Divorcios con menos trabas
Directos ao divorcio
Se antes desta lei había que probar a separación de feito ou se acababa discutindo sobre as dificultades da convivencia e sobre a violación grave e reiterada dos deberes conxugais, agora nada hai que alegar nin probar. Abonda con pedir o divorcio pasados tres meses dende o matrimonio. Non obstante, cando se acredite a existencia dun risco para a vida, a integridade física, a liberdade, a integridade moral ou liberdade e indemnidade sexual do cónxuxe demandante ou dos fillos dos dous, suprímese este requisito temporal.
De mutuo acordo, máis económico
No divorcio de mutuo acordo, o que máis aumentou, os cónxuxes poden actuar conxuntamente ou por separado co consentimento do outro. Admitida a demanda, o xulgado ditará sentenza disolvendo o vínculo e aprobando as medidas, despois de ratificar o contido do convenio e de constatar que non é prexudicial para os menores.
O divorcio contencioso, pola contra, é máis longo e caro. Aínda que o cónxuxe demandado non se poida opor ao divorcio, si pode discutir as disposicións en relación aos fillos e pensións. Será o xuíz quen decida e impoña as medidas que considere máis convenientes, en atención ás circunstancias da familia, primando o interese e beneficio dos fillos.
Os aspectos máis polémicos da nova lei
A custodia compartida dos fillos e as pensións compensatorias temporais son as cuestións que maiores desencontros xeran entre a parella.
A custodia compartida
En esencia, a custodia compartida permite que os fillos manteñan unha estreita e equiparable relación cos dous ex cónxuxes, o que representa na práctica a existencia de dous fogares. As sentenzas que conceden a custodia compartida son minoritarias, debido, esencialmente, á inestabilidade que poida causar no menor o cambio constante de residencia. Non obstante, coa reforma legal a garda e custodia compartida só se prohibirán en casos de violencia domestica e concederase se os cónxuxes a solicitan de común acordo e non se separan os irmáns. Excepcionalmente, o Xuíz, por solicitude dun só proxenitor, con informe favorable do Ministerio Fiscal, poderá acordala cando considere que só deste xeito se protexe axeitadamente o interese superior do menor.
Pero a garda e custodia compartida non implica dividir o tempo do menor o 50% para equilibrar aos dous cónxuxes. Do que se trata é do dereito do fillo a estar co seu pai e coa súa nai. O importante non é quen vai ter máis tempo ao fillo, senón o desenvolvemento integral do menor como persoa.
Pagarlle unha pensión ao outro cónxuxe
O cónxuxe ao que a separación ou o divorcio lle produza un desequilibrio económico en relación coa posición do outro e un empeoramento na súa situación respecto ao matrimonio ten dereito a unha compensación económica (concepto diferente á pensión de alimentos para os fillos da parella). A lei introduciu dúas reformas. Unha, a posibilidade de que a pensión que se fixe sexa por tempo indefinido ou temporal (antes só podía ser indefinida), e outra, que a compensación consista non nunha pensión senón nunha prestación única.
Aínda que dende hai anos se fixan pensións temporais cando a convivencia foi curta e o cónxuxe beneficiario é novo ou ten unha axeitada preparación profesional, foi no 2005 cando o Tribunal Supremo admitiu a posibilidade de acordar como medida nos procesos matrimoniais de separación e divorcio unha pensión compensatoria de duración limitada ou temporal.
/imgs/20070601/img.derechos.03.jpg O mellor consello é conseguir a ruptura matrimonial de mutuo acordo. Redúcelle o dano emocional a toda a familia, e é máis rápido e económico.- Non abonda co divorcio, hai que repartir os bens e débedas comúns. Pídalles ao avogado e ao procurador un orzamento analizado do divorcio e da liquidación da sociedade de gananciais.
- A garda e custodia compartida concédese a petición conxunta dos cónxuxes. Para que os fillos residan sempre no mesmo domicilio, algúns proxenitores pensan en acordar quendas para convivir con eles na vivenda familiar. Esta teórica boa idea non o é tanto na práctica: pode ser fonte de constantes conflitos para o abandono da vivenda por un proxenitor e a entrada do outro, que á súa vez podería vir acompañado dunha terceira persoa se iniciou outra relación sentimental. Esta medida debe ser meditada en beneficio nos fillos e non para igualar aos pais.
- O divorcio non reduce as obrigas no tocante aos fillos. Quen non ostente a garda e custodia debe aboar unha pensión de alimentos e cumprir un réxime de visitas.
- O uso da vivenda habitual concédeselles habitualmente aos fillos e ao proxenitor ao cargo do cal queden. En casos excepcionais concédeselle o uso da vivenda ao proxenitor non custodio. As segundas vivendas con fins vacacionais non se consideran, polo xeral, vivendas familiares.
- Se o divorcio produce desequilibrio económico, o prexudicado ten dereito a unha pensión ou a unha compensación única, en metálico ou en bens. Cando se acorde ou dite unha pensión, non sempre debe ser indefinida, senón que se pode limitar a uns anos dependendo da idade, formación e duración do matrimonio.