Infancia e entretemento

Lecer en soidade

As novas tecnoloxías contribuíron á aparición de novas modalidades de lecer máis individuais e sedentarias. O parque, as chapas, as bólas e o bocadillo foron substituídos polo centro comercial, os videoxogos, a televisión e a hamburguesa.
1 Marzo de 2007

Lecer en soidade

/imgs/20070301/img.informe.01.jpg O parque, as chapas, as bólas e o bocadillo foron substituídos polo centro comercial, os videoxogos, a televisión e a hamburguesa. Desaparecida a rúa como lugar de encontro entre nenos pequenos e adolescentes, debido, entre outras razóns, á escaseza de zonas seguras para xogar e ao medo dos pais ao tráfico ou a que alguén lles poida facer dano, as cidades tornáronse nun lugar pouco axeitado para a diversión dos nenos. Na actualidade, o xogo libre en espazos abertos é pouco menos ca misión imposible, sobre todo se asociamos esta nova realidade ás longas xornadas escolares, ás actividades extraescolares e á invasión de produtos informáticos de lecer.

Moitos nenos xa non xogan, senón que “consumen” produtos manufacturados de entretemento (televisión, videoxogos, etc.), unha solución sinxela coa que encher as súas horas de lecer. É a globalización do entretemento. Na sociedade actual a tecnoloxía é cada vez máis potente e o lecer é, nestes momentos, electrónico. Os chats e o envío de mensaxes curtas polo teléfono móbil están a modificar o xeito de relacionarse e ás consultas médicas comezan a chegar os primeiros ciberadictos, nenos e mozos que non poden deixar de xogar a videoxogos ou abandonar as salas de conversación online.

O terceiro estudo de Audiencia Infantil/Xuvenil de Medios en España 2004, publicado pola Asociación para a Investigación de Medios de Comunicación (AIMC), destaca que os nenos de entre 8 e 13 anos cambian os tradicionais peluches dos seus cuartos por equipos de música (46,4%), televisores (36,2%) e ordenadores (22,1%). No tocante aos videoxogos, o 73,7% posúenos, e dedican 172 minutos de media semanal a xogar con eles. Entre os xogos favoritos dos nenos/mozos destacan os de aventura, deportivos e de acción. Un terzo deles teñen teléfono móbil para o seu uso persoal. Amais de utilizaren o móbil para falaren e enviaren mensaxes, entre un 80 e un 82% utilízano tamén para xogaren (51%).

Nos novos hábitos de lecer dos nosos fillos cada vez téndese máis ao illamento, ao xogo individual e sedentario. Segundo un estudo da empresa Ikea Ibérica S.A., a maioría dos nenos xogan sós (60%), fronte aos que prefiren facelo con amigos (35%) ou con familiares (unicamente o 3%), sen variacións salientables entre rapazas e rapaces. O lugar de esparexemento preferido é o aire libre (68%), pero na elección doutro lugar de xogo, o preferido é o propio cuarto (46%), por ser onde teñen as súas cousas e poden estar tranquilos.

A alternativa máis común a ese “lecer en soidade” é o centro comercial, o sancta sanctórum para os adolescentes. Alí teñen cubertas todas as súas necesidades: boleiras, recreativos, establecementos de lambetadas e comida rápida, cines…

Dereito a xogar

/imgs/20070301/img.informe.05.jpg A Convención sobre os Dereitos do Neno recoñece o dereito “ao descanso e ao esparexemento, ao xogo e ás actividades recreativas” de todos os nenos e nenas. As diversas actividades lúdicas que practican os nenos inflúen no seu posterior desenvolvemento, de xeito que os pequenos que se entreteñen con videoconsolas ou con Internet son máis introvertidos e solitarios ca os que xogan na rúa.

Estas son algunhas das reflexións incluídas nun estudo realizado pola Universidade de Granada, no que se afonda sobre a evolución das técnicas de xogo e a importancia da actividade lúdica no desenvolvemento dos nenos. Os expertos coinciden en que o exceso de actividades extraescolares e o abuso de videoxogos ameazan unha das actividades máis educativas pero menos valoradas da infancia: o xogo espontáneo, no que os nenos crean as súas propias normas e poden desenvolver a súa imaxinación e creatividade.

