Aeroportos: Prezo dos servizos, polos aires, e conexións coas cidades, polo chan
Este incremento precisa dunhas infraestruturas maiores, e mellores, evolución que non sempre se produce. Malia o bo estado xeral dos principais aeroportos españois, a conexión por estrada e a oferta de transporte público coa capital máis próxima é mellorable e, nalgúns casos, deficiente sen paliativos. En máis da metade dos aeroportos (no 56%), os horarios dos autobuses non coinciden co primeiro e co último avión. No “debe” tamén se inclúe a ausencia dunha oferta de lecer gratuíta e a carestía dos servizos ofertados nunhas instalacións nas que as longas esperas son moeda corrente. No outro lado da balanza, as medidas de prevención de emerxencias e de seguridade, así como a limpeza e conservación dos aeroportos son notables.
Así o constataron os técnicos de CONSUMER EROSKI, que visitaron durante o mes de febreiro 23 aeroportos: A Coruña (Alvedro), Alacante (O Altet), Asturias (Oviedo), Barcelona (El Prat), Bilbao (Loiu), Xirona (Costa Brava), Gran Canaria, Granada (Federico G. Lorca), Xerez, Madrid (Barajas), Málaga, Murcia, Palma de Mallorca, Pamplona (Noain), San Sebastián (Hondarribia), Santander, Santiago de Compostela (Lavacolla), Sevilla (San Pablo), Tenerife Sur (Reina Sofía), Valencia (Manises), Valladolid (Villanubla), Vitoria (Foronda) e Zaragoza. O estudo comezou dende as capitais máis próximas aos aeródromos, nas que se tomou un taxi para comprobar cánto custa a carreira dende a cidade próxima máis representativa ata o aeródromo. Unha vez nos aeroportos, comprobáronse decenas de aspectos clasificados en seis bloques: a comunicación coa cidade, o estado de limpeza e mantemento dos aeroportos, a oferta de servizos, as medidas preventivas de seguridade, as posibilidades de lecer gratuíto e o seu grao de adecuación para as persoas con algunha minusvalía.
En taxi, 1,10 euros por minuto
O desprazamento máis barato realizouse na Coruña (40 céntimos de euro por cada minuto de traxecto). O máis oneroso foi o traxecto entre o aeroporto das Palmas de Gran Canaria e o centro da súa cidade (case dous euros por minuto).
Se o usuario prefire utilizar o vehículo particular, en tres de cada dez dos desprazamentos realizados a indicación do itinerario dende o centro da cidade ata o aeroporto non era adecuada (Vitoria, Valencia, Sevilla, Valladolid e Zaragoza) xa que que non se advertiron indicacións de dirección ata chegar aos arredores da cidade. En Murcia, a sinalización era case inexistente.
Tampouco mellora o panorama no transporte público, que non brilla precisamente pola súa diversidade de opcións: na maioría dos casos, o autobús é a única posibilidade. Non obstante, destaca a boa comunicación de Barajas (en Madrid) por autobús e metro, así como a de El Prat (en Barcelona) e Málaga, mediante autobús e tren. Pola contra, o aeroporto de Noain (Pamplona) nin sequera dispón de liñas de autobús que unan a capital co seu aeródromo. Ademais, no 56% dos aeroportos os horarios dos autobuses non concordan co primeiro e último avión.
O esforzo por manter o usuario ben informado
A dotación dun sistema que recolla as suxestións e reclamacións dos usuarios é un dos compromisos asinados por AENA. Non obstante, non había caixa de correo de suxestións en case catro de cada dez aeroportos. Os técnicos da revista solicitaron as follas de suxestións e reclamacións e en oito de cada dez aeroportos o trato foi bo ou moi bo. Así mesmo, os técnicos de CONSUMER EROSKI buscaron persoal de información nos corredores do aeroporto que lles puidesen indicar o camiño ata o punto máis afastado das instalacións e acompañalos. Non o atoparon en El Prat (terminal B), Lavacolla, Málaga, Noain, San Pablo, Villanubla e Zaragoza. Entre o persoal de información que si colaborou (só un de cada tres empregados o fixo) tratábase, no 65% dos aeroportos, de empregados do propio mostrador de información (que non podían abandonar o seu posto) e só en un de cada tres aeroportos acompañaron aos técnicos ata o punto polo que preguntaran.
