A solteiría non é un fracaso
A etimoloxía da propia palabra xa descobre o matiz negativo. “Solteiría” provén dun termo latino que significa “solitario”, “desamparado” conceptos que pouco teñen que ver cos novos vocábulos, máis neutros, mesmo “glamourosos”, que se utilizan na actualidade para referirse aos que non desexan pasar pola vicaría, o Concello ou o Xulgado e vivir en compañía: son os “impares” ou “singles“.
Aceptación crecente
Esta opción, cada vez máis valorada e apreciada en España polas novas xeracións, está vinculada aos novos hábitos de vida. Segundo algúns estudos, os máis de tres millóns de españois “impares” de entre 30 e 45 anos dispoñen de ingresos significativamente superiores ao resto de individuos do mesmo tramo de idade, teñen máis cartos e gastan máis en cultura, viaxes, lectura, espectáculos…
A sociedade actual, lonxe de asociar os solteiros con persoas aburridas e carentes de motivacións, obsérvaos como afortunados que xeralmente non se privan de nada, que viven a vida e que non cesan de facer plans. Un claro exemplo é o protagonizado polas mulleres solteiras, cunha independencia económica crecente que non condiciona a súa vinculación a outra persoa.
Tipoloxía variada
Á parte das consideracións sociolóxicas e psicolóxicas, o máis importante é determinar a actitude e o grao de soidade co que viven cada vez máis persoas que non se queren unir a ninguén. Para iso, cómpre aclarar en primeiro lugar que a soidade non ten por que ser necesariamente unha situación negativa. A soidade é positiva ou negativa dependendo de como se viva, e, no caso dos solteiros, a tipoloxía é ampla.
- Os convencidos. Están satisfeitos da súa situación. Canalizan as súas enerxías cara á profesión, as actividades humanitarias, a relixión, a ciencia. Ás veces desembocan nesta “convicción” procedentes de fracasos amorosos ou porque realmente están convencidos de que a vida en parella non combina ben coa liberdade.
- Os perfeccionistas esixentes. Son os solteiros que non atopan ningunha persoa que teña as características necesarias para levar unha vida en común satisfactoria e que á vez lles permita desenvolverse persoalmente.
- Os aventureiros. Séntense moi atraídos pola vivencia de aventuras como viaxes exóticas e deportes alternativos. As compañías dúranlles se son capaces de compartir as aventuras. Viven buscando novidades constantemente.
- Os autosuficientes. Son absolutamente independentes para gozar en soidade dos atractivos da vida. Mesmo viven como un estorbo calquera tipo de compañía que sempre crea problemas.
- Os que din resignarse. Son os solteiros que sempre responden que si cando se lles pregunta se son felices e os que insisten en convencer o outro de que non necesitan a ninguén. Non obstante, en momentos de intimidade confesan a súa amargura e a súa soidade mal vivida despois de relacións fracasadas ou amores non correspondidos.
- Os que “voan de flor en flor”. Asústalles o compromiso e a fidelidade incondicional para sempre. Non se atan porque se consideran “infieis” por natureza, incapaces de vivir para unha soa persoa. Rompen unha e outra vez as súas distintas relacións e non se senten mal por iso.
- Os egocéntricos. Consideran que unha vida en parella estable supón compartir cartos, tempo, preocupacións e problemas alleos, e non están dispostos.
- Os tímidos. Conviven coa súa propia soidade porque lles resulta excesivamente duro facerse visibles nos ámbitos sociais. Non se expoñen ao posible ridículo por non ser aceptados.
- Os amargados. Viven a súa soidade cun sufrimento interno e cunha frustración tan importantes que padecen a súa solteiría como unha enfermidade, botando de menos en segredo que alguén lles queira. Acumulan agresividade e envexa latente contra aquelas persoas ás que lles vai ben e ás que adoitan criticar.
Oportunidade de desenvolvemento persoal
O que realmente está en xogo é como se vive a soidade. Porque convén recordar que tamén hai soidade da mala en compañía e que moitas persoas casadas se senten dramaticamente soas. Por esta razón, elixírase ou non vivir en estado “impar”, “single” ou “solteiro”, o importante é o cultivo de actitudes para vivir a soidade como unha oportunidade de desenvolvemento persoal.
As persoas que viven soas teñen a vantaxe de experimentar menos controis sobre a súa conduta, pero tamén teñen menos oportunidades de contrastala para que evolucione favorablemente. Por iso necesitan ter ben espertas as súas actitudes vitais, para que a soidade na que viven non se converta en foco de desgustos.
/imgs/20070301/img.psicologia.02.jpg Evitar as rutinas. Facer sempre o mesmo leva consigo o risco de caer na rutina. É o que se chama comunmente as “rarezas dos solteiros”. É importante considerar a posibilidade de deixar entrar na súa vida novas experiencias.- Non preocuparse, ocuparse. Non hai que crear dificultades antes de telas. Hai que resolvelas cando aparezan.
- As oportunidades non adoitan vir á casa. Hai que ir buscalas.
- Buscar o aspecto positivo das situacións. Cada circunstancia ten as súas partes positivas. É importante ter unha actitude de apertura cara a elas.
- Desconfiar da autocompaixón. É importante permanecer alerta aos sentimentos que fan que sintamos pena de nós mesmos. Amais de irreais, adoitan ser improdutivos.
- Arriscarse a facerse visible. Nunha sociedade como a actual, permanecer acantoado non permite facerse visible. Os “ensaios” de facerse ver adoitan ser gratificantes.
- Probar coa xenerosidade. Descartar a “propiedade privada exclusiva” de bens como o tempo e as calidades de un mesmo e polas á disposición doutras persoas non empobrece. A experiencia di que é sumamente enriquecedor. Hai que arriscarse a compartir.
- Oír non é o mesmo que escoitar. Manter unha actitude activa de escoitar outras maneiras de pensar e de ver a vida non desestabiliza, enriquece.