Alfombras

Os novos materiais, aos seus pés

En casos de asma ou problemas respiratorios, aconséllanse as fibras vexetais porque acumulan menos po
1 Marzo de 2007

Os novos materiais, aos seus pés

/imgs/20070301/img.vivienda.01.jpg Lonxe de ser un elemento de primeira orde no fogar, como os electrodomésticos, o sofá ou a cama, as alfombras reclaman o seu protagonismo cando a casa está practicamente amoblada, feito que subliña a superioridade da súa importancia estética sobre a súa funcionalidade. Pero non sempre é así. En familias con nenos pequenos -que sempre xogan no chan e que camiñan descalzos pola casa- e persoas maiores -máis propensas a sentir frío-, as alfombras contribúen a gardar mellor a calor da casa e a evitar esvaróns perigosos.

Aínda que as clásicas alfombras de la e as acrílicas continúan sendo as raíñas, nos últimos anos este mercado evolucionou notablemente en materiais, cores, tamaños e deseños. Pódense adquirir dende alfombras de fibras vexetais combinadas con orlas ou bordos en pel, pasando polas clásicas persas, ata as compostas de fibras sintéticas.

A elección do material é clave cando algún membro da familia padece asma ou problemas respiratorios. A acumulación de po nas alfombras contribúe ao empeoramento do estado destas persoas, aínda que a Asociación Nacional de Fabricantes de Alfombras e Moquetas (Unifam) advirte de que non supoñen ningún risco se se someten a unha axeitada limpeza e mantemento, e mais a un correcto proceso de elaboración con materias primas de calidade. Nestes casos hai que optar por colocar alfombras de fibras vexetais, máis baratas e con menor resistencias ás manchas, pero que ofrecen un mellor resultado ca a fibra natural (la).

Elementos clave que determinan a adquisición dunha alfombra

  • strong>Cor e estilo dos mobles. Dende un punto de vista estético, as alfombras deben combinar, en estilo e cor, co resto de mobles da estancia. Situación. Cando se colocan en lugares de maior tránsito, recoméndanse as cores escuras e as alfombras de rizo pechado.
  • strong>Iluminación da estancia e tonalidade. Unha alfombra castaña clara ou amarela dálle maior claridade ao cuarto e crea sensación de amplitude. Os tons escuros ocultan mellor as manchas e proporcionan un ambiente máis acolledor.
  • strong>Calidade da base. A base illa do frío, alonga a vida da alfombra e fai a pisada máis cómoda. Non obstante, non debe ser demasiado branda, xa que pode facer unha pisada insegura, e debe conter caucho se se queren evitar esvaróns.
  • strong>Densidade e textura. A altura e o rizado do pelo determinan o grao de suavidade. A densidade (cantidade de pelo) compróbase empurrando cara a abaixo coas xemas dos dedos. Unha maior densidade aumenta o peso da alfombra, faina máis resistente e afunde máis a pisada.
  • strong>Durabilidade. A vida dunha alfombra depende do seu tránsito. Por iso, colocar un felpudo á entrada do piso axuda a que as alfombras máis utilizadas (corredor e recibidor) se manchen menos e, polo tanto, duren máis.
  • strong>Tamaño. No mercado ofértase unha gran cantidade de tamaños estándar. Os máis comúns son os que se fabrican para dormitorios (0,60×1,20 centímetros, 0,70×1,40 e 0,90×1,60), recibidor (1,20×1,60), cuartos pequenos (1,40×2,00) e habitacións meirandes (1,70×2,40, 2,00×2,50, 2,00×3,00, etc.). A maquinaria para fabricar alfombras permite un ancho máximo de catro metros, aínda que, mediante procesos artesanais se poden unir pezas para incrementar o tamaño.
  • strong>Tinguidura. A maioría das tinguiduras utilizan produtos químicos. Hai que buscar na alfombra a etiqueta que certifique que o proceso de tinguidura pasou por controis e auditorías de calidade.
  • strong>Proceso produtivo. Pode ser mecánico ou manual. O primeiro emprega máquinas para entrelazar os fíos e fixar a felpa (parte visible), o que lle dá resistencia ao produto. O segundo anoa manualmente os fíos e non recorre a procesos posteriores de consistencia, polo que a alfombra é, en principio, menos resistente.

Diversidade de materiais

As alfombras poden estar realizadas a partir de fibras naturais, vexetais ou sintéticas. As diferenzas entre unhas e outras radican no prezo, na durabilidade e na resistencia ás manchas.

  • strong>La. A maioría do produto nacional fabrícase con la, que ofrece maior densidade, resistencia e protección fronte ao frío. Non obstante, é imprescindible un bo mantemento para que non perda as súas calidades e pode ser necesario algún tratamento anticouza. A la procede do año (máis suave), do camelo (illante) ou do chibo.
    Prezo: as máis pequenas andan arredor dos 80 euros, mentres que as máis grandes se venden a partir de 900 euros.
  • strong>Algodón. A súa tendencia ao desgaste é maior ca na la, pero non se encouza e é máis difícil que se prense. O algodón tínguese para ofrecer unha gama ampla de cores e deseños. Ofrece unha pisada agradable e non acumula electricidade estática.
    Prezo: dende 8 euros.
  • strong>Pel natural. Pódese empregar visón, raposo, lebre, meiriño ou vaca. O coiro fai que a alfombra sexa flexible e suave. Prezo: segundo o tamaño, a partir de 180 (pequena) e 400 euros (mediana).
  • strong>Fibras sintéticas Son alfombras acrílicas, de polipropileno, poliamida, poliéster ou nailon, entre outros. Este último material (nailon) é moi común nas alfombras porque é moi resistente e responde ben en zonas transitadas. O polipropileno aguanta mellor a humidade, o poliéster dispón de máis texturas e o acrílico é a fibra máis parecida á la.
    Prezo: a partir de 100 euros.
  • strong>Fibras vexetais. Estas alfombras empregan fibra vexetal, sisal, coco, abbaca, bambú ou algas. Son pouco resistentes ás manchas, máis baratas e menos duradeiras, agás as de algas e sisal, que se poden empregar durante máis tempo. As de coco son máis ásperas e as de fibra vexetal máis económicas.
    Prezo: a partir de 150 (fibra vexetal) e 200 euros (sisal, algas ou bambú).
Conservación e limpeza

/imgs/20070301/img.vivienda.02.jpg Ao comezo do seu uso, é habitual que unha alfombra solte peluxe, que se debe eliminar acotío, durante os primeiros 15 ou 20 días, cunha vasoira suave e no sentido do pelo. Logo pódese empregar a aspiradora e realizar unha limpeza profunda unha ou dúas veces ao ano, segundo o grao de sucidade. O que non se debe facer nunca é golpear a alfombra, xa que se pode desgastar ou romper con golpes secos e continuos. Se se quere retirar a alfombra no verán, convén gardala enrolada coa felpa cara a dentro, formando un cilindro simétrico nos extremos, e en posición horizontal, para que o peso non deteriore a base sobre a que se apoia.

No tocante ás manchas, se son líquidas hai que evitar que sequen e, de seren sólidas, hai que raspalas e cepillalas. O produto de limpeza débese probar primeiro nunha esquina para comprobar que non altera a cor. Despois, aplícase auga morna cunha esponxa e prémese sen fregar. É importante secar a fondo e cepillar suavemente a zona onde estaba a mancha. As alfombras con dorso de látex ou lámina de goma non deben tratarse con disolventes, agás cando se trate de manchas pequenas e superficiais.