Astenia / O abuso de SMS aumenta as lesións musculares / Goma de mascar para adelgazar / Exercicio contra o cancro de mama / Os videoxogos, útiles para a cirurxía laparoscópica / Ramón Planas Vilà

1 Xuño de 2007

Astenia / O abuso de SMS aumenta as lesións musculares / Goma de mascar para adelgazar / Exercicio contra o cancro de mama / Os videoxogos, útiles para a cirurxía laparoscópica / Ramón Planas Vilà

En catro palabras

Astenia:

/imgs/20070601/img.salud-2.01.jpgÉ unha sensación de debilidade física e intelectual que se manifesta cunha mingua da capacidade para realizar as tarefas máis sinxelas sen que medie esforzo ningún. Máis frecuente entre as mulleres, pódese deber a situacións de estrés ou depresión, aínda que tamén pode estar causada por alteracións cardíacas, pulmonares ou infeccións. A astenia primaveral, que se acompaña de síntomas de fatiga, é a que afecta un maior número de persoas. As causas máis frecuentes deste tipo de debilidade adoitan asociarse ao cambio climatolóxico ou a procesos alérxicos. En calquera caso, remite aos poucos días sen necesidade de tratamento.

O que avisa non é traidor

O abuso de SMS aumenta as lesións musculares

/imgs/20070601/img.salud-2.02.jpgDores nos polgares, cóbados inflamados e contracturas nos ombros son lesións cada vez máis comúns. Entre outras moitas causas, destaca o uso intensivo de teléfonos móbiles ou reprodutores de mp3, amais doutros dispositivos electrónicos. Ata hai poucos anos as lesións por esforzo repetitivo só afectaban aos traballadores que pasaban horas repetindo o mesmo movemento unha e outra vez, pero cada vez son máis frecuentes porque son máis as persoas que usan estes dispositivos e durante máis tempo. Conforme mingua o tamaño dos móbiles, as súas teclas tamén se reducen e precísanse movementos máis delicados dos dedos, que poderían afectar ás articulacións. Os hospitais detectaron un incremento destas patoloxías, coñecidas tamén pola sigla inglesa RSI, dos polgares polo uso de dispositivos Ipod e móbiles (neste caso, especialmente polo envío de mensaxes), lesións moi prexudiciais e difíciles de tratar.

Noticias

Goma de mascar para adelgazar

/imgs/20070601/img.salud-2.03.jpgA obesidade é unha enfermidade que cada vez afecta a máis persoas e que está asociada a outras patoloxías como diabete ou enfermidades coronarias. A solución a este crecente problema poderíase atopar nunha goma de mascar, de acordo cun estudo de científicos do Imperial Colaxe de Londres. A goma de mascar está elaborada a partir do polipéptido pancreático, unha hormona intestinal que reproduce a sensación de saciedade e que ten o potencial de ser un fármaco seguro e efectivo. As probas realizadas suxiren que doses moderadas poden reducir a cantidade de comida inxerida entre un 15% e un 20%.

Exercicio contra o cancro de mama

A práctica regular de actividade física podería exercer un efecto protector ante o cancro de mama. Así o afirma un grupo de investigadores norteamericanos nun estudo publicado na revista Cáncer Epidemiology Biomarkers & Prevention. Na investigación avaliouse a 15.710 mulleres, das que 8.080 tiñan diagnosticado un tumor mamario. O estudo evidenciou que as mulleres que non fan exercicio con asiduidade parecen ter maior risco de padecer cancro en comparación coas que practican deporte acotío, un risco que diminúe ata nun 23% se se practica unha actividade física durante seis ou máis horas semanais.

Os videoxogos, útiles para a cirurxía laparoscópica

Os videoxogos electrónicos poden ser útiles para adestrar os cirurxiáns que operan por videolaparoscopia, segundo apunta un estudo elaborado por investigadores da Universidade de Iowa, en Estados Unidos, e publicado en Archieves of Surgery. Os científicos avaliaron a habilidade e destreza de 33 cirurxiáns en probas que non involucraban pacientes. O 58% dos médicos, que xogaban polo menos tres horas semanais con videoxogos, demostraron ter maior velocidade e precisión comparados con aqueles que non tiñan o hábito de xogar. Logo de realizar unha proba en que debían xogar con tres tipos de videoxogos diferentes, os cirurxiáns foron novamente avaliados e observouse unha mellora significativa nas súas habilidades.

Ramón Planas Vilà, Vicepresidente da Asociación Española para o Estudo do Fígado (AEEH)

“O fígado san ten unha gran capacidade de rexeneración”

/imgs/20070601/img.salud-2.entrevista.jpg Que converte en vital a un órgano como o fígado?
O fígado é o órgano máis complexo do noso organismo polo número de procesos que controla, polo que se considera que é a principal fábrica do corpo humano. Ao seu cargo corre a función de metabolismo [síntese e transformación] de boa parte das proteínas, hidratos de carbono e lípidos corporais; pero tamén é responsable da produción de factores de coagulación e da asimilación dos fármacos.

Nos transplantes abonda cun pouco de tecido de fígado para rexenerar o órgano enteiro.
O fígado san ten unha gran capacidade de rexeneración, o que posibilita a realización de transplantes a partir de doadores vivos, obtendo deles tan só unha porción do seu fígado. Tanto no doador coma no receptor o fígado alcanza o seu tamaño normal co tempo.

Sempre é así?
A capacidade de rexeneración diminúe ou mesmo se anula cando o fígado presenta unha cirrose avanzada.

Se o fígado é sensible ao que inxerimos, debemos evitar comer ou beber todo aquilo que poida prexudicalo?
Non hai probas convincentes de que algún alimento concreto poida estar implicado no empeoramento ou na mellora da función hepática. A restrición de graxas ou as dietas cun elevado contido en proteínas non demostraron ningunha eficacia, polo que sería erróneo prescribilas en pro da saúde hepática. Non é razoable tampouco restrinxir a inxestión de sal, salvo en períodos avanzados dunha cirrose.

E o alcohol?
Tanto o alcohol como o tabaco poden acelerar o curso das enfermidades hepáticas, polo que se desaconsellan. En cambio, o café demostrou en estudos recentes certa capacidade para reducir a cirrose e mesmo parece ter un efecto protector fronte ao desenvolvemento do cancro de fígado.