Hortas de sol
Pasear por unha horta solar é facelo á sombra de inmensos paneis distribuídos de xeito cartesiano nunha grande explanada erma. Entre os corredores reina o silencio absoluto e o instinto empurra a ollar para o ceo na procura do sol. Os seus raios non se ven pero sábese que quedan atrapados na alfombra artificial e xiratoria que conforman os seguidores. Neles transfórmase a enerxía solar en enerxía eléctrica. Este proceso acádase sen xerar residuos e mediante un medido impacto ambiental -paisaxístico sobre todo-. Trátase dunha nova tecnoloxía que precisa aínda de numerosas hectáreas para conseguir os vatios destinados á rede eléctrica xeral; a rendibilidade calcúlase a longo prazo e son necesarias axudas públicas para renovar o sistema. Pero a humanidade inaugura o século XXI sabendo como recoller a enerxía que ofrece o sol todos os días.
A luz que move electróns
O Sol envía á Terra enerxía luminosa a xeito de fotóns, partículas portadoras da radiación electromagnética capaces de xerar o efecto fotovoltaico. Ao impactaren sobre a superficie de cada unha das celas dos paneis solares, os electróns do silicio que as conforman excítanse e escapan da súa posición, producindo unha enerxía que circula a xeitode electricidade. As celas conéctanse entre si nun circuíto en serie, o que aumenta a súa tensión.
Seguidores do sol da alborada ao solpor
Ancoradas sobre unha columna, as estruturas horizontais poden chegar aos oitenta metros cadrados e, malia aos seus 1.700 quilos, móvense seguindo o movemento do sol. A superficie non supera temperaturas de 25 graos centígrados e está preparada para aturar ventos de 80 quilómetros á hora. A enerxía discorre en paralelo nos módulos que a conducen cara ao inversor.
Inversores de continua a alterna
Na coroa da columna a alta tecnoloxía materialízase en tarxetas de control que inverten a corrente de natureza continua a alterna. Esta modificación é necesaria para que a enerxía se integre inmediata e directamente na rede eléctrica.
Contadores e mantemento
Disposta entre grupos de oito terrazas reflectintes atópase unha caseta de contadores para cada un dos seguidores solares. É alí onde se rexistran os quilovatios xerados e enviados á rede. A actividade non depende da calor e nin sequera das horas de sol, senón da radiación solar que alcanza os paneis. Unha horta de 800 seguidores do sol dá xerado unha media de 14,28 quilovatios á hora anuais. É dicir, a enerxía necesaria para o consumo de 6.500 fogares. Os estudos aseguran que evita a emisión de 13.000 toneladas de dióxido de carbono (CO2), o que equivale ao traballo depurativo que se lograría cunha fraga de oitocentas mil árbores.
Subestación eléctrica
A poucos metros da horta solar érguese unha subestación eléctrica que adapta o nivel de tensión para inxectar a electricidade xerada na rede xeral. O usuario non percibe ningún cambio no servizo eléctrico que recibe, pero sabe que cada quilovatio que produce o xerador fotovoltaico é un menos que xerarán as centrais contaminantes.
Hortas en edificios
Na busca do desenvolvemento sostible e para apoiar as fontes limpas de enerxía, o Código Técnico da Edificación aprobado no 2006 e modificado no 2007 obriga a instalar paneis solares nos edificios novos. Non se trata de xeradores de enerxía fotovoltaica senón termoeléctricos: utilizan a radiación do sol para acadar auga quente sanitaria. Tamén cabe a posibilidade de trasladar a tecnoloxía das hortas aos edificios. Varía a súa escala e a produción, pero o sistema está igualmente conectado á rede en paralelo e a electricidade producida véndese tamén á rede. Estímase que este tipo de infraestruturas teñen unha vida útil de 30 anos sempre que se realicen os labores de mantemento preventivo e correctivo estipulados.