Nunha sociedade que está marcada por un ritmo de vida apresurado e por unhas axendas sobrecargadas, tanto de adultos coma de nenos, o tempo que pais e fillos teñen para facer actividades xuntas redúcese. Os pais teñen pouco tempo para os seus fillos, ata o punto de producirse extremos como o deses “nenos chave” que saen do colexio e van sós para a casa, onde máis ou menos se “buscan a vida”.

Un informe publicado pola Academia Americana de Pediatría (AAP) no último número da revista Pediatrics destaca que o xogo lles permite aos nenos expresaren a súa creatividade e desenvolveren a súa imaxinación, a súa destreza manual e as súas aptitudes físicas, cognitivas e emocionais, polo que é importante para o desenvolvemento saudable do cerebro. Entre as virtudes do xogo non estruturado destaca que cando se xuntan varios nenos aprenden a traballar en grupo, a compartir, negociar, resolver conflitos e a defender os seus puntos de vista. E cando teñen ocasión de xogar cos pais, os nenos perciben que os adultos lles prestan toda a súa atención e contribúe a construír relacións duradeiras. O xogo duplica a capacidade de concentración e de memoria do neno, polo que a aprendizaxe resulta máis sinxela cando realiza este tipo de actividade, segundo un estudo do Colexio de Pedagogos de Cataluña.

O impacto das TIC nos menores

O impacto das novas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC) na vida social provocou un profundo cambio nos comportamentos e hábitos de lecer dos nenos e mozos con respecto aos das súas xeracións precedentes. O tempo que os mozos dedican a chatear, a entreterse cos videoxogos e a navegar pola Rede aumenta ano tras ano a un ritmo espectacular. En España, o caso dos adolescentes é aínda máis sintomático: boa parte deles pasa acotío máis de seis horas expostos ás novas tecnoloxías (Internet, móbiles, videoxogos, reprodutores mp3, etc.).

Os expertos coinciden en afirmar que as TIC non son malas nin boas en si mesmas. O abuso dos xogos en liña, por exemplo, pode crear adicción, problemas ergonómicos e mesmo visuais, pero o seu uso racional pode servir como elemento rehabilitador (por exemplo, para a estimulación de determinadas funcións psicomotrices e de axilidade de reflexos). A clave está no uso que se faga destes novos medios de información e de lecer.

Videoxogos

/imgs/20070301/img.informe.03.jpg Os videoxogos convertéronse nun dos produtos máis demandados por menores e adolescentes, é dicir, pola maioría dos consumidores do chamado lecer dixital. Segundo un estudo realizado por Protégeles e Civértite xunto co Defensor do Menor, os menores conciben os videoxogos como un instrumento básico do seu lecer e tempo libre, e utilízanos de maneira habitual e maioritariamente, en especial entre os varóns.

Así, un 69% dos menores enquisados xoga acotío. Por sexos, xogan con videoxogos o 85% dos varóns menores de idade, fronte ao 52% das nenas e adolescentes. No tocante ao tempo que lle dedican a esta actividade, o 23% xoga máis de dúas horas diarias durante a fin de semana e só un 9% afirma non xogar nada durante as fins de semana. Aínda que os videoxogos responden en moitas ocasións a un concepto de lecer grupal, nos máis dos casos (52%) os menores xogan sós.

Outro recente estudo, este da Universidade de Navarra, destaca que os temas preferidos son a aventura e a acción; o 38% pensa que reducen a súa dedicación ao estudo e o 18% recoñece que lles poden resultar violentos. Segundo este informe, o maior foco de conflito entre pais e fillos céntrase no número de horas que lle dedican á pantalla, na súa influencia sobre o rendemento escolar, o sono ou a saúde, e non na calidade dos contidos ou na súa conveniencia. Así, o 45% dos nenos que usan videoxogos admite que discute cos pais polo tempo de consumo; no caso de Internet esta variable representa o 16,5% das discusións; e nos móbiles, o 7,5%.