Unha persoa en cadeira de rodas podería desenvolverse sen problemas polos aeroportos españois, xa que en dous de cada dez non hai barreiras arquitectónicas e, nos que as hai, soluciónanse mediante ramplas (máis da metade dos casos) e/ou ascensores que salvan os desniveis (un 23% dos aeroportos estudados). Os aseos adaptados son outra das necesidades fundamentais que quedan ben cubertas. Non obstante, o 76% non estaban ben preparados para persoas invidentes. A excepción atopouse en Barajas, onde hai persoal especializado que se encarga de acompañar estas persoas polas diferentes dependencias do aeroporto.
Un espazo pouco acolledor
Que as esperas e atrasos nos aeroportos se midan por horas e non por minutos é un risco que non ten nada de remoto. Malia iso, entreterse sen gastar cartos é unha tarefa complicada. Os aeroportos apostaron por un esparexemento no que, fronte á creación dun ámbito agradable, se primou o modelo de centro comercial como principal fórmula de entretemento. Pola contra, a diversión non está nin moito menos garantida para os máis pequenos nestes aeroportos, xa que unicamente no 8% hai gardería ou zona de xogos infantís.
Todos os aeroportos poñen ao servizo dos usuarios cafeterías e restaurantes onde tomar un refrixerio. O prezo medio dun café é de 1,34 euros e de 2,01 euros por un refresco. Non obstante, constatáronse diferenzas notables: o café máis caro resultou ser o do aeroporto de Tenerife Sur (case tres euros) e o refresco con maior prezo, en Málaga (2,75 euros).
A asistencia sanitaria é outro dos compromisos asinados por AENA e dispoñen deste servizo o 76% dos aeroportos. Non o hai na terminal B de El Prat (onde si hai farmacia), en Xerez, Murcia, San Sebastián, Valladolid e Zaragoza. En case a metade dos aeroportos trátase dunha botica de primeiros auxilios, dunha enfermería en case tres de cada dez e dunha sala médica unicamente no 20%. Ademais, só hai farmacia nun 36% dos aeroportos.
No tocante aos fumadores, a nova Lei antitabaco que prohibe fumar nos espazos públicos fixo que boa parte dos aeroportos se declaren “espazos sen fume” e suprimiran as zonas que ata o momento tiñan habilitadas para este fin. Só o 12% das instalacións tiñan zonas para fumadores repartidas por todo o aeroporto ou, polo menos, en determinados puntos da Terminal. Os técnicos comprobaron que a normativa se cumpre rigorosamente, o que demostra que é posible contar con instalacións públicas sen tabaco e que os fumadores poden permanecer sen fumar durante varias horas.
Todos os aeroportos dispoñen de áreas para sentar, polo xeral, en número abondo e ben repartidas. Estes asentos resultan cómodos no 90% dos aeroportos. As condicións de iluminación eran boas ou moi boas en todos os aeródromos visitados e gozaban dunha boa temperatura.
Doutra banda, desprazarse coa equipaxe dun lado a outro do aeroporto pode resultar unha auténtica fazaña tendo en conta que só no 16% dos 23 aeroportos se ofrecía a posibilidade de deixar as maletas nunha consigna. Onde si se atopou este servizo, o prezo medio andaba arredor dos 4 euros. Ademais, non había carriños portaequipaxe nos lugares onde era necesario dos aeroportos de El Prat (terminal B), Xerez, San Javier, Villanubla e Zaragoza. De feito, nun 36% dos aeroportos, a distribución dos carriños era regular, mala ou inexistente. Deixar o vehículo durante unha hora no aparcadoiro do aeroporto custa algo máis de un euro e aparcar un día enteiro chega a supoñer, de media, 11 euros. O prezo redúcese en todos os aeroportos a partir do cuarto ou quinto día de permanencia, polo que o prezo medio dunha semana anda sobre os 67 euros. Para aqueles que se desprazan en moto, aparcar é máis complicado, xa que en seis de cada dez aeroportos non hai zona de estacionamento para eles. O equipamento dos aseos tamén é completo para a comodidade do viaxeiro: nove de cada dez aeroportos dispoñen de cambiador para bebés en, polo menos, un dos baños e sete de cada dez estaban equipados con enchufes en todos os seus aseos. Nun 20% percibíronse cheiros desagradables nos seus aseos. Malia iso, os 23 aeroportos destacan por unha limpeza impecable en todas as súas dependencias.
