Cara a un futuro sen colas
É cuestión de tempo, pero acabará por suceder: as colas, xa sexa fronte á caixa rexistradora nunha tenda, ante a ventá de venda de entradas dun cinema, no control de seguridade dunha discoteca ou no acceso a un concerto multitudinario, teñen os días contados. A clave agáchase baixo as siglas RFID, unha tecnoloxía que permitirá pagar “sen pasar por caixa” ou identificarse sen que o usuario teña que facer nada máis que achegarse a un lector de “chips”.
Substituto do código de barras
Un dos lugares onde máis comodidade podería supor o RFID é nas tendas, nas que podería substituír o código de barras. Esta etiqueta electrónica, única por cada unidade de produto (e non por cada tipo de produto, como na actualidade), informará do prezo, da súa data de caducidade se a ten, da súa marca, modelo, peso, etc. a calquera aparello lector habilitado. Ademais, como a lectura dos chips é por radiofrecuencia, non hai que pasar cada código diante dun feixe de luz como na actualidade, senón que un dispositivo montado nun arco podería contar (e cobrar) polo importe total de produtos no carro sen ter que sacalos un a un. Iso si, haberá que agardar a que a tecnoloxía estea máis depurada, porque os lectores de RFID actuais só len polo momento un produto cada vez. Os usos futuros achéganse á ciencia ficción. Así, unha neveira equipada cun lector de RFID podería indicar cando a data de caducidade dun alimento está a piques de vencer. A información que pode almacenar un destes dispositivos é notable, polo que o é moi probable que polo de agora nin sequera se albiscara nin unha pequena parte das potencialidades que pode ofrecer.
Por que non chegou aínda ás tendas?
Así e todo, o principal problema para a súa expansión é o caro que resulta. Ou mellor dito, a carestía de cada unidade. Un “chip” RFID barato custa 20 céntimos de euro, o que aparentemente non é moito, se non fose polo feito de que hai que aplicalo a cada unidade de cada produto, con independencia do seu custo comercial. E, co prezo actual, só a etiqueta, por exemplo, valería máis ca un iogur, un prezo non asumible pola industria. Polo de agora, o seu uso circunscríbese a produtos máis caros, como a roupa, o calzado ou os electrodomésticos. Na industria loxística, moitos palés xa incorporan estas etiquetas onde facilitan moito a xestión automatizada. Pero ninguén dubida de que axiña se abaratará o prezo destes “chips” ata facer este futuro posible: prevese que para o 2010 será rendible introducir esta tecnoloxía mesmo nos produtos máis baratos.
Non obstante, as máis das veces, o problema redúcese a que alguén a distancia poida saber que produtos hai nunha bolsa pechada, por iso hai quen acusa de paranoicos aos que pretenden limitar esta tecnoloxía. Iso si, nalgúns casos a ameaza é significativamente máis grave: se, como se prevé, os pasaportes dos EEUU acaban incorporando RFID, os cidadáns americanos no estranxeiro que busquen ocultar a súa procedencia estarían retransmitíndolle a súa nacionalidade a calquera desaprehensivo coa tecnoloxía axeitada. E iso, no panorama actual é inherentemente perigoso.
Todos estes problemas pódense evitar se se obriga por lei a desactivar as etiquetas cando se sae do establecemento. Mentres tanto, xa hai quen ideou e ensina por Internet maneiras de desactivar estas etiquetas na casa mediante un curioso e eficaz método: o microondas.