Manel Baucells, Investigador

"Ao te comparares con alguén que está peor non te afás nunca, sempre che dá felicidade"

1 abril de 2007

Por que?

Porque cos cartos tes máis control, acceso a cousas que antes non tiñas e máis capacidade de decisión. Pero cométese un erro de cálculo: pénsase que vai dar máis do que dá.

Este erro de cálculo, cando o comete unha persoa?

Cando cre que os cartos lle van dar dez de felicidade, e en realidade lle ofrece tres.

É dicir, non é unha cuestión de cantidade, senón de expectativas.

Exactamente.

Volvamos á listaxe de frases feitas. A segunda é a que reza que o diñeiro non dá a felicidade pero axuda moito.

Verdadeira, porque che soluciona unha serie de problemas que, doutro xeito, sufrirías.

A terceira sentenza lapidaria afirma que os ricos son máis felices ca os pobres.

Si, pero sono por comparación social.

Daquela, a felicidade non depende do que un ten, senón do que posúe en comparación cos demais.

Maioritariamente si, porque a comparación social é algo que che dá a felicidade quizais de modo permanente. Ao te comparares con alguén que está peor non te afás nunca, sempre che dá felicidade.

No estudo reflíctese que, postos a elixir, unha persoa preferiría ser o menos pobre entre os pobres ca o menos rico entre os ricos.

Efectivamente. Se lle preguntas a unha persoa: que prefire, gañar 50.000 euros cando no seu ámbito todo o mundo gaña 25.000 ou gañar 100.000 euros cando no seu ámbito todo o mundo gaña 200.000, a maioría di que prefire gañar 50.000 euros.

Somos tan mesquiños como parece indicar esta afirmación?

/imgs/20070401/img.entrevista.02.jpgNon é unha cuestión de mesquindade. Un principio de psicoloxía moi importante consiste na busca de referencias de comparación para saber onde está un. A comparación social ten unha gran cantidade de vantaxes, xa que en principio axudámonos uns aos outros para avanzar. Non obstante, como sempre nos comparamos, tamén podemos entrar nunha espiral de competicións pouco recomendable.
O xeito racional de xestionar isto, o manual de instrucións, sería: cando establezas unha comparación social, pensa que é como unhas olimpíadas, non queiras correr todas a carreiras, non queiras gañar os 1.500 metros, a natación, o salto de pértega… Céntrate nunha, que será a túa especialidade. Elixe moi ben aquelas cousas coas que entrarás nunha guerra de comparación social. Se a túa afección é buscar cogomelos, participa no xogo e di: “atopei un sitio que ti non sabes” ou “collín máis cogomelos ca outro”. Estas son cousas inocentes, non pasa nada.

Pero falamos de cartos, non de cogomelos.

O problema aquí dáse cando se entra en comparación social con ter máis. Aí si que xorde unha competición na que é imposible gañar porque sempre haberá alguén que teña máis. Polo tanto, non queiras gañar todas as competicións da olimpíada, esfórzate nas que es bo e, no xogo de ter máis, sinxelamente tira a toalla. Neste xogo non volvas entrar. Esta sería a idea.

Entón, xunto aos cartos e a felicidade, que son os eixes sobre os que xira este estudo, poderíase incluír un terceiro termo, a envexa.

Efectivamente. E se non a xestionas de maneira adecuada, podes acabar pensando: “Síntome contento por ter que traballar cinco horas máis ao día para ter unha casa mellor nun barrio determinado, e no que segue habendo xente máis rica ca min?”. E en todo este proceso igual esta persoa perdeu amigos e familia. Polo tanto, non sería máis intelixente pensar se lle interesaba entrar nesta batalla ou non?

Pero, como se pode conseguir que as persoas venzan esa tendencia natural?

Non é nada doado porque é o teu instrumental de medida. Hai que educar a xente nas escolas, nas familias… a que se comparen cos outros en determinadas cousas boas, como “mira ese que boas notas saca, a ver se ti tamén fas coma el”, e que eviten outras, como cando se di “mira a ese que mercou un coche mellor”. Niso é mellor non entrar.