No tocante á seguridade, o aeroporto é unha infraestrutura blindada no seu interior, aínda que non tan vixiada nos exteriores. No 24% dos aeroportos o aparcadoiro non estaba vixiado e, entre os que si o estaban, en algo máis da metade se trataba de cámaras de vixilancia. O aspecto máis criticable é, sen dúbida, a indicación ao usuario sobre qué facer en caso de emerxencia: no 72% dos aeroportos non se atoparon sinais, carteis e/ou folletos relativos a este asunto.
A zona de embarque
Dende a chegada á cola de facturación ata o momento de ser atendidos e recoller a tarxeta de embarque transcorreu unha media de 9 minutos. En Xirona e Barajas foi onde máis se tardou en atender a estes usuarios (25 minutos), seguidos por Alacante e Sevilla (10 minutos). O aeroporto de Palma de Mallorca foi o máis rápido (só un minuto): unha azafata de terra acompañou ao viaxeiro a realizar a súa facturación nunha máquina de “auto check-in”, ofrecéndolle as instrucións oportunas. Máis breve foi o paso polo control policial: malia ao endurecemento das medidas de seguridade, tardouse pouco máis de cinco minutos e medio. En Barajas transcorreron 15 minutos e 10 en Loiu, os controis máis lentos do estudo; mentres que os máis rápidos foron Tenerife Sur (só 1 minuto), xunto con Xirona, As Palmas de Gran Canaria, Málaga, Son Sant Joan (3 minutos cada un) e El Prat (4 minutos de media). Ata a porta de embarque correspondente tardáronse case cinco minutos e as máis afastadas (a 8 minutos de distancia) foron as de Palma de Mallorca e Sevilla. Tras finalizar a visita, os técnicos desta revista apenas tardaron dous minutos de media en coller un taxi, salvo no aeroporto de Valencia, onde houbo que agardar 5 minutos.
O mellor, e o peor, aeroporto para…
- O mellor: O de Madrid (Barajas) a calquera das súas terminais, pola súa correcta sinalización dende a cidade, pola súa comunicación mediante transporte público, pola súa adaptabilidade aos horarios dos voos e polo seu servizo de taxis (a prezo asumible e cun bo número de vehículos en servizo).
- O peor: O de Pamplona (Noain), pola ausencia de liñas de transporte público, e Vitoria (Foronda), pola súa sinalización insuficiente dende o centro da cidade, a carencia de taxis no aeroporto e pola reducida frecuencia dos autobuses, que non coinciden co primeiro e último voo.
- O mellor: O de Santiago de Compostela (Lavacolla), pola facilidade de orientación neste, a esmerada e eficaz sinalización e a diversidade de idiomas nos que se ofrece a información (castelán, inglés, galego e alemán).
- O peor: O de Alacante. Non ten ningún mapa de orientación, faltan pantallas de información e non hai persoal de información a quen lle pedir indicacións polos corredores das instalacións.
- O mellor: De novo o aeroporto de Santiago (Lavacolla), e mais o de Pamplona (Noain), polas súas actividades de lecer gratuíto (exposicións, xogos e ordenadores no primeiro, e conexión gratuíta a Internet, xunto con prensa ou revistas, no segundo).
- O peor: Os peores son os aeroportos de Xirona (Costa Brava), A Coruña (Alvedro), Granada (Federico García Lorca) e Xerez, nos que non hai ningún tipo de actividade gratuíta para pasar o tempo e só dispoñen dunha cafetería.
- O mellor: Os de Vitoria (Foronda), A Coruña (Alvedro), Madrid (Barajas) e Murcia (San Javier): dispensan unha boa atención e servizo, non amosaron obxeccións cando se requiriu o seu acompañamento ata o lugar consultado.
- O peor: Os de Pamplona (Noain), onde o persoal de información resultou pouco servicial, xunto con San Sebastián, onde tardaron 40 minutos en aparecer polo mostrador de información.
