Imprescindibles nun ordenador con Windows
Analizáronse no laboratorio e sometéronse a unha proba de uso sete antivirus para ordenador, que protexen sistemas con Windows e que custan dende os 28 euros de Panda antivirus 2007 ata os 65 euros de McAfee PC Protección Plus 2007. Como o seu público non son só os usuarios avanzados, primáronse os que mellor protexen coas súas opcións “por defecto”. Ademais, considerouse “virus” a todo o que teña por fin causarlle danos ao ordenador, sen distinguir entre os diferentes tipos de aplicacións informáticas maliciosas (coñecidos como “malware” e que engloba os “spyware”, vermes, “rootkits”, troianos, “keyloggers”…). Cada unha das aplicacións estudadas debería enfrontarse por si soa á maior cantidade de perigos posible, sen pretender que o usuario coñeza e utilice máis dunha aplicación para defenderse.
A mellor relación calidade-prezo é Panda Antivirus+Firewall 2007, dos máis caros (49,95 euros) pero que é o que mellor protexe ao ordenador dos ataques máis diversos.
Son eficaces?
Para comprobar a súa eficacia probouse cada antivirus (coas súas opcións por defecto) fronte a diferentes ataques: un xogo de virus moi perigosos sen comprimir, outro conxunto de virus ocultos en arquivos comprimidos, copias de virus fragmentados de diferentes tamaños (máis difíciles de detectar) e unha serie de correos electrónicos contaminados.
Os sete detectaron e eliminaron os correos electrónicos con virus. McAfee foi o único que non descubriu o 100% dos arquivos sen comprimir infectados (escapoulle un). Na proba dos arquivos comprimidos fallaron McAfee e Norton, que non leron os de formato comprimido RAR. Destacou positivamente Norton, por ser o único que detectou as copias fragmentadas de virus. No tocante aos “rootkits” (programas que ocultan arquivos ou programas), ningún puido con todos aos que se enfrontaron: os mellores foron Kaspersky e McAfee.
Pero, sen dúbida, a proba máis esixente e útil é a de instalar estas aplicacións nun equipo que xa estea infestado de virus, xa que a maioría de usuarios porá estas aplicacións cando xa sufra o problema e non sobre un sistema inmaculado. Os dous Panda, AVG, Kaspersky e NOD32 puideron instalarse, aínda que a análise posterior que atopa e elimina os virus é manual. Norton e McAfee tiveron problemas para instalarse no equipo contaminado (os virus están preparados para contrarrestar estas aplicacións especificamente). Pero estes problemas solucionáronse seguindo as instrucións e as ferramentas específicas que fixo chegar o soporte técnico.
A rapidez, fundamental
Para comprobar cánto tardan en cumprir co seu labor analizouse na busca de virus un disco duro de 100 Gb, do que só estaba cheo a metade. Os antivirus máis lentos son AVG (58 minutos), Kaspersky (54 minutos) e Norton (50 minutos) e os máis rápidos NOD32 (18 minutos) e os de Panda (os dous 25 minutos). En calquera caso, os sete se poden programar para que se lance a análise a horas nas que o usuario non utilice o equipo.
Realizáronse tamén dúas probas: na primeira, o disco duro contaba con poucos arquivos grandes (20 ficheiros de 1 Gb cada un, en total 20Gb) e, na segunda, contaba con moitos arquivos pequenos (2.000 ficheiros de 1Mb, en total 2Gb). A pesar de que o tamaño total de arquivos na primeira proba foi dez veces máis grande ca na segunda, os antivirus foron moito máis rápidos coa primeira análise, o que demostra que a rapidez depende máis da cantidade de ficheiros ca do seu tamaño: con poucos arquivos pequenos as aplicacións tardan entre 1 e 2 segundos (agás Norton, que necesita 15 segundos), e á inversa entre 1 e 6 minutos (agás McAfee, que utilizou 10 minutos).
A súa función
Os sete antivirus buscan virus nas diferentes unidades de almacenamento (discos duros, CD, DVD…) e nas zonas nas que é máis probable que se agache unha aplicación indesexable (como o rexistro do sistema, a memoria principal ou os sectores de arranque), así como nos arquivos en uso en cada momento, o que se coñece como “en tempo real”. A maior diferenza entre uns antivirus e outros é que AVG e Panda practicamente non os hai que configurar, mentres que programas como Norton, moi completos, son tamén moi complexos de estudar e permiten un abano máis detallado de opcións de configuración, interesantes para un usuario avanzado, pero abafadoras para o neófito.
