O testamento, a mellor solución para as parellas de feito
Os dereitos sucesorios das parellas de feito equipáranse aos do matrimonio só no País Vasco, en Navarra e mais na comunidade balear. En Cataluña, a lei recolle o dereito a unha cuarta parte da herdanza, á metade, ou a toda ela dependendo de que vivan outros membros da familia; en Aragón, a lexislación sucesoria permite que poidan residir gratuitamente na vivenda habitual durante un ano amais de ter dereito ao enxoval da vivenda; en Andalucía tamén teñen dereito a residir na vivenda habitual durante un ano dende o falecemento. No resto das comunidades autónomas as parellas de feito non terán dereitos na herdanza do seu compañeiro falecido, dereitos que ostentan os fillos ou outros familiares, salvo que se fixese testamento.
A importancia do testamento
Salvo as devanditas excepcións, o dereito que se aplica cando falece unha persoa que non fixo testamento non ten en consideración á súa parella de feito. O réxime de sucesións do Código Civil outorgará dereitos na herdanza aos fillos e, no seu defecto, aos pais ou ascendentes. De non os haber herdarían os irmáns e sobriños.
Como corrixir esta situación?
Facendo testamento e nomeando herdeiro á parella. O trámite é moi sinxelo, pouco custoso e evita problemas e situacións desagradables. Sen testamento, a parella non herdará absolutamente nada.
Pódeselle deixar todos os bens á parella?
Non, hai que respectar os dereitos dos herdeiros forzosos, que son os fillos ou, se non os hai, os pais. Pero en caso de que non haxa descendentes nin ascendentes, poderá dispoñer de todos os seus bens a favor da súa parella.
Cales son os dereitos dos fillos?
Sexan os fillos comúns ou non, teñen dereito á lexítima: dúas terceiras partes da herdanza. Outorgadas dúas terceiras partes a favor dos fillos, a que resta pódese deixar a favor da parella.
A parella de feito non ten fillos, pero si viven os seus pais. Como facer o testamento?
Ao faceren testamento, os dous membros da parella teñen que respectar a lexítima dos pais, é dicir, a metade dos bens. Da outra metade pódese designar herdeira á parella.
Se a herdanza se debe distribuír, para quen será a vivenda da que son propietarios a partes iguais os dous membros da parella?
Se á herdanza concorren os pais e a parella de feito, dependerá dos acordos aos que cheguen os herdeiros para a repartición dos bens. O Código Civil di que estes poderán distribuír a herdanza como desexen, pero, tendo en conta que aos pais do falecido lles corresponde o 50% dos bens, a parella terá dereito a un 25% da vivenda. Unha vivenda xeralmente non se pode dividir para a súa repartición, pero si se pode acordar que se adxudique a un herdeiro e, se o seu valor excede dos seus dereitos na herdanza, pódeselles aboar aos outros herdeiros o exceso de valor en diñeiro. Cando non hai acordos, nos casos máis extremos, a vivenda pode rematar nunha poxa. Se desexan que a súa parella sexa a propietaria única da vivenda, é conveniente repartir a herdanza no mesmo testamento, designar herdeira da metade dos bens á parella e adxudicar a ese lote o seu 50% da vivenda, sempre e cando isto non reduza a lexítima dos pais. Tamén é interesante designar no testamento unha persoa da súa confianza, que non sexa herdeira, coa facultade de facer a repartición.
Unha parella de feito vive nunha vivenda propiedade dun dos seus membros. Esta persoa está divorciada cun fillo que vive co seu ex cónxuxe. Interésalle facer testamento?
O seu ex cónxuxe non ten dereito á herdanza e o herdeiro legal é o seu fillo. Se desexa que esta situación siga así, non precisa facer testamento. O seu fillo herdará a vivenda e o resto dos seus bens. Se esa situación non lle interesa, faga testamento e designe herdeira á súa parella como máximo dunha terceira parte dos bens. O patrimonio que posúa no momento do falecemento e o tipo de repartición da herdanza poderían determinar que o seu fillo e a súa parella pasasen a ser copropietarios da vivenda. Decida, se é o seu caso, quen prefire que herde a vivenda, quen pode estar máis necesitado e, segundo os bens dos que dispoña, faga a repartición no mesmo testamento, por exemplo adxudicándolle á súa parella a vivenda sen prexudicar ao seu fillo, ou ben ao revés, sendo esta última posibilidade máis factible cando o patrimonio non é moi cuantioso. Asesórese na notaría ou cun avogado.
/imgs/20070401/img.derechos.02.jpg Faga testamento, é un trámite sinxelo e barato.- Na mesma notaría recibirá asesoramento. Pregunte pola posibilidade de designar bens concretos a favor dos seus herdeiros ou de facer legados.
- Para facilitar, cando chegue o momento, a repartición dos bens, nomee un contador partidor no testamento. Pode ser o seu avogado de confianza ou calquera persoa coñecedora das súas inquietudes.
- Se cambian as súas circunstancias ou falece antes algún dos seus herdeiros modifique o testamento.
- Para mellorar a protección da súa parella contrate un seguro de vida.