- O mellor: Os de Vitoria (Foronda), San Sebastián (Hondarribia) e Zaragoza, que son gratuítos, co inconveniente de que non están vixiados. Para estacionamentos non superiores a media hora, son unha boa opción os aeroportos de Alacante, As Palmas de Gran Canaria, Palma de Mallorca (Son Sant Joan) e Tenerife Sur, que si contan con vixilancia. Para permanencias superiores a cinco días, o de Santander (Parayas) só custa tres euros por día a partir da quinta xornada.
- O peor: O de Madrid (en ambas as dúas terminais de Barajas), onde resulta complicado atopar unha praza libre e ten os maiores prezos: unha semana chega a custar preto de 100 euros.
- O mellor: O de Valladolid (Villanubla) que ten os prezos máis baratos (un café, un pouco máis de un euro, e un refresco, 1,55 euros).
- O peor: O de Tenerife Sur, onde o prezo de calquera destas consumicións anda polos tres euros.
- O mellor: o de Santiago (Lavacolla) e o de Madrid, especialmente a recente Terminal 4 de Barajas, na que se observou un exquisito coidado das instalacións, cafeterías e aseos. As zonas de fumadores atópanse limpas e ata na rúa hai cinceiros ou papeleiras preto e o chan se mantén en perfectas condicións de limpeza.
- O peor: O de Asturias, onde se percibiron cheiros desagradables en boa parte dos seus aseos. Ademais, só dispón de papeleiras normais e non resalta precisamente polo estado de conservación e limpeza das súas cafeterías.
En que debe mellorar cada aeroporto?
/imgs/20070401/img.tema-portada.05.jpg A Coruña (Alvedro)
Máis servizos: carece de máquinas expendedoras, zonas de xogo infantil, consigna, etc. Non hai paneis informativos de voos na zona de espera.- Alacante (Altet)
Sistemas de lecer gratuítos (exposicións, xogos, ordenadores, etc.) para amenizar as esperas. - Asturias
Máis servizos. Excesiva distancia do aeroporto ás principais cidades. - Barcelona (El Prat) T.A
Sistemas de lecer gratuítos (exposicións, xogos, ordenadores, etc.) para amenizar as esperas dos pasaxeiros. - Barcelona (El Prat) T.B
Carriños portaequipaxe no aparcadoiro e mais na na entrada da terminal. - Bilbao (Loiu)
Máis papeleiras, asentos no vestíbulo. Área de chegadas á intemperie. - Xirona (Costa Brava)
Dotación de servizos mediocre. - Granada (García Lorca)
Non dispuñan de follas de suxestións nese momento. - Xerez
Mala dotación de transporte público. Máis servizos, non hai opcións gratuítas para amenizar as esperas. - As Palmas de Grande Canaria
Servizos hostaleiros caros. Falta papel hixiénico e xabón nalgúns aseos. - Madrid (Barajas) T1
Sistemas de lecer gratuítos (exposicións, xogos, ordenadores, etc.) para os usuarios. - Madrid (Barajas) T4
Servizos hostaleiros caros. - Málaga (Pablo Picasso)
Servizos hostaleiros caros. - Murcia-San Javier
Máis transporte público e máis servizos. - Palma de Mallorca (Son Sant Juan)
Cafeterías e restaurantes caros. - Pamplona (Noain)
Necesidade de contar con transporte público. - San Sebastián (Hondarribia)
Atención ao usuario. - Santander
Máis servizos: máquinas para precintar equipaxes, zona infantil de xogos, máquinas expendedoras, etc. - Santiago (Lavacolla)
Máis transporte público. Debe mellorar a atención ao usuario ou pasaxeiro. - Sevilla (San Pablo)
Máis asentos na zona de chegadas. - Tenerife Sur
Servizos hostaleiros prohibitivos. - Valencia (Manises)
Moitos pasaxeiros agardando na zona de taxis. Algúns aseos sen papel hixiénico. - Valladolid (Villanubla)
Máis servizos. - Vitoria (Foronda)
Máis transporte público. Carencia de taxis. - Zaragoza
Mala atención ao viaxeiro, non hai persoal.
