Envexa: unha competición na que sempre se perde

Tras un dos sentimentos máis comúns e máis perniciosos, agáchanse complexos e frustracións que se poden superar valorando máis o que temos e ás persoas que nos rodean
1 Abril de 2007

Envexa: unha competición na que sempre se perde

/imgs/20070401/img.psicologia.01.jpgA envexa é un sentimento tan universal como pernicioso. Todas as persoas, en maior ou menor medida, sofren nalgún momento da súa vida a angustiosa sensación de entrar, de modo espontáneo e irrefreable, nunha competición co outro na que sempre se perde. Colocamos a persoa envexada nunha posición de superioridade, abundancia e benestar. Como consecuencia desta exaltación do que un terceiro ten ou é xurdirá a impotencia, a frustración, o desánimo e a crenza de ser inferior. A rabia e a ira acompañarán esta vivencia e manterán nunha insá dependencia ao envexoso do envexado. É o que vén dicindo o prestixioso psicanalista Harry Snack Sullivan na súa definición da envexa: “un sentimento de aguda incomodidade, determinada polo descubrimento de que outro posúe algo que sentimos que nós deberiamos ter”.

As súas demandas amosan as súas carencias

O discurso do envexoso é repetitivo, monocorde e compulsivo sobre aquilo que envexa e co que compite. Sabemos cales son as súas carencias a partir do que envexa. O obxecto da envexa non ten por que ser unha persoa concreta, tamén pode ser un “ideal” que se nos ofrece como modelo a imitar e que revestimos de valía.

A vida dunha persoa envexosa non xira sobre a súa propia realidade, senón sobre o que desexaría, sobre o que non ten, sobre o que lle falta. A insatisfacción e o baleiro é un continuo que lle impide gozar da súa vida real. A tristura e o pesimismo prívano da espontaneidade e da ledicia. Non sabe rir con outras persoas nin se sabe rir de si mesmo. Só o fai con mofa e desprezo cara aos outros.

Do vitimismo á altanería

Este comportamento xera, entre outros síntomas, ansiedade xeneralizada, trastornos do apetito e sono e diversas alteracións dependendo de cada persoa. Incidirá tamén na súa actitude ante a vida, moldeando unhas formas de convivencia en relación cos outros que van dende figurar como a constante “vítima”, ata mostrarse continuamente á defensiva, actitude que se traduce en maneiras irónicas, fachendosas, frías, distantes e en ocasións ferintes, de menosprezo e crítica negativa.

Sentimento non recoñecido

A persoa envexosa non adoita recoñecer a súa envexa. Resístese a facelo e non hai nada que máis o fira e descualifique que intentar facerlle ver que a ten. Hai que ter en conta que detrás da envexa se acha:

  • Un sentimento de inferioridade e inseguridade.
  • Unha incapacidade de recoñecer as limitacións persoais, asociándoas a signos de debilidade.
  • Unha negación total de que a infelicidade non se debe ao que non se ten, senón á falta de aprecio do que si se posúe.
  • Unha falta de compromiso e responsabilidade coa propia vida. Pendente da vida doutros, non se asume a propia.

A “envexa sa” non existe

Este sufrimento secreto polo ben alleo, que todos sentimos nalgunha ocasión e que nos trouxo máis dunha incomodidade, desgusto e dor, sempre é negativo. A coñecida como “envexa sa” non existe. É un sentimento que debe ser aceptado como un máis dos que sentimos. A preocupación chega cando a envexa se converte en patolóxica e interfire na vida da persoa, cando ese sentimento posúe ao individuo, mingua a súa autoestima e o incapacita para levar unha vida saudable.

Actitudes ante a envexa

Prevención

Como acontece con todo sentimento insán, é conveniente manter actitudes preventivas, de xeito que non cheguemos a padecer de xeito obsesivo os seus efectos. Unha boa prevención ante a envexa iría encamiñada a:

  • Favorecer a confianza básica en un mesmo e nos demais.
  • Coñecer as limitacións e potencialidades que temos, aceptándonos como somos.
  • Pensar que hai cousas que podemos cambiar e outras que non.
  • Aprender a valorar con precisión a propia competencia, sen menosprezarse nin sobrevalorarse.
  • Afacerse a centrar a atención nos aspectos máis positivos da realidade.
  • Estimular a empatía, é dicir, a capacidade para poñerse no lugar do outro.
  • Establecer relacións axeitadas e satisfactorias cos iguais.
  • Aprender a relativizar as diferenzas sociais e a adquirir habilidades para elixir axeitadamente con quen, como e cando compararse.
  • Aprender a relativizar tamén o éxito.
  • Analizar o progreso persoal mediante a comparación consigo mesmo, non cos outros.
  • Aprender a dar e pedir axuda, a colaborar e compartir. Permite adquirir habilidades coas que resolver os conflitos que orixina a envexa.

Superación

Para xestionar e superar a envexa, nada mellor que reformularnos algúns principios clave, que son os que nos axudan a gozar dun maior equilibrio e a vivir de maneira máis serena e gozosa:

  • Pensar que non estamos perdendo nada cando a outras persoas lles vai ben.
  • Darnos conta de que se queremos ser nós mesmos, o único punto de referencia de superación somos nós. Non necesitamos compararnos con ninguén máis.
  • Apreciar o valor da nosa vida e mostrarnos agradecido de tela.
  • Alegrarnos do que temos. Non vivir pendentes do que non temos.
  • Redescubrir día a día o que nos rodea: as persoas, a paisaxe, as pequenas cousas que nos fan máis doada a vida…
  • E o máis difícil, pero alcanzable: sentirnos felices pola boa sorte dos demais, porque, en definitiva, veñan da man doutros ou das nosas propias, do que se trata é de vivir o maior número de momentos de felicidade e ledicia.