AVG, McAfee e Panda Antivirus+Firewall 2007 son os únicos con cortalumes ou “firewall”. Este servizo monitoriza a conexión a Internet e advirte de calquera transmisión, pedíndolle ao usuario que a permita ou que a bloquee: así só se aceptan as conexións dos programas coñecidos (navegador de Internet, mensaxería instantánea, correo electrónico…) e descóbrense as conexións ocultas que intentan facer os virus. O uso dos cortalumes é moi recomendable, pero a súa compra en escasas ocasións resulta necesaria: Windows XP incorpora este servizo de serie.
O correo electrónico é unha das vías principais de entrada dos virus. Todos estes programas analizan o correo entrante, pero os dous Panda non analizan os correos que o usuario envía. Ademais, Panda revisa os correos unha vez foron recibidos, mentres que o resto o fai antes de ser descargados (polo tanto, son máis seguros). En canto á protección fronte aos programas espía convencionais (que se instalan no ordenador e rouban información), detectáronos os sete, pero non aconteceu o mesmo cunha nova ameaza: os programas espía que se fan pasar por aplicacións convencionais (os “spyware-troiano”, que ironicamente en numerosas ocasións se fan pasar por ferramentas “antispyware”): os peores foron Kaspersky e NOD32, que non detectaron ningún, mentres que McAfee e Panda antivirus 2007 só puideron coa metade. En calquera caso, todos eles acabaron cos síntomas (como a modificación dos parámetros de navegación por Internet), aínda que non detectasen a súa orixe.
No tocante ao phishing (as páxinas web que simulan ser lexítimas para roubar información, como as que se fan pasar polas dun banco), McAfee e os dous Panda detectan os correos que serven de gancho para dar a coñecer estas webs falsas e contan cun sistema de reputación que avalía as páxinas web e advirte das fraudulentas. Karspersky non detecta os correos, pero si bloquea a páxina ilexítima cando o usuario a quere usar. Kaspersky di ser compatible con Windows Vista, pero os técnicos de CONSUMER EROSKI non foron capaces de completar a súa instalación.
AVG incorpora un filtro antispam (que elimina o correo electrónico non desexado, pero que falla moito: o 53% das mensaxes ou foron consideradas spam sen selo ou pasaron o filtro sen merecelo), Kaspersky e McAfee poden crear copias de recuperación por se o disco duro falla (o que se coñece como “backup”), McAfee dispón, ademais, de ferramentas útiles para a monitorización do sistema. Panda antivirus+Firewall 2007 é o único cun sistema de detección de intrusións para redes sen fíos (Wifi), moi interesante para os que utilicen esa tecnoloxía.
Axuda ao usuario
Os sete actualízanse automaticamente cada menos de 48 horas e responden ás preguntas por correo electrónico ou mediante formularios nas súas páxinas web. CONSUMER EROSKI puxo a proba estes servizos de asistencia realizando consultas sobre o proceso de instalación, o manexo da aplicación ou a detección e eliminación de ameazas: todas se responderon en menos de dous días, mesmo as lanzadas en fin de semana. Fallou nesta proba AVG, porque, malia a súa dilixencia respondendo consultas, estas só se poden realizar en inglés.
Panda, Kaspersky e Norton son os únicos que, amais da documentación en formato electrónico (en PDF), tamén a ofrecen escrita: máis cómodo para o consumidor pero peor dende o punto de vista ambiental. Os sete contan cunha ampla biblioteca online que informa sobre as características e a perigosidade de cada virus.
En mans dos usuarios
Seis mulleres e dez homes (usuarios de ordenador, pero non expertos) probaron estes antivirus. En xeral opinaron que os sete son sinxelos de instalar, de actualizar e de utilizar, pero con matices. En AVG non gustou que durante a instalación preguntase qué programas deben ter acceso a Internet (a maioría descoñéceo, polo que resulta máis eficaz que o pregunte a primeira vez que cada aplicación intente conectarse). A tradución dos textos de McAfee orixinou confusión, e, ademais, este programa non ofrecía información durante a instalación simple. A instalación de Kaspersky non gustou porque non analiza o ordenador de maneira automática ao rematar. No tocantea Norton, os usuarios queixáronse de que ralentizaba o ordenador e instalaba a barra de ferramentas de Yahoo! (innecesaria e que nada ten que ver coa protección). NOD32 é o máis complicado de utilizar, sobre todo ao principio, e as súas mensaxes de alerta, que non son claras abondo, asustan máis que tranquilizan. En canto a Panda, non gustou que a análise se deteña cando se detecta un virus, polo que obriga a estar pendente do equipo durante esta.
En síntese y táboas comparativas
En síntese
- Analizáronse sete programas antivirus (protexen de varias ameazas dixitais, non só dos virus clásicos) que custan dende os 30 euros de Panda antivirus 2007 ata os 65 euros de McAfee PC Protección Plus 2007. AVG e NOD32 non se poden comprar en tenda: só se conseguen descargándoos de Internet.