Estas son as principais incidencias recollidas pola Rede de Centros Europeos do Consumidor e que sufriron máis de 450 millóns de pasaxeiros (últimos datos do ano 2005). Son precisamente os consumidores españois os que máis litixios e reclamacións emprenderon contra as compañías aéreas. Ademais, os transportistas aéreos españois sitúanse en cuarto lugar de toda Europa entre os que máis queixas recibiron.
O 24% das reclamacións dos consumidores fai referencia a problemas coa súa equipaxe. Garde os recibos de compra daqueles artigos que sexan relevantes para vostede, de maneira que en caso de perda ou deterioración poida esixir unha indemnización xusta.
“Deterioráronme a equipaxe ou perdéronme algún obxecto dela”. Debe cubrir no aeroporto o Formulario de Irregularidade de Equipaxe (coñecido coas siglas inglesas PIR) cando descubra que a súa maleta se atopa deteriorada. Ademais, para ter dereito a unha indemnización, débelle enviar á compañía aérea coa que voou unha carta de reclamación no prazo de sete días.
“A miña equipaxe chegou con atraso”. Debe cubrir o Formulario de Irregularidade, que acompañará cunha carta de reclamación, e enviarllo á empresa de transporte aéreo á que lle mercou o billete no prazo de 21 días a partir da data en que lle foi entregada a equipaxe.
“Extraviáronme as maletas”. Cubra igualmente o Formulario de Irregularidade e, no tocante á indemnización, para este caso non hai prazos límite dentro dos que lle teña que enviar a carta de reclamación á compañía. O recomendable é que se remita o antes posible despois de que transcorran 21 días.
“Denegáronme o acceso ao avión”. O regulamento da Unión Europea 261/2004 completa a normativa elaborada para combater o problema da sobrevenda (“overbooking”). Vostede ten dereito a recibir unha indemnización e a que se lle devolva o prezo do billete en caso de que lle neguen o acceso á aeronave.
“Cancelaron o meu voo”. Se quedan dúas semanas ou menos para a data de saída do voo e a compañía aérea o cancelou, saiba que ten dereito a que lle devolvan o importe do billete que mercou pero non chegou a utilizar. Tamén é obriga da compañía ofrecerlle outra ruta de destino e un grao de indemnización, en función da duración do voo. Pero, que pode pasar? Que a compañía se acolla a algún dos supostos de “circunstancias especiais” (que tamén prevé o Regulamento comunitario) por inestabilidade política, risco para a seguridade, folga ou condicións meteorolóxicas adversas (a máis habitual). Baixo estes supostos a compañía queda excluída das súas obrigas ou estas son máis limitadas.
“O meu voo chega con atraso”. Cando o atraso é de máis de dúas horas, a compañía á que lle mercou o billete ten a obriga de proporcionarlle un refrixerio e a que vostede poida utilizar o teléfono sen custo pola súa parte. Se o atraso supera as 5 horas ou se prolonga ata o día seguinte, deben prestarlle aloxamento nun hotel e devolverlle o importe do billete en caso de que non desexe continuar a viaxe.
Prezos de luxo nos aeroportos y táboas comparativas
Deixar o vehículo durante unha hora no aparcadoiro do aeroporto representa de media algo máis de un euro, mentres que o custo por un día de estacionamento ascende de media aos 11 euros e a semana completa chega ata os 70 euros. Non obstante, cómpre salientar que nos aeródromos de San Sebastián, Vitoria e Zaragoza o aparcamento é gratuíto. Os máis caros: Madrid, Barcelona, Alacante e Málaga, onde estacionar o vehículo custa 1,55 euros a hora, 15,45 euros un día completo e case 100 euros a semana (aínda que o aeroporto de Madrid dispón dun aparcadoiro exclusivo para as longas permanencias que reduce considerablemente o custo).
A, en ocasións, deficiente comunicación por transporte urbano que padecen algúns aeroportos obriga en moitas ocasións a que o usuario utilice os servizos de taxi. O traxecto medio supón desembolsar 22,5 euros. Só na Coruña e en Pamplona custa menos de 10 euros. Pola contra, en Oviedo, Murcia e Tenerife o desprazamento dende o centro da cidade ata o aeródromo representa entre 46 e 60 euros. O prezo, obviamente, vén marcado pola distancia destas urbes respecto ao aeroporto. Pero o prexudicado, á vista está, é o usuario.