Isoflavonas / Menú para tratar a anemia /Oito claves para refrescarse sen calorías ou case / As nuutricionistas de CONSUMER EROSKI responden

1 Xuño de 2007

Isoflavonas / Menú para tratar a anemia /Oito claves para refrescarse sen calorías ou case / As nuutricionistas de CONSUMER EROSKI responden

ABC da nutrición

Isoflavonas
/imgs/20070601/img.alimentacion-2.01.jpg As isoflavonas son un tipo de fitoestróxenos abundantes en leguminosas, particularmente na soia, e tamén nos cereais. Estes compostos químicos exercen sobre o organismo unha acción semellante aos estróxenos humanos, hormonas sexuais femininas. Numerosos estudos relacionan o consumo habitual de alimentos ricos en isoflavonas coa redución dos malestares asociados á menopausa (sufocos, irritabilidade, sequidade vaxinal) e cunha mellora da estrutura ósea. Por iso, é menor o risco de fracturas e de osteoporose, situacións favorecidas pola diminución de estróxenos no organismo feminino tras a menopausa.

Menú tipo para tratar a anemia

Almorzo

Un zume de arandos e laranxa mesturada con pole. Iogur con muesli.

Xantar

Ensalada de espinacas, cenoria, tomates, millo, xerminados, noces e xerme de trigo. Filete de cabalo á prancha con pisto -cabaciña, cebola, pemento e tomate-. Pan e amorodos con zume de laranxa.

Merenda

Unha manchea de pistachos. Xamón con melón.

Cea

Sopa de verduras en tiras. Mexillóns ao vapor con salsa picante. Pan e iogur con pole.

O truco:

Pole e xerme de trigo son dous complementos dietéticos útiles en caso de anemia. Os froitos secos, os legumes e as verduras de folla son ricos en ferro, que se absorbe mellor acompañado de vitamina C -amorodos, kiwi, cítricos, tomate, e pemento-.

Oito claves para refrescarse sen calorías ou case…

  • /imgs/20070601/img.alimentacion-2.02.jpgA posibilidade de refrescarse con poucas calorías proporciónana os alimentos que máis auga teñen, como as froitas, verduras, hortalizas, a auga ou as bebidas e caldos ricos nela (sopas, infusións e zumes).
  • A clave para reducir as calorías de sobremesas, bebidas ou xeados caseiros, está no consumo de alimentos hipocalóricos como froitas, leite e iogures desnatados, e en substituír o azucre ou o mel por sacarina ou outros edulcorantes sen calorías.
  • Os refrescos xeados elaborados con zumes de froitas son unha opción perfecta. Os de limón e lima concentran ácido cítrico, substancia que, amais de refrescar, resulta depurativa e diurética, moi recomendable se se reteñen líquidos ou se senten as pernas inchadas pola calor.
  • Os polos de xeo son un modo de presentación atraente para tomar zumes de froitas, e unha alternativa nutritiva e saudable aos xeados, a maioría dos cales engaden demasiado azucre e numerosos aditivos.
  • Os xeados caseiros elaborados con leite desnatado, un puñado de froitos secos ou as froitas frescas tamén son unha opción sa e doada.
  • A orchata, amais de ser unha bebida refrescante e pouco calorífica -hainas sen azucre-, resulta dixestiva, xa que contén encimas que facilitan a dixestión.
  • Apréciase unha notable diferenza, unhas 130 calorías, entre unha lata de refresco normal e a súa versión light. Esta última non leva os 30 gramos de azucre (tres sobres de azucre) que si leva o refresco normal, e por iso non contén calorías. A versión de refresco light caseiro conséguese mesturando auga con gas ou gasosa sen azucre e zume.
  • O café ou o té con xeo tamén son bebidas que quitan a sede. Os moldes dos xeos pódense encher destas bebidas, e logo engadir os xeos ao café ou ao té para potenciar o sabor da bebida.

As nuutricionistas de CONSUMER EROSKI responden

/imgs/20070601/img.alimentacion-2.03.jpg

En caso de gastrite, pódese tomar café descafeinado no canto de café?

/imgs/20070601/img.alimentacion-2.04.jpgO café aumenta a produción de ácido clorhídrico no estómago, polo que se desaconsella en caso de gastrite. Este efecto non se debe só á cafeína, senón tamén a outras substancias que forman a esencia do café, incluído o descafeinado. O máis aconsellable é substituír o café, o descafeinado e o té por preparados que leven chicoria ou malte, ou ben por infusións dixestivas que axuden a recuperar a mucosa danada como a macela, a menta ou a melisa.

Que tipo de aceite é o máis indicado para fritir?

/imgs/20070601/img.alimentacion-2.05.jpgO aceite de oliva é máis estable ás altas temperaturas propias da fritura (entre 160º e 180º C) e o que máis tempo tarda en descompoñerse. Isto explica que se poida utilizar varias veces sen que se aprecien cambios no seu sabor e nos seus compoñentes nutritivos. A súa riqueza en ácido oleico, ácido graxo monoinsaturado, é o principal responsable de que sexa máis estable ás altas temperaturas en comparación co resto de aceites, como os de xirasol, millo, soia, todos eles ricos en graxas poliinsaturadas. Nestes últimos as altas temperaturas favorecen a oxidación das graxas, polo que se alteran máis decontado.

Que se pode facer para que os legumes non resulten tan flatulentos?

Os legumes conteñen distintos compostos -fibra, oligosacáridos- tanto na pel coma no seu interior que son fermentados polas bacterias intestinais causando os molestos gases. Os legumes resultan máis doados de dixerir e menos flatulentos se se seguen algúns consellos culinarios como:

  • 1Remollo abondo de polo menos oito horas.
  • Romper o fervor engadindo auga fría ou retirando uns minutos a cazola do lume.
  • Engadir pataca, arroz e verduras non flatulentas como a cenoria, a cabaciña, a cabaza, etc., en lugar de alimentos máis graxos e indixestos como chourizo, touciño ou similares.
  • Engadir herbas carminativas -que combaten os gases- como o comiño ou o fiúncho.

Resulta máis boa de dixerir se ademais se mastiga ben cada cullerada de legume e se acompaña a comida cunha infusión dixestiva.