Saltar o menú de navegación e ir ao contido

EROSKI CONSUMER, o diario do consumidor

Buscador

logotipo de fundación

Canles de EROSKI CONSUMER


Estás na seguinte localización: Portada > Edición impresa >

Os datos, informacións, interpretacións e cualificacións que aparecen nesta información corresponden exclusivamente ao momento en que se realizaron e teñen, polo tanto, unha vixencia limitada.

Analizados 12 aeroportos: accesos, servicios, seguridade, comodidade e lecer, organización, limpeza e conservación : A maioría dos aeroportos españois máis importantes deben mellorar en comunicacións e comodidade

Resultan seguros, consérvanse limpos e en bo estado e ofrecen tódolos servicios dos que un aeroporto debe dispor, pero hai cuestións que cómpre corrixir

Accesibilidade e organización

Tódolos aeroportos están adaptados para persoas con mobilidade reducida, pero non así para usuarios con problemas graves de visión ou invidentes. A única medida adoptada pola metade dos aeroportos é a existencia de ascensores con números que poidan lerse en braille (son Alacante, Valencia, Gran Canaria, Bilbao, Santiago e Sevilla). No aeroporto de Prat en Barcelona, tan só os ascensores do “aparcadoiro novo” están adaptados para invidentes.

Respecto á sinalética, en ningún se atoparon carteis informativos no que se indique o horario das instalacións. Os aeroportos españois teñen dous tipos de horarios e distínguense por seren H12 ou H24, isto implica que os servicios (non nos referimos ó comercio ou hostalería) dos aeroportos están dispoñibles durante 12 ou 24 horas diarias. No tocante á existencia de frechas ou indicacións para facilita-lo tránsito e localiza-las diferentes zonas e servicios dos aeroportos, en todos eles as zonas e servicios están ben sinalizadas. Isto permite que poidan presumir dunha facilidade de orientación moi boa os de Alacante, Valencia, Málaga, Pamplona, Madrid, Gran Canaria e Santiago, mentres que no 40% restante é boa. No tocante á suficiente e estratexicamente repartida existencia de pantallas informativas sobre chegadas e saídas, en dous de cada tres aeroportos están optimamente situadas e nun número adecuado. Así acontece nos de Valencia, Málaga, Pamplona, Madrid, Barcelona, Palma de Mallorca, San Sebastián e Sevilla. O resto non consegue supera-lo “regular”, porque o número de pantallas é insuficiente ou porque se botan en falta en certos lugares do aeroporto.

Nos aeroportos de Málaga, Madrid e Loiu (Bilbao) o sistema de megafonía non se escoita con claridade suficiente en tódolos lugares. No que se refire ós idiomas en que se presenta a información (tanto nos carteis, como escrita ou mediante megafonía), en tódolos aeroportos se comprobou un esforzo salientable. En todos eles a maior parte da información se ofrece en dous, tres ou catro idiomas. Aínda que os predominantes son o inglés e o castelán, moitos teñen a información dispoñible na lingua local, alemán ou francés.

Comodidade e lecer

As longas esperas no aeroporto son relativamente habituais tanto para os pasaxeiros dun voo que sofre retardo coma para os usuarios que acudiron ó aeroporto a recoller un viaxeiro. E amais de tediosas, pódense converter, por incómodas, en esgotadoras. No tocante á comodidade, tórnase fundamental que os aeroportos dispoñan de zonas de descanso con cadeiras, bancos e similares, onde poder sentar e que non pertenzan a comercios ou establecementos hostaleiros. O viaxeiro e quen vai recibilo non teñen por qué incorrer en gastos extra para agardar cunha mínima comodidade: o prezo do billete aéreo debería incluír esta prestación. Nos aeroportos de Valencia, Málaga, Pamplona, Madrid, Gran Canaria, Palma de Mallorca, Santiago e San Sebastián hai suficientes zonas de descanso e están adecuadamente repartidas e, ademais, resultan cómodas para o usuario. No resto, non sendo en Alacante, onde só son confortables os dunha das zonas, o seu número é escaso, e a súa deficiente comodidade ou o seu insuficiente número fan que non superen o “regular” no relativo ás zonas de descanso. No tocante ó despregue realizado polo aeroporto para ameniza-la estancia dos seus usuarios e visitantes mentres agardan o seu voo ou acompañan o viaxeiro que marcha ou agardan ó que chega, a situación é moi mellorable. Só aproban os aeroportos de Málaga (no que amais dunha exposición de pintura, había unha área de xogo para os máis pequenos), San Sebastián (exposición de cadros e cerámicas e outra de automóbiles) e Barajas (zona de lecer infantil). O de Sevilla, pola súa exposición “Andalucía e a aviación” consegue un “regular” neste subapartado. Os oito aeroportos restantes suspenden no tocante a opcións para ameniza-la espera.

