As impurezas do aire que respiramos

A OMS estima que cada ano ata dous millóns de persoas falecen no mundo pola contaminación no aire polas partículas en suspensión e o ozono
1 Abril de 2007
Img medioambiente listado 463

As impurezas do aire que respiramos

/imgs/20070401/img.medioambiente.01.jpgCada vez que respiramos, amais de osíxeno e nitróxeno gasosos, os nosos pulmóns inhalan outras substancias e partículas procedentes da contaminación de automóbiles, industrias, construción ou doutras fontes relacionadas coa actividade humana. Estes contaminantes comprometen a calidade do aire e teñen efectos perniciosos para o medio e para a saúde. É un asunto ao que só se lle comezou a prestar atención abonda nos últimos anos, interese materializado no deseño de estratexias para reducir esa contaminación, en especial en núcleos urbanos nos que se superan con creces os límites recomendados.

Do po ao ácido sulfúrico

Os peores contaminantes, segundo o informe da Comisión Europea “Estratexia temática sobre a contaminación atmosférica” son as partículas en suspensión (po fino) e o ozono troposférico, que se atopa nas capas baixas da atmosfera (entre os 0 e os 17 quilómetros). Sábese que a exposición a estes contaminantes pode carrexar consecuencias que van dende leves efectos no sistema respiratorio ata mortalidade prematura.

O ozono xérase a partir da reacción doutros contaminantes, os óxidos de nitróxeno e os compostos orgánicos volátiles (centos de substancias como o metano, o benceno, o formaldehido ou disolventes, emitidos pola industria e polos automóbiles). Como se forma por reacción fotoquímica, os maiores niveis de contaminación por ozono rexístranse en días soleados.

No tocante ás partículas en suspensión, inclúen as miles e miles de partículas sólidas (de po, feluxe, pole, cadmio…) e pingas de substancias químicas (ácido sulfúrico, petróleo, dioxinas, praguicidas…) suspendidas no aire. Proveñen directamente dalgunha fonte contaminante, como os coches ou a construción, ou son partículas secundarias a partir de gases como o dióxido de xofre, os óxidos de nitróxeno e o amoníaco.

Non hai límites seguros

/imgs/20070401/img.medioambiente.02.jpg Un dos aspectos máis preocupantes é o descubrimento de que non hai límites seguros. Mesmo se a exposición a estes contaminantes é a niveis baixos, estes son prexudiciais para a saúde. Por iso, as actuais estratexias perseguen unha redución “realista” deses contaminantes, é dicir, mitigar, que non erradicar, os seus efectos. Unha mostra son as previsións de mortalidade no 2020 a causa das partículas en suspensión. Segundo datos da Comisión Europea, aínda que se dea mellorado a calidade do aire, os problemas de saúde asociados a esa contaminación traduciranse en máis de 76.000 mortes prematuras anuais e nunha redución da esperanza de vida. Pero é que se a contaminación segue como ata agora, o panorama é bastante peor: nada menos que 272.000 mortes prematuras anuais.

Hai estimacións máis pesimistas. A finais do 2006 un informe da Organización Mundial da Saúde (OMS) afirmaba que máis de dous millóns de persoas morren cada ano no mundo por culpa da contaminación do aire. A metade desas mortes, dicía o informe, dábase nos países desenvolvidos, a causa do exceso de contaminación orixinada polo tráfico e a industria.

As partículas máis perigosas

Sábese dende hai poucos anos que os contaminantes que afectan a máis persoas, por riba de calquera outro, son as partículas en suspensión (PM) e o ozono. A súa perigosidade está en relación co seu tamaño: canto máis pequenas son, máis facilidade teñen para penetrar no organismo humano. As partículas cun diámetro de menos de 10 micrómetros (un micrómetro é o millonésimo parte dun metro), denominadas PM10, poden acceder á parte superior do tracto respiratorio, e as partículas de menos de 2,5 micrómetros, ou PM2,5, poden chegar ata os pulmóns, polo que son potencialmente máis perigosas.

Sábese que a exposición crónica ás partículas aumenta o risco de desenvolver enfermidades cardiovasculares e respiratorias e mais o cancro de pulmón. Pola súa banda, o ozono das capas baixas da atmosfera pode causar problemas respiratorios, ataques de asma, redución da función pulmonar e causar enfermidades pulmonares.

As Directrices da Calidade do Aire da OMS recomendan un límite de 10 microgramos PM2,5 por metro cúbico de aire de media anual e uns 20 microgramos de PM10 por metro cúbico. Tal como especifica a OMS, non se trata de niveis seguros, senón dun obxectivo alcanzable e aceptable para reducir os efectos sobre a saúde. Para o ozono, recomenda un valor medio de 100 microgramos por metro cúbico.

A situación en España

/imgs/20070401/img.medioambiente.03.jpg A situación actual en España está moi lonxe diso. Aínda que a media de contaminación por partículas era de 30 microgramos por metro cúbico no 2005, segundo o Ministerio de Medio Ambiente, o certo é que hai moitos días nos que se supera o valor límite, actualmente establecido en 50 microgramos por metro cúbico para as partículas.

Por exemplo, en febreiro de 2007, das 25 estacións de Medición Ambiental do Concello de Madrid, só dúas recolleron unha concentración media mensual inferior a 20 microgramos por metro cúbico, que é o que recomenda a OMS. Do resto, nove delas recolleron valores de entre 20 e 30 microgramos por metro cúbico, mentres que as 23 estacións restantes superaron os 30 microgramos por metro cúbico. Tres delas chegaron a unha media mensual de máis de 40 microgramos de PM10 por metro cúbico.

Medidas dentro e fóra de casa

A mala calidade do aire nos espazos interiores supón un risco para a saúde de máis da metade da poboación mundial, segundo a OMS. En lugares onde se empregan combustibles de biomasa ou carbón para quentarse, as concentracións de partículas poden ser de 10 a 50 veces superiores aos valores recomendados. Se se trata dunha situación habitual, supón un risco nada desprezable.

Outra das fontes habituais de partículas son os automóbiles. Un estudo do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) revelou no 2005 que ata un 60% das partículas nas cidades españolas xerábaas o tráfico, especialmente os motores diesel, que producen ata catro veces máis partículas de carbono ca os motores de gasolina. A recomendación, non obstante, non era prescindir dos motores diesel (que son máis eficientes) senón dotalos de filtros que reteñen ata o 90% das partículas.

A redución do tráfico rodado, a mellora do transporte público, o incremento de zonas peonís e de zonas verdes nas cidades, o maior uso do biodiesel, e as substitución de sistemas de calefacción que implican combustión e emisión de contaminantes por outros máis limpos son algunhas das medidas que tamén contribúen á mellora da calidade do aire.