- Os sete analizan o sistema “en tempo real” (mentres se utiliza) e poden facer concienciudas análises completas. Actualízanse automaticamente e pódense programar para que o usuario poida desentenderse.
- A eficacia no seu labor principal é alta: detectan todos os virus convencionais (salvo McAfee, que só puido co 83%), e McAfee e Norton fallan nos que están comprimidos.
- Os servizos de axuda foron moi dilixentes: todos responderon en menos de 48, pero AVG fíxoo só en inglés.
- Os máis rápidos nunha análise completa son NOD32 e os dous Panda e os máis lentos AVG, Kaspersky e Norton. Un ordenador con antivirus tarda o dobre ca outro sen el en abrir un documento de Word (con Norton cinco veces máis) e o dobre en descargar 200 correos (con AVG o triplo).
- AVG, McAfee e Panda Antivirus+Firewall 2007 teñen cortalumes e Kaspersky, McAfee e os dous Panda detectan as páxinas web falsas para roubar información (“phising”).
- A mellor relación calidade-prezo é Panda Antivirus+Firewall 2007, dos máis caros (49,95 euros), pero dos que mellor protexen o ordenador.
Marca Denomi- nación | Panda Antivirus+Firewall 2007(Nonvo Titanium) |
Panda Antivirus 2007 |
NOD32 Antivirus System |
KASPERSKY Antivirus 6.0 |
---|---|---|---|---|
Prezo (euros) | 49,95 | 27,76 | 45,24 | 41,82 |
Funcións habituais: | ||||
Devasas persoal | Si | Non | Non | Non |
Análise de correo electrónico | Entrante | Entrante | Entrante /Saliente | Entrante /Saliente |
Protección da navegación web | Si | Non | Si | Si |
Protección de mensaxería Instantánea | Si | Si | Non | Non |
Ámbito da aplicación | ||||
Distintos ámbitos en función do nivel de detalle da aplicación | Non | Non | Non | Non |
Axuda ao usuario | Si (español) | Si (español) | Si (español) | Si (español) |
Soporte técnico dende a aplicación | e-mail, web | e-mail, web | web | web |
Outras capacidades | Detección de intrusións WIFI/ Sistema de alerta temperá (PandaLabs) | Sistema de alerta temperá (PandaLabs) | Sistema de alerta temperá (eset.com) | Creación de disco de recuperación |
Eficacia | ||||
Detección de virus non comprimidos | 100% | 100% | 100% | 100% |
Detección de virus comprimidos | 100% | 100% | 100% | 100% |
Detección de virus fragmentados | 0 | 0 | 0 | 0 |
Rootkits 1 | 50% | 50% | 50% | 75% |
Rootkits Instalados 2 | Automático | Automático | Automático | Automático |
Ferramentas adicionais | ||||
Spyware 3 | 100% | 100% | 100% | 100% |
Spyware-troiano 4 | 100% | 50% | 0% | 0% |
Antiphishing 5 | Sí | Sí | Non | Web |
Correo non desexado (spam) | Non | Non | Non | Non |
Análise vulnerabilidades 6 | Sí | Non | Non | Non |
Windows Vista | Con actualización gratuíta dende a páxina do fabricante | Con actualización gratuíta dende a páxina do fabricante | Sí | Non ** |
Usabilidade | ||||
Análise completa do sistema | 25 min | 25 min | 18 min. | 54 min |
Análise manual de ficheiros I / Ficheiros II 7 | 1 seg/1,5 min | 1 seg/1,5 min | 1 seg/1,5 min | 1 seg/5 min |
Tempo de apertura de documento de MS Word | 7 seg | 7 seg | 7 seg | 7 seg |
Tempo de descarga de mensaxes de correo | 2 min | 2 min | 2 min | 3 min |
Marca Denomi- nación | AVG Antivirus Internet Security |
Nonrton Antivirus 2007 |
Mc AfeePC Protección Plus 2007 |
---|---|---|---|
Prezo (euros) | 46,90 | 47,07 | 64,95 |
Funcións habituais: | |||
Devasas persoal | Si | Non | Si |
Análise de correo electrónico | Entrante/Saliente | Entrante /Saliente | Entrante/ Saliente |
Protección da navegación web | Si | Si | Si |
Protección de mensaxería Instantánea | Non | Si | Si |
Ámbito da aplicación | |||
Distintos ámbitos en función do nivel de detalle da aplicación | Reducido /extendido | Non | Básico/ Avanzado |
Axuda ao usuario | Si (Inglés) | Si (español) | Si (español) |
Soporte técnico dende a aplicación | e-mail, web | web | web |
Outras capacidades | Filtroanti-Spam | Rexistro de actividade | Ferramenta de backup Monitorización do sistema |
