Separacións sen traumas económicos
Como se compensa ao outro membro da parella?
Por medio dunha pensión, a compensatoria, para paliar o descenso do nivel de vida que poida padecer un dos cónxuxes logo dunha separación legal ou divorcio. O cónxuxe que sufra un desequilibrio económico ou un empeoramento con respecto á súa situación anterior no matrimonio ten dereito a unha pensión que se fixará na resolución xudicial, impoñéndoselle o pagamento a quen goce da posición máis saneada.
A muller sempre ten dereito a recibir a pensión compensatoria?
Non. Esta pensión busca compensar ao cónxuxe que queda desprotexido, independentemente do sexo. Calquera dos cónxuxes podería ter dereito a ela ou ningún deles. Depende unha serie de factores:
- Idade e estado de saúde.
- Cualificación profesional e posibilidades de acceso a un emprego.
- Dedicación pasada e futura á familia.
- Colaboración co seu traballo nas actividades mercantís, industriais ou profesionais do outro.
- Duración do matrimonio e da convivencia conxugal.
- Caudal, medios económicos e as necesidades de ambos os dous.
Cal é o importe da pensión?
É moi variable. Hai que ter en conta a dedicación á familia, a idade, a posibilidade de atopar un traballo, etc. Como o obxectivo non é equiparar as posicións económicas dos ex cónxuxes, é difícil calcular a cantidade exacta, aínda que pode oscilar, por regra xeral, entre un 15% e un 40% do salario. Non obstante, en ocasións pode ser o 50%.
Cando non hai acordo, o xuíz será o responsable de valorar as circunstancias e determinar o importe.
Como se cobra?
A sentenza sinalará a modalidade de pagamento, por meses e mediante ingreso en conta bancaria do beneficiario. Anualmente actualízase co IPC.
E se non paga?
Hai que interesarse polos motivos. Se non hai intención de aboar a pensión, hai que acudir de novo ao xulgado para solicitar o embargo do salario do obrigado ao pagamento.
A pensión é fixa de por vida?
Non necesariamente. O dereito á pensión compensatoria non é ilimitado, pódense fixar límites temporais. O xuíz, atendendo ás circunstancias de cada parella, pode sinalala por uns anos ou con carácter vitalicio.
Unha vez fixada a pensión compensatoria, o seu importe tamén pode ser obxecto de revisión cando se produce un cambio na fortuna do pagador ou do destinatario, podendo extinguirse antes de prazo se cesa o desequilibrio económico. Se o beneficiario da pensión se une a outra persoa, por novo matrimonio ou de feito, tamén se extingue o dereito á pensión.
Se falece o pagador?
O dereito á pensión non se extingue pola morte do debedor. Non obstante, os herdeiros poderán solicitar do Xuíz a redución ou supresión da pensión se coa herdanza non se puidese satisfacer a pensión.
Parellas de feito
Aínda que a realidade social é que as convivencias de feito estables son cada vez máis numerosas e teñen o recoñecemento de ser unha modalidade de familia no réxime xurídico do matrimonio e do divorcio, a pensión compensatoria non se traslada automaticamente a estas, o que non impide que as parellas o acorden por escrito no momento de iniciaren a convivencia. Cando esta cuestión se presenta nos tribunais, as solucións son moi dispares, e mesmo en ocasións se recoñece o dereito a ser reparado economicamente porque un membro de parella se enriqueceu inxustamente a custa doutro. En calquera caso, primeiro cómpre acreditar xudicialmente a existencia e duración da convivencia estable, cuestión que se simplifica cando a parella está inscrita nun Rexistro de Parellas de feito ou os dous membros están empadroados no mesmo domicilio.
/imgs/20070301/img.derechos.02.jpg Antes de iniciar unha convivencia de feito, é moi importante determinar as relacións económicas que se manterán durante a parella e mais o proceso de liquidación ante unha posible separación.- O pacto pódese facer en escritura pública ante notario ou mediante un escrito privado e inscribirse, se hai, no Rexistro de Unións Estables.
- Estes pactos poden incluír compensacións económicas se o cesamento da relación producise un desequilibrio económico para un dos seus membros.
- As parellas de feito están reguladas en Cataluña, Aragón, Navarra, a Comunidade Valenciana, Baleares, a Comunidade de Madrid, Asturias, Andalucía, Canarias, Estremadura, Cantabria e País Vasco.
- A lei balear recoñece o dereito a unha pensión periódica en caso que o cesamento da convivencia produza un desequilibrio, ao igual que a lei de Navarra. En Aragón, Cataluña, Cantabria e Estremadura recoñécese o dereito a unha compensación económica cando se produza un enriquecemento inxusto. En Asturias, País Vasco, Canarias, Andalucía, Madrid e Valencia pódense incluír as compensacións no pacto inscribible.