Servicios do aeroporto

Todos contan con persoal de atención ó público en número suficiente e adecuadamente repartido por todo o aeroporto ou, cando son pequenos, só en Información. Pero en atención ó público, o persoal do aeroporto de Alacante e de Sevilla non destacaron precisamente pola súa amabilidade nin pola calidade da información proporcionada. Tan só nos de Palma de Mallorca e Santiago o persoal de AENA acompañou os nosos técnicos ó lugar polo que preguntaran, e iso a pesar de que este é un dos compromisos que AENA voluntariamente adquiriu cos seus usuarios.

O de Valencia destacou na caixa de suxestións, por ofrecer este servicio ben á vista e por facilita-las follas de reclamacións sen obxección ningunha. De tódolos xeitos, os demais aeroportos, aínda que non contasen con esta caixa visible tamén facilitaron follas de reclamacións. A atención e o servicio dispensados na consulta realizada polos técnicos de CONSUMER estimáronse insatisfactorios no persoal do aeroporto de Alacante e no de Sevilla, mentres que os empregados dos de Valencia, Pamplona, Madrid, Canarias e Bilbao se distinguiron pola súa atención e amabilidade no trato. En canto á Carta de Dereitos dos Pasaxeiros da UE que tódolos aeroportos deberían ter en lugar visible, non a tiñan no aeroporto de Santiago, onde o persoal incluso aduciu non ter coñecemento deste documento. Por outra banda, só os de Madrid e San Sebastián dispoñen de consigna no aeroporto; o resto non lle ofrecen ó usuario este servicio para gardar temporalmente as súas equipaxes ou pertenzas. Outro aspecto crítico nun aeroporto é a existencia de carriños portaequipaxes en número suficiente e situados alí onde poidan ser necesarios. Na metade dos aeroportos (en concreto, os de Alacante, Pamplona, Barcelona, Bilbao, Sevilla e San Sebastián) os carriños eran escasos ou botábanse en falta nalgunha zona na que poderían ser necesarios. Por outra banda, o de San Sebastián é o único que non conta con cambiadores para bebés. Pero unicamente nos de Málaga, Madrid, Barcelona, Palma de Mallorca, Bilbao e Sevilla se permite que o pai cambie ó bebé: ou hai cambiadores para bebés tanto nos aseos de señoras coma nos de cabaleiros, ou ben dispoñen dun aseo específico para este cometido. No resto, ten que ser forzosamente unha muller quen cambie ó neno.

Nos prezos de hostalería rexistráronse ostensibles diferencias. Destacan pola súa carestía as cafeterías dos aeroportos de Pamplona, Madrid, Gran Canaria e Palma de Mallorca, mentres que entre os máis baratos están os de Alacante, Málaga, Barcelona, Bilbao e Santiago. O refresco máis caro atopouse en Gran Canaria (2,10 euros) e o máis barato en Bilbao (1,25 euros). Os extremos no prezo do café detectáronse en Palma de Mallorca (1,32 euros) e en Santiago (0,85 euros). E en canto ás máquinas expendedoras, o máis caro é o de Pamplona (unha lata de refresco custa 1,95 euros) mentres que o de Bilbao é o máis económico, a 1,05 euros a lata de cola. Non se atoparon máquinas expendedoras de bebidas nos aeroportos de Alacante e Palma de Mallorca. No resto de servicios destaca o de Madrid, xa que amais dos mínimos (información, atención ó viaxeiro, cambio de moeda, caixeiro automático, restaurante e cafetería, aseos e aseos específicos para minusválidos, e alugueiro de vehículos) dispón de gardería, consigna de equipaxes, oficinas bancarias, servicios relixiosos… E entre os que menos servicios ofrecen están os de Alacante, Valencia e Pamplona.

Deixa-lo vehículo durante unha hora no aparcadoiro do aeroporto supón de media algo máis de 1 euro. Os máis caros para unha hora de aparcamento foron os de Madrid e Barcelona (1,30 euros/hora), Santiago (1,20 euros) e Málaga (1,14 euros). Os máis económicos son o de Valencia (0,80 euros), Palma de Mallorca e Bilbao (0,82 euros). O resto sitúanse máis ou menos na media. Pero a situación varía moito cando pensamos en deixa-lo vehículo un día completo. Aquí o aeroporto de Bilbao (un dos máis baratos para unha hora) ocupa o segundo lugar entre os máis caros, cun custo diario de 9,75 euros. Por diante, atopamos tan só o de Madrid, con 11,35 euros, tres euros máis cá media dos dez aeroportos (xa que tanto en Pamplona coma en San Sebastián o aparcadoiro é gratuíto), que se sitúa en 8,17 euros por día completo. Tras Madrid e Bilbao atopámo-lo aeroporto de Barcelona, con 9,10 euros. E os máis baratos para deixa-lo coche un día completo son os de Valencia, Palma de Mallorca e Sevilla (6,50 euros/día en todos eles).

Paxinación dentro deste contido

Pódeche interesar:

Infografía | Fotografías | Investigacións