A batalla do pole
Perenne ou de tempada
Hai dous tipos de rinite alérxica:
- a estacional ou de tempada. Aparece nas épocas de polinización (en España, maio e xuño) e que adoita depender tamén da pluviosidade. Así, canto máis chovera en marzo e abril, máis polinización se dá. Por riba dos 1.500 metros de altura, a polinización é escasa. As manifestacións clínicas da rinite empeoran cos anticiclóns e melloran coas borrascas. A súa estacionalidade varía en función do alérxeno e da zona xeográfica.
- a perenne ou permanente. Dáse durante todo o ano, xeralmente producida polos ácaros do po, os epitelios (caspa, pelo e plumas) e excrecións (ouriños e excrementos) dos animais domésticos, mofos, e alérxenos ocupacionais, que se xeran no lugar de traballo.
Aviso da asma
Os síntomas que produce a rinite, que ademais é un factor de risco de asma, son:
- Prurito (comechón) nasal que pode producirse tamén en ollos, padal, gorxa.
- Rinorrea acuosa, esbirros en salvas.
- Conxestión e obstrución nasal.
Tamén poden acompañar estes outros síntomas:
- Tose irritativa, respiración sibilante (con pitos no peito).
- Respiración bucal.
- Ronquidos, hipersomnia.
- Astenia, mal rendemento escolar.
- Infeccións frecuentes de oído.
Confusións con rinite non alérxica
O diagnóstico da rinite alérxica baséase fundamentalmente na sintomatoloxía típica, a súa estacionalidade, antecedentes familiares de alerxia, de dermatite atópica, e probas específicas de alerxia. A máis habitual é a técnica do prick-test. Consiste en poñer en contacto a derme co alérxeno a través dunha picada moi superficial. Se se é alérxico prodúcese unha reacción inflamatoria local.
O establecemento do diagnóstico correcto é fundamental non só para o tratamento específico, senón tamén porque hai outras rinites non alérxicas, bastante frecuentes, que poden ocasionar síntomas similares. Hai ademais outro tipo de rinites inflamatorias, como a eosinofílica, a neutrofílica, a hipertrófica, a mastocitaria, a atrófica ou ocena, e a infecciosa, que teñen síntomas distintos das anteriores e por suposto tratamentos específicos para cada tipo.
Evitar o alérxeno
Nas épocas de polinización (na actualidade, cóntase con información sobre o índice de polinización na atmosfera) convén:
- Pechar ventás.
- Ter os portelos pechados no coche.
- Reducir ao mínimo as actividades ao aire libre, especialmente a primeira hora da mañá (das 5.00 a 10.00 horas hai unha emisión alta de pole) e pola noite (de 17.00 a 22.00 hai un descenso do pole suspendido no ambiente polo arrefriamento do aire).
- Non colgar a roupa ao aire libre para secala, xa que o pole deposítase e acumúlase nela.
- En caso de utilizar aire acondicionado, hai que limpar os filtros moi a miúdo, xa que neles se retén e acumula o pole.
- Se a causa de alerxia son epitelios e/ou excrementos animais, polo xeral mascotas domésticas, o modo máis eficaz de evitala é simplemente non téndoas na casa. Se iso non é posible, é aconsellable bañar a miúdo o animal, cepillalo con asiduidade fóra da casa, procurar que durma sempre no mesmo sitio, no seu cesto, e non en calquera lugar da casa, limpar axiña os seus excrementos, non utilizar alfombras, porque é difícil extraer delas pelos, caspa… Por suposto, todos estes coidados débeos facer un familiar, un amigo, pero non un alérxico.
- Os mofos de interiores medran nas áreas húmidas da casa, polo tanto hai que evitar humidades e ventilar a casa a miúdo.
- Se se localizan focos de humidade é precisa unha limpeza con deterxente e un pouco de lixivia e un bo secado poden axudar a eliminalos.
- No caso dos ácaros, animais microscópicos que se atopan por toda a casa, especialmente en zonas onde se acumulan as células mortas (caspa) dos humanos, hai que eliminar os elementos que favorezan o seu depósito: alfombras, colchóns de pluma e la (substituílos por fibra sintética e forralos con fundas antialérxenos), exceso de mobles e estantes cheos de libros, así como todo elemento que poida acumular po, xa que neste van os ácaros.
- Manter o nivel de humidade da casa por baixo do 50%.
Inmunoterapia
Farmacoterapia
Os preparados inhalados teñen a vantaxe de poder liberar altas concentracións na mucosa nasal, evitando así os efectos sistémicos. Hai unha extensa farmacopea destinada a inhibir e neutralizar a histamina e a combater a inflamación.
- Os anti-H1, inhibidores da histamina, son efectivos coa rinite alérxica estacional, e non tanto coa perenne.
- Os corticoides tópicos ou de acción local son moi eficaces para mellorar a obstrución nasal, a rinorrea, o esbirro e a comechón, e úsanse na rinite estacional severa e na perenne. Pódense utilizar tamén en nenos, agás o acetónido de triamcinolona e a beclometasona, pola posibilidade de atrasos do crecemento. Nos nenos hai que evitar o uso de desconxestivos nasais e os corticoides por vía sistémica.
- O cromogligato, estabilizador de membrana, pola súa seguridade, ten aplicación en embarazadas e nenos.
- Os desconxestionantes e vasoconstrictores usados máis de 4-5 días poden producir rinite medicamentosa e efecto de “rebote”. Os desconxestionantes orais como a efedrina, pseudoefedrina, fenilpropanolamina, se ben non teñen efecto rebote, si producen insomnio, irritabilidade, taquicardia e subas de presión arterial.
- No tratamento da rinite alérxica hai medicamentos prometedores: os inhibidores de mediadores lipídicos, os anticorpos anti-IgE, os anticorpos monoclonais, inhibidores das kinasas…