Eficacia | |||
Detección de virus non comprimidos | 100% | 100% | 83,33% |
Detección de virus comprimidos | 100% | 60% | 83,33% |
Detección de virus fragmentados | 0 | 22% | 0 |
Rootkits 1 | 50% | 50% | 75% |
Rootkits Instalados 2 | Manual | Automático | Non |
Ferramentas adicionais | |||
Spyware 3 | 100% | 100% | 100% |
Spyware-troiano 4 | 100% | 100% | 50% |
Antiphishing 5 | Non | Non | Sí |
Correo non desexado (spam) | Sí, 53% de eficacia | Non | Non |
Análise vulnerabilidades 6 | Non | Sí | Non |
Windows Vista | Sí | Con actualización gratuíta dende a páxina do fabricante | Con actualización gratuíta dende a páxina do fabricante |
Usabilidade | |||
Análise completa do sistema | 58 min | 50 min | 40 min |
Análise manual de ficheiros I / Ficheiros II 7 | 2 seg/6 min | 15 seg/4 min | 1 seg/10 min |
Tempo de apertura de documento de MS Word | 7 seg | 14 seg | 7 seg |
Tempo de descarga de mensaxes de correo | 8 min | 2 min | 2,5 min |
(1) “Rootkits”: Programas que ocultan arquivos ou programas.
(2) “Rootkits instalados”: Programas que ocultan arquivos ou programas xa instalados no ordenador antes do uso do antivirus.
(3) “Spyware”: Programas espía (envía información a outro ordenador a través de Internet sen que o afectado sexa consciente)
(4) “Spyware-troiano”: Programas espía que se fan pasar por aplicacións convencionais
(5) “Antiphishing”: Sistema para neutralizar as páxinas web que simulan ser lexítimas para roubar información, como as que se fan pasar polas dun banco.
(6) Análises de vulnerabilidades: O programa comproba se o sistema non protexe de forma abonda algún dos elementos do equipo.
(7) “Ficheiros I” inclúe 20 ficheiros de 1 xigabyte (20 xigas) e “Ficheiros II” engloba a 2.000 ficheiros de 1 megabyte (2 xigas)
Un por un
Un por un, e aplicacións antivirus
Panda antivirus + Firewall 2007 (Novo Titanium)
/imgs/20070401/img.antivirus.01.jpg 49,95 euros.- A mellor relación calidade-prezo. Non analiza o correo enviado. O único que detecta intrusións wifi. Dos máis rápidos. Protexe das webs falsas (“phising”).
Panda antivirus 2007
/imgs/20070401/img.antivirus.02.jpg 27,76 euros, o máis barato.- O único que non protexe a navegación por webs. Non analiza o correo enviado. Dos máis rápidos. Detectou o 50% dos peores programas espía (“spyware-troiano”). Protexe das webs falsas (“phising”).
NOD32 antivirus System
/imgs/20070401/img.antivirus.03.jpg 45,24 euros.- Dos máis rápidos. Non detectou ningún dos peores programas espía (“spyware-troiano”).
Kaspersky antivirus 6.0
/imgs/20070401/img.antivirus.04.jpg 41,82 euros.- Dos mellores fronte aos programas que se ocultan (“rootkits”). Dos que máis tardan nas análises. Non detectou ningún dos peores programas espía (“spyware-troiano”). Protexe das webs falsas, pero non avisa dos correos que as anuncian. Di ser compatible con Windows Vista pero non o é.
AVG antivirus Internet Security
/imgs/20070401/img.antivirus.05.jpg 46,90 euros.- Non protexe das webs falsas (“phishing”). A axuda e a atención ao cliente só están en inglés. Dos que máis tardan. O único que protexe do spam (a súa eficacia é só dun 53%).
Norton antivirus 2007
/imgs/20070401/img.antivirus.06.jpg 47,07 euros.- Non protexe das webs falsas (“phishing”). O que detecta menos virus en arquivos comprimidos. O único que descobre virus fragmentados, pero con pouca eficacia (22%). Dos que máis tardan en analizar o sistema e en abrir un documento Word.
McAfee PC Protección Plus 2007
/imgs/20070401/img.antivirus.07.jpg 64,95 euros, o máis caro.- O único que non detectou todos os virus convencionais (moi perigosos). Dos mellores fronte aos programas que se ocultan (“rootkits”). O que menos virus en arquivos comprimidos detecta. Dos máis lentos. Detectou o 50% dos peores programas espía (“spyware-troiano”). Protexe das webs falsas (“phishing”).