Consellos
  • Os videoxogos poden formar parte do lecer infantil como un elemento enriquecedor, sempre que se integren nunha oferta ampla e diversa, e así o deben percibir os nenos. Usar os videoxogos como un instrumento para mantelos entretidos durante horas debe entenderse como un defecto dos pais, non dos fillos.
  • Convén coñecer as clasificacións dos xogos e as declaracións de privacidade, e mais revisar os termos de uso aceptable dos sitios de xogo en liña.
  • Aconséllase reparar nos xogos cos que se entreteñen os fillos e en con quen o fan. Para iso, é mellor que o equipo ou a consola de xogos estea nun lugar dende o que poida supervisar doadamente a actividade.
  • É mellor o uso de videoxogos que permitan a participación de máis dun xogador.
  • Recoméndase limitar o tempo do uso dos videoxogos (de 30 a 60 minutos por día, descansando cada 20 ou 30 minutos, dependendo da idade do neno).
  • É bo animar a xogar en grupo e, se é posible, entre os membros da familia.
  • O xogo e os seus recursos deben variar, polo tanto o adulto procurará que o neno
  • Non convén utilizar televisores grandes, xa que nestes a intensidade das luzadas dos videoxogos é maior.

Internet

/imgs/20070301/img.informe.02.jpg Internet converteuse nun elemento irrenunciable para os adolescentes e mozos. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) correspondentes ao primeiro semestre do 2006, sete de cada dez nenos de entre 10 e 14 anos utiliza Internet. O estudo realizado pola Universidade de Navarra destaca que o 35% dos nenos que se conectan a Internet fano para xogar, e un 44% para descargar películas, cancións e programas. Ademais, o 61% dos nenos afirma estar só cando entra na Rede, e un 35% dos pais non vixían os seus fillos cando o fan.

No ano 2003, o estudo “Internet Segura” da Fundació Catalana per a la Recerca incidía no risco que supón esta situación para os menores, dada a súa preferencia polos chats. Somerxidos nas conversas escritas dos chats, poderíalles resultar difícil identificar con precisión a identidade real do interlocutor, e mesmo poderían trasladar á vida real esta comunicación virtual con impredicibles resultados.

Televisión

O estudo da Universidade de Navarra sobre os hábitos e preferencias do público infantil pon de relevo que no ámbito dixital no que viven os nenos, a televisión é o medio menos atraente, xa que carece de interactividade. O novo ocio electrónico máis interactivo cómelle terreo á pequena pantalla entre os máis novos.

Os nenos españois reduciron o consumo de televisión en 18 minutos nos últimos oito anos para llos dedicar a outras pantallas alternativas como Internet, as consolas de videoxogos ou os móbiles, que teñen como punto forte a interactividade. O pasado 2006 consolidouse a tendencia de baixada de audiencia entre o público máis novo por terceiro ano consecutivo.

Segundo datos de Corporación Multimedia, no 2006 os nenos de entre 4 e 12 anos viron a tele unha media de 140 minutos (dúas horas e vinte) ao día por neno, o que supón dous minutos menos ca o ano anterior e 18 en relación a oito anos antes. Os adolescentes, non obstante, manteñen o nivel de consumo televisivo, e malia todo, hai rapaces que pasan máis tempo en compaña do “canguro catódico” ca de amigos e familiares.

O libro branco sobre “A educación no ámbito audiovisual”, elaborado polo Consello Audiovisual de Cataluña (CAC), conclúe que os rapaces pasan ao ano o equivalente a 23 días do curso escolar seguindo os seus programas favoritos -dirixidos os máis deles ao público adulto-. Ven acotío unha media de 40 minutos de televisión en horario «prime time» (de 21 a 24 horas). Presencian uns 2.000 actos violentos ao ano na pequena pantalla. Aos 15 anos un rapaz pasou xa 17 meses da súa vida pegado á “tele”.

Un de cada tres menores ten este electrodoméstico no seu cuarto, e o 62% non está vixiado polos seus proxenitores cando o usa (sorprendentemente, a metade dos pais coida que os seus fillos ven pouco ou moi pouco a televisión). Ademais, canto menor é o nivel económico, maior tempo se dedica a ver a televisión, xa que hai menos alternativas de lecer.

Se ás 19 horas semanais dedicadas a ver a televisión se lle engade o tempo destinado aos videoxogos e ao ordenador, o resultado é que o menor pasa unha media de 30 horas semanais fronte a unha pantalla. Este consumo audiovisual realízase maioritariamente fóra de calquera control adulto.