A flexibilidade, garantía de xuventude
No proceso de avellentamento, as nosas articulacións vólvense ríxidas, o paso acúrtase e cústanos virar o pescozo, agacharnos para recoller algo do chan, atar os cordóns dos zapatos ou salvar un obstáculo. Erguémonos pola mañá algo ríxidos, anquilosados. No lugar de traballo pasamos moitas horas de pé ou sentados, realizando movementos repetitivos, con posturas máis ou menos forzadas do pescozo, das costas ou das extremidades, realizando esforzos ou manipulando cargas. Aínda que para moitas persoas non representa unha prioridade, articulacións, ligamentos, tendóns e músculos son estruturas que hai que coidar mesmo máis que a nosa figura e o noso aspecto externo.
Estiramentos, unha receita para todos os públicos
Os exercicios de estiramento son óptimos para aquelas persoas que manteñen a mesma postura durante moito tempo, como acontece en determinados traballos nos que hai que permanecer quieto, xa sexa sentado ou de pé, durante case toda a xornada. Pero tamén son imprescindibles para os que fan deporte, que en numerosas ocasións descoidan os exercicios de quecemento e estiramentos previos á actividade deportiva específica. É moi importante preparar o corpo antes de correr, nadar, ir en bici ou calquera outra actividade deportiva. Hai que estirar os músculos e flexibilizar as articulacións, xa que así se acada un mellor rendemento e se preveñen lesións. Pero tamén é moi importante realizar estes exercicios para relaxar os músculos despois dun traballo intenso.
Sen equipos nin aparellos
O problema é que na actualidade camiñamos pouco, utilizamos moito o coche, fuximos das escaleiras e son demasiadas as horas que permanecemos sentados ante o televisor… De feito, os pequenos esforzos da vida cotiá quedaron desterrados polo uso de máquinas que o fan case todo.
Pautas para un exercicio correcto
O xeito correcto de realizar un estiramento é facelo de xeito relaxado e sostido, de maneira que sinta unha tensión moderada durante un tempo limitado, que pode ser de 10 a 30 segundos, segundo as zonas do corpo que se adestren. Cada exercicio ten unha duración determinada. Durante o estiramento, a respiración ten que ser lenta, relaxada, rítmica e controlada. É importante medir a duración do estiramento por número de respiracións mellor que contando segundos. Os exercicios de estiramentos deben adaptarse á estrutura muscular, flexibilidade e grao de tensión de cada persoa, individualizando en función das circunstancias persoais.
A clave do éxito está na regularidade e na moderación. Non se trata de bater marcas nin dun desafío persoal para ver ata onde se chega. Hai que facelo sen ánimo competitivo e sen présas. Cando o estiramento é correcto, a sensación é moi agradable. Os movementos bruscos e violentos, de vaivén ou muelle, así como estirar ata chegar a sentir dor forzando as posicións, é o xeito incorrecto de realizar estes exercicios, e poden ocasionar lesións. Hai programas de exercicios de estiramento para cada parte do corpo, grupo muscular, actividade laboral ou deportiva e para os distintos grupos de idade. Para iniciarse, o máis axeitado é empezar pola mañá con algúns estiramentos relaxados. Unha ducha quente previa facilita a execución destes estiramentos que levan uns 5 ou 6 minutos. Pola tarde, ou cando se dispoña de tempo, pódense realizar series de estiramentos que dan un repaso a todos os grupos musculares e que levan de 10 a 15 minutos.
Dunha dedicación cotiá de 15 a 20 minutos obtense un beneficio importante para a saúde e para a calidade de vida. E non hai escusas: só supón un 2% do noso tempo de vixilia. Tampouco a idade é xustificación. Nunca se é demasiado maior para facer estiramentos. Pola contra, a recomendación é máis válida nas persoas maiores nas que a idade e a inactividade se conxugan para converter ao organismo en débil e ríxido. A capacidade de recuperación do organismo humano é sorprendente. Estirar ensínanos a coñecer o noso corpo e as súas necesidades, a mellorar a nosa condición física, a superar algunhas limitacións que a idade leva consigo e, sobre todo, a construír unha fonte de saúde para toda a vida.
/imgs/20070601/img.salud.04.jpg Reducen a tensión muscular e proporcionan unha agradable sensación de relaxación.- Aumentan a elasticidade e flexibilidade de ligamentos e cápsulas articulares, mellorando a actividade das articulacións e aumentando a extensión dos seus movementos.
- Axudan á coordinación permitindo movementos máis libres e doados, con máis control e equilibrio.
- Preparan para a actividade muscular: un músculo estirado previamente traballa mellor e rende máis, resiste mellor as tensións.
- Preveñen lesións musculares e dos tendóns.
- Desenvolven o coñecemento do noso propio corpo: mentres se estiran as diferentes partes do corpo imos tomando conciencia del.
- Os estiramentos melloran a circulación sanguínea e a osixenación dos músculos.
- Melloran o equilibrio psicofísico. Non hai que esquecer que as tensións musculares se traducen en mentais e viceversa.