O dilema da enerxía nuclear
Altas custas de construción
Así e todo, os expertos afirman que cun deseño unificado para todas as plantas, tal como se fixo en Francia, cunhas 59 centrais, as custas baixan. É precisamente neste país veciño onde a enerxía nuclear é máis rendible: no 2003, o custo de cada quilovatio era de 3,5 céntimos de euro aproximadamente. En España, pola contra, as plantas son de diferentes deseños: seis continúan en funcionamento e dúas están pechadas.
Mantemento e combustible
Superada a construción, o mantemento dunha planta nuclear é barato se se compara coas centrais de gas, petróleo ou carbón. Ademais, o uranio está distribuído de xeito homoxéneo por todo o mundo e augúrase que o seu prezo se manterá estable. Non obstante, os detractores manteñen que se se trata de conseguir combustible barato, a enerxía solar é gratis. O problema das placas solares é o seu custo, en parte porque se necesita fabricalas cun silicio de alta pureza difícil de obter. Claro que a enerxía nuclear tamén require enormes investimentos. Poderíase dicir, entón, que neste punto empatan.
Outro aspecto que se manexa no debate é o chan requirido. Segundo datos do Foro Nuclear da Industria Española, para producir 1.000 megavatios de potencia, unha central nuclear necesita entre un e catro quilómetros cadrados, fronte aos 20-50 quilómetros cadrados que necesita a enerxía solar e os 50-150 quilómetros cadrados que precisa a enerxía eólica.
Accidentes improbables, custos sen cubrir
O grande obstáculo que debe superar a enerxía nuclear, din os expertos, é a percepción social de que é unha tecnoloxía insegura. Non obstante, afirman, cunhas instalacións axeitadas, a probabilidade de accidente é moi remota. O accidente da planta nuclear en 1979 en Three Mile Island (EE.UU), argumentan, non tivo consecuencias porque os mecanismos de seguridade funcionaron. En Chernobil, pola contra, a planta non cumpría os estándares requiridos.
Aínda así, se se dese ese risco improbable, quen respondería fronte a el? Mentres todos os negocios teñen un seguro para cubrir danos a terceiros, non hai ningunha aseguradora que se queira facer cargo dun accidente de nuclear. Para salvar este escollo, nos Estados Unidos as empresas puxeron un fondo de 10.000 millóns de dólares, segundo informa un artigo da revista Nature. Esta cantidade, fronte a un caso como Chernobil, sería insuficiente para cubrir os gastos, así que o custo extra acabaríao asumindo o Goberno. “É, en esencia, un seguro-subvención”, di un informe da Universidade de Harvard.
Residuos e proliferación nuclear
O auténtico talón de Aquiles da enerxía nuclear está no residuo radiactivo, altamente contaminante e que podería ser usado en armas, o que comporta importantes retos de seguridade. É a razón pola que o enriquecemento de uranio está controlado internacionalmente polo Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA).
Na actualidade, os residuos atópanse en instalacións temporais, nas chamadas piscinas de arrefriamento. Para o futuro, a opción máis viable é o almacenamento xeolóxico profundo, que implica construír laboratorios-almacén a profundidades de ata 800 metros para confinar de xeito seguro un material cunha radiactividade que se estenderá durante centos de miles de anos. A construción dun laboratorio así é altamente custosa.
Os máis optimistas din que se cadra nuns anos se pode atopar o xeito de evitar os residuos. Pero a cautela advirte que é mellor non deixarlles ás xeracións futuras un problema que non se sabe manexar na actualidade.
Para algúns expertos, o debate da enerxía nuclear é unha falsa disxuntiva. Optar ou non por ela non solucionará o problema real, que é a continua demanda de enerxía dunha sociedade que debería optar por estimular o aforro enerxético.
Neste aspecto, os consumidores poden axudar, renunciando, por exemplo, a coches desmesuradamente potentes ou intentando non ter funcionando todos os aparatos eléctricos á vez. As políticas de aforro enerxético, como as subvencións para a compra de electrodomésticos de baixo consumo ou as campañas do goberno xaponés, que anima aos executivos a quitar traxe e gravata para reducir o gasto en aire acondicionado, van tamén nesa liña.
As cifras, con todo, non son optimistas e será necesario un grande esforzo por parte da sociedade. En España, segundo o Foro Nuclear, o consumo enerxético foi en 1990 de 88 millóns de toneladas equivalentes de petróleo (Mtep) e oito anos despois medrou ata as 114 Mtep. En cambio, a produción interna de enerxía foi en 1998 de 32 Mtep, o que fai a España moi dependente da importación de enerxía. O aumento de aparellos de consumo e do número de fogares prognostica que, de non poñer medidas, o gasto enerxético seguirá medrando.