta suave
Prezo (euros/litro) 10,52 8,78 12,92 9,96
Etiquetaxe Correcta Correcta Correcta Correcta
Tipo de produto Cosmético Dentífrico Cosmético Cosmético
Ingredientes activos declarados 1 Cetilpiridinio Fluor Alquil poliglicosido Clorhexidina Fluor Fluor Cetilpiridinio Fluor Mentol
Análise físico-química
pH 5,8 6,6 6,3 6,3
Extracto seco (%) 5,9 3,3 5,3 10,4
Etanol (%) 7,7 6,5 4,1 6,2
Fluor (ppm) 250 240 230 120
Alérxenos Correcto Correcto Correcto Correcto
Proba de uso (do 1 ao 9) 6,5 6,2 6,3 5,4
Calidade global Moi ben Moi ben Ben Ben
Marca Listerine Kemphor Oraldine
Antiséptico bucal mentol Enxaugadura bucal Antiséptico bucal menta
Prezo (euros/litro) 10,14 7,77 19,75
Etiquetaxe Correcta Mellorable Mellorable
Tipo de produto Dentífrico Cosmético Dentífrico
Ingredientes activos declarados (1) Eucaliptol Mentol Salicilato de metilo Timol Cetilpiridinio Fluor Hexetidina
Análise físico-química
pH 4,4 5,2 5,1
Extracto seco (%) 13,9 8,5 0,8
Etanol (%) 17,3 7,7 4,4
Fluor (ppm) Non engade 120 Non engade
Alérxenos Correcto Correcto Correcto
Proba de uso (do 1 ao 9) 5,1 5,5 4,5
Calidade global Ben Ben Ben

1. Ingredientes activos declarados. Son os ingredientes declarados na etiqueta; nalgún dos produtos analizados indícase a súa concentración.

Uno a uno

7 elixires bucais

Oral-B

  • Prezo: 10,52 euros/litro.
  • Calidade: Moi ben.
  • A mellor relación calidade-prezo.
  • O mellor valorado na proba de uso (obtivo un 6,5). Era o que máis fluor tiña (0,025%) e o único no que non se detectaron alérxenos. Ao igual ca Kemphor e Colgate inclúe cetilpiridinio, un antiséptico de acción antiplaca.
  • Está etiquetado como cosmético, non como dentífrico e, polo tanto, non ten número de rexistro sanitario.

Licor del Polo

  • Prezo: 8,78 euros/litro. O segundo máis barato.
  • Calidade: Moi ben.
  • O segundo máis barato e un dos mellor valorados polos consumidores (obtivo un 6,2). Cun pH de 6,6 é o máis próximo á neutralidade e o mellor neste sentido.
  • Foi o segundo con máis fluor e incluía ademais alquil poliglicósido e clorhexidina, contra a placa.

Kemphor

  • Prezo: 7,77 euros/litro. O máis barato.
  • Calidade: Ben.
  • O máis barato. Obtivo cualificacións intermedias na proba de uso (5,5).
  • Está etiquetado como cosmético, non como dentífrico e, polo tanto, non ten número de rexistro sanitario. Non contén ningunha advertencia desaconsellándolles o seu consumo aos nenos.

Colgate Plax

  • Prezo: 9,96 euros/litro.
  • Calidade: Ben.
  • Obtivo cualificacións intermedias na proba de uso (5,4 de nota global) e foi un dos peor valorados en sensación de frescor, sensación na boca e olor.
  • Contén fluor e cetilpiridinio, un antiséptico con acción antiplaca.

Listerine

  • O único con tapón anti-nenos e o de maior contido en alcohol (17%).
  • Ten o pH máis ácido (4,4) e foi o segundo peor valorado na proba de uso (5,1).
  • É o único xunto con Oraldine que non contén fluor. Inclúe unha mestura de aceites esenciais (eucaliptol, mentol, timol e salicilato de metilo).

Sensodyne

  • Prezo: 12,92 euros/litro. O segundo máis caro.
  • Calidade: Ben.
  • O que menos alcohol tiña (4,1%) e un dos que incluían máis fluor.
  • A segunda mellor valoración na proba de uso (6,3).
  • Está etiquetado como cosmético, non como dentífrico, e polo tanto, non ten número de rexistro sanitario.

Oraldine

  • Prezo: 19,75 euros litro. O máis caro.
  • Calidade: Ben.
  • É o segundo con menos alcohol (4,4%), pero non contén ningunha advertencia desaconsellándolles o seu consumo aos nenos.
  • Na proba de extracto seco obtivo o peor resultado, máis do 99% son compostos volátiles.
  • É o único con hexetidina, un antiséptico con acción antiplática e, xunto con Listerine, o único sen fluor.