Cortisona / Tabaco / Tai Chi / Os cans son útiles para tratar alerxias infantís / Os bicos non transmiten catarreiras / Planean o primeiro transplante de útero / Entrevista: Luis Pulpón

1 Marzo de 2007

Cortisona / Tabaco / Tai Chi / Os cans son útiles para tratar alerxias infantís / Os bicos non transmiten catarreiras / Planean o primeiro transplante de útero / Entrevista: Luis Pulpón

En catro palabras

Cortisona:

/imgs/20070301//img.salud2.01.jpg É un fármaco do grupo dos corticoides ou corticosteroides. Os corticoides son hormonas que produce o organismo e que realizan importantes funcións. Cando o seu funcionamento non é o axeitado, recórrese á cortisona (en alerxias, enfermidades oftálmicas, reumáticas e respiratorias, edemas e no tratamento paliativo de leucemias e linfomas). Pode dificultar o tratamento de procesos infecciosos, polo que cómpre administrala con precaución, especialmente en nenos e anciáns.

O que avisa non é traidor


O tabaco tamén ten efectos nocivos sobre a pel

Fumar non é un hábito saudable e provoca múltiples enfermidades, pero ademais causa efectos devastadores sobre o noso aspecto. A revista British Journal of Dermatology publicou en xaneiro o traballo dun equipo de investigadores españois sobre as consecuencias nocivas do tabaco. Os científicos analizaron 69 voluntarios: os fumadores e ex fumadores tiñan, con respecto aos non fumadores, máis fibras elásticas por área de pel examinada, pero dispostas desordenadamente, o que conduce a unha menor forza elástica e a un avellentamento precoz. Os autores concluíron que as alteracións cuantitativas e cualitativas das fibras elásticas, verificadas nas persoas expostas ao tabaco, son semellantes ás provocadas pola exposición da pel a un exceso de radiación solar.


Noticias


Tai Chi para camiñar mellor

/imgs/20070301//img.salud2.02.jpg A práctica de Tai Chi é un excelente xeito de mellorar a saúde dos anciáns, segundo sinala un grupo de investigadores estadounidenses, xa que restablece a forza a través de movementos suaves, exercicios de respiración e imaxinación. Pero os investigadores van máis alá e nun estudo publicado no Journal of the American Geriatrics Society o pasado mes de decembro propoñen un novo tipo de exercicio, o CBST (exercicios combinados para o adestramento do equilibro e camiñar), que logra reducir considerablemente o número de caídas entre a poboación maior, e dá lugar a un restablecemento máis rápido.


Os cans son útiles para tratar alerxias infantís

Os nenos pequenos que viven en casas onde hai cans poden ter menos probabilidades de desenvolver alerxias. É a conclusión dun estudo de investigadores da Universidade de Cincinnati, publicado na revista Journal of Allergy and Clinical Immunology. Os científicos observaron que os cativos que vivían con dous ou máis cans tiñan un terzo menos de probabilidades de desenvolver crises alérxicas respiratorias debido a que nas súas casas hai un elevado nivel de endotoxinas (compoñentes naturais producidas por bacterias) dosificado no po ambiental, o que estimula o seu sistema inmunitario.


Os bicos non transmiten catarreiras

As catarreiras non se transmiten pola saliva, e non se poden contaxiar polos bicos. Especialistas da Asociación Española de Pneumoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR)determinaron que as catarreiras poden ser transmitidas por 200 tipos de virus diferentes, pero non a través da saliva. O contaxio é posible, pola contra, se unha persoa sa leva os dedos ao nariz logo de tocar un obxecto contaminado.


Planean o primeiro transplante de útero

Un equipo de médicos do New York Downtown Hospital está desenvolvendo a técnica para realizar o primeiro transplante de útero, que beneficiaría a mulleres estériles por enfermidade ou accidente. Para facelo utilizarían úteros de mulleres falecidas, tal e como se fai noutros transplantes. Realizáronse probas en ratas, porcos, coellos e mais nun mono, e, para evitar o rexeitamento, os expertos propoñen implantar arterias máis grosas xunto ao útero, órgano que se lle retiraría á muller unha vez que concibise e dese á luz, para evitar a inxestión de fármacos contra o rexeitamento durante toda a súa vida.


Entrevista

/imgs/20070301//img.salud2.03.jpg Luis Pulpón. Presidente da Sociedade Española de Cardioloxía. Servizo de Cardioloxía. Clínica “Puerta de Hierro”, Madrid


“Moitas mulleres seguen pensando que os infartos son cousa de homes”

Se todo o mundo comese ben e se exercitase, desaparecerían os infartos?
Habería moitos menos, pero seguiríaos habendo. Non esqueza que un dos principais factores de risco é o avellentamento, e estímase que no 2011 cada día van cumprir 65 anos nada máis nin nada menos ca 200.000 persoas.

Non podemos evitar ser vellos, pero si podemos evitar estar obesos ou levar unha vida sedentaria. Por que non o facemos?
O drástico descenso da mortalidade nos últimos corenta anos instalou a idea de que un xa non morre por un infarto e de que a medicina prové solucións para case todo… Esta mensaxe obvia que o custo de sobrevivir a un infarto é carísimo e a seguridade social chegará un momento en que non poderá pagar máis. Pode que se tivésemos que pagar do noso peto as consecuencias da obesidade ou do sedentarismo se cadra seriamos máis responsables.

Un valor mal encaixado no noso sistema social de valores?
Un déficit cultural no tocante á saúde cardiovascular. Só o 20% dos pacientes con infarto recoñece os síntomas e se pon en contacto cun médico. A metade non acode ao hospital, e un 40% falece dentro da primeira hora… O infarto, polo tanto, segue a ser algo moi serio.

Urxe, pois, educar.
Moitas mulleres seguen a pensar que os infartos son cousa de homes e son pouco dadas á prevención. Relacionan o tabaco cun risco potencial de cancro de mama e non, en cambio, coa enfermidade cardiovascular, que é a que mata máis mulleres.

Sorte que ata o pan ou o leite foron reformulados para combater o exceso de colesterol…
Sen educación, a medida cae en chan ermo. Estudos recentes demostraron que os ácidos omega-3, o ácido fólico ou as vitaminas só resultan beneficiosos no contexto dun bo hábito de vida… De nada serve xantar cada día un porco e tomar leite con omega-3 para almorzar, ou evitar facer exercicio baixo a premisa de que se toma moita fibra ou moitas vitaminas.