Pero ese é precisamente un dos principais mecanismos dos que bota man a publicidade.

Claro. Por iso eu diría que o gran reto que temos nas sociedades occidentais, e no mundo en xeral, céntrase expresamente en lograr que os consumidores estean máis informados sobre si mesmos. Non só sobre o produto e sobre as calorías dun, as vitaminas doutro… O que se debe facer é: a vostede esta decisión de compra vaille afectar deste xeito ou destoutro, e a esta xente afectoulle así… agora que xa o sabe, pode actuar como queira.

E como se pode informar e quen debe informar sobre iso?

Este é un gran reto. Son accións de longo prazo que non gañan nun ano ou dous. Cando se dan clases de negociación sempre se di que é como unha batalla nobre entre dúas partes onde cada un trata de sacar o máximo, pero dentro dunhas regras de xogo e entre dúas partes que son iguais. Eu vexo a sociedade de consumo deste mesmo xeito. Non obstante, a balanza inclínase cada vez máis a favor das empresas, que teñen máis e mellores instrumentos ao seu alcance. Grazas ao seu dominio dos resortes emocionais das persoas, sábenas facer entrar en xogos de comparación social… e, dalgún xeito, a batalla deixa de ser nobre porque o consumidor está moi desprotexido.

Vostede fala de lles dar instrumentos aos consumidores para que poidan pelexar en igualdade de condicións fronte ás empresas, pero, quen e como os pode informar?

Ben, isto que estou a dicir é como un ideal. Para que se realice ese ideal ten que haber primeiro unha investigación, e esta é a liña que estamos a traballar. O problema está nos efectos a longo prazo. Somos moi malos en anticipar a rapidez coa que nos afacemos aos bens. Esta é a idea. Pensas que o coche novo o vas gozar como o primeiro día durante moito tempo, pero aos tres meses parecerache normal, ou cando vas a un hotel dunha estrela máis paréceche impresionante, pero non calculas que á terceira vez iso paréceche lóxico e que volver a un hotel cunha estrela menos che parece unha perda.

Iso é o que comprobaron no seu estudo que sucede.

Si, e iso é o que fai que, aínda que a renda per cápita se multiplicase por catro, o nivel de felicidade media sexa constante. Isto como o podes explicar se non é por habituación?

As empresas están interesadas en que o consumidor estea ben informado?

Eu coido que si, que prefiren iso a que se lles impoña unha regulación sobre o que se pode facer e o que non se pode facer, por exemplo en mensaxes publicitarias.

Cre que poderían ser as propias empresas as interesadas en financiar este tipo de investigación?

Si.

Supoño que hai moito camiño por percorrer.

A nosa cabeza está pensada para facer conexións causa-efecto de como nos afectan as nosas decisións. Pero son cousas que hai que adestrar moito. Nun terreo onde mercas bens básicos (comida, calefacción, o descanso, estar con amigos…) a satisfacción está asegurada porque canto máis os tes, máis che dan. Pero a lista é moi limitada. Entón estamos pensando que moitos bens que mercamos son básicos. E non o son, son adaptativos.

Pensa que o cidadán de a pé fai esta distinción entre os bens básicos e os adaptativos?

Non, e por iso cre que os cartos dan moitísimo, porque cando pensa que un coche grande é un ben básico cre que o vai gozar como o primeiro día, como a calefacción. Non, ao coche grande afaraste e parecerache o normal.

Seguindo o seu razoamento, considera que ofrece a mesma satisfacción degustar unha boa comida entre amigos ca ter un Ferrari?

Non. Degustar unha comida con amigos vaiche gustar hoxe, e dentro de dez anos volverala gozar igual ca hoxe, e dentro de 20 igual ca hoxe. Cando merques o Ferrari, durante un tempo estarás impresionantemente feliz, pero ao cabo dun ano parecerache a metade de impresionante, ao cabo de dous anos a metade da metade e cando un amigo merque un Ferrari mellor ca o teu, daquela aquel día virás anoxado porque crerás que quedaches sen cartos e que outro vai presumir máis ca ti.

Pero, por exemplo, a vivenda, que é ao que máis cartos lle destina a maioría dos cidadáns, sería un ben adaptativo?

A vivenda ten unha fracción básica importante que é o acubillo, un sitio onde estar e a seguridade, e ten unha parte adaptativa de comparación social. E non digo que esta non sexa importante, porque a comparación social dá felicidade, e cada vez que veñen os teus familiares á casa e din qué bonita, isto dá felicidade. Non nos enganemos. E cada vez que pasa o contrario quítache felicidade. A comparación social nese sentido é básica.

Consumo feliz e consumo responsable son sinónimos?

Ben, consumo responsable é algo que engloba moitas cousas, pero en principio si, soa ben. A felicidade está relacionada cos cartos e con moitas outras cousas, entre as que está sentirse ben contigo mesmo, saber que estás a contribuír ao ben social… e quizais esta fórmula funcione.

Vostede é profesor dunha das máis prestixiosas Escolas de Negocios do mundo. Como casa esa posición co estudo de algo tan abstracto como a felicidade?

Ao final, as escolas de negocio céntranse no diñeiro, en como axudar aos empresarios a tomar decisións, pero tamén en comprender mellor como funciona a sociedade, que é o mellor para as empresas, para os consumidores… e tratar de ver un mundo mellor. E pensas: hai un mundo distinto ao da sociedade de consumo? E a resposta é sinxela: non. Non nos enganemos, isto é o que hai. Pois mire, qué cousas van mal, por qué van mal e qué podemos facer para que non vaian tan mal. E unha cousa que vai mal é esta: que a xente tolea polos cartos e gasta moito. Se polo menos fosen moi felices, diría “perfecto”, pero é que non o son. Entón aquí hai un problema. E isto, queiras ou non, ás empresas non lles gusta.

Cal sería a fórmula para solucionalo?

Se repites un exercicio de efecto a longo prazo cun neno, á repetición 101 o neno cambiou o seu comportamento e escolle o que mellor lle vai ir a longo prazo. Na escola, no canto de ensinar tantas cousas que non serven para nada, poderíase crear un obradoiro onde todos os nenos fan isto 100 veces e eles mesmos pasan a ver qué lles interesa. Alguén pode dicir: vostede estalles a comer a vontade ao nenos. Non, eu estounos a levar a esquiar. Antes estabamos esquiando nunha pista moi doada, de necesidades básicas, e todo o mundo se aguantaba de pé. Agora a pista púxose máis difícil e ves cousas que son bens adaptativos e a túa cabeza diche que son básicas; entón quérelas mercar, gañar moitos cartos… e todo o mundo se está a bater nun muro. Non, o que vou facer é adestrar o neno a baixar unha pendente máis difícil, de xeito que cando saia por aí poida baixar. Se isto é comerlle a vontade, quero comerlle o coco á xente a longo prazo.

Por certo, vostede pensa a longo prazo?

Si, eu fágoo.

Polo tanto, é feliz?

Si, si, eu son moi feliz. Gústame levar as luces longas. Sempre vou anticipando cousas con dous ou tres anos de antelación.

Polo que vexo, vostede practica co exemplo.

Si, por exemplo a miña decisión de xogar ao golf é para aceptar xa a xubilación. E este é un deporte magnífico para iso porque ten moito percorrido.

Pero non asusta un pouco ter a vida tan calculada?

Primeiro, as sorpresas xa veñen soas, non hai que buscalas e, despois, o que che di a intuición é improvisar, pero isto en ocasións fállache. Hai moitos elementos na vida que controlas. De feito, en principio a felicidade está relacionada coa sensación de control, de que controlas o ámbito e tamén está moi relacionada co control interior, cos teus estados.