EN IMAXES |

"Cóntame" como se roda

1 Abril de 2007
Img fotorreportajep

"Cóntame" como se roda

As series son a grande aposta das canles de televisión. Crear un mundo de ficción: producilo, gravalo, interpretalo e editalo implica o traballo cotián dun equipo composto por máis de cen profesionais. Cada día tense que cumprir a orde de gravación, que representa arredor de oito páxinas do guión (algo menos de dez minutos dun capítulo). O obxectivo de cada xornada de traballo é lograr que en 10 días se teña preparado un capítulo de 80 minutos. “Cuéntame”, unha das series de maior éxito en España -oito tempadas e 139 capítulos así o testemuñan-, é unha boa mostra do esforzo que hai diante, e detrás, das cámaras.

8.00 da mañá. Unha nave no Polígono de Pinto

Nun anódino polígono industrial da localidade madrileña de Pinto, ocúltase a cidade na que vive a televisiva familia Alcántara. As fachadas non son de cartón pedra, senón de ladrillo, pero son só iso, fachadas cun revés oco. Os interiores -cuartos, o bar, a parroquia…- están recollidos nun edificio estremeiro, este si real.

10.00 A mesa italiana

Acabada a sesión de peiteado e maquillaxe, o director do capítulo en rodaxe, o script (asesor de interpretación) e os actores e actrices que interveñen na secuencia que se vai rodar xúntanse arredor da chamada “mesa italiana”. Alí esmiúzan o texto, discuten o papel e en ocasións matizan partes do guión.

11.00 Primeira toma. Gravando

Dende hai tres horas, o equipo técnico está a preparar a escena. A iluminación é un aspecto tan importante como o atrezzo e o vestiario, xa que as tonalidades predominantes, o verde, o sepia e o carmesí, moi pouco frecuentes nas imaxes actuais, son un dos sinais de identidade da serie.

12.00 O director entra en escena

O habitual é que cada secuencia definitiva precise de ducias de repeticións. O son, a luz, a interpretación… un avión que cruza o ceo, un figurante que non está no seu sitio, o coche que non arranca…, de aí que, ao cabo dunha xornada de dez horas, e ás veces máis, só se chegue a obter uns dez minutos netos para poder montalos. O director segue a rodaxe dende unha sala próxima. Escóitaa e visiónaa en pantalla. Cando cómpre, sae ao lugar de gravación a darlles instrucións aos actores e actrices, a cámaras e luces. Co equipo de montaxe e son está en constante contacto a través de auriculares.

13.00 O cansazo tamén aparece

Se se roda en exteriores, as condicións atmosféricas condicionan ata tal punto o traballo que as previsións meteorolóxicas teñen moito que dicir no plan do día. Pode que os plans cambien, que se atrasen as secuencias ou que se altere a orde. Sucédense momentos de descanso, como o que reflicte a foto, no que se apoian os uns aos outros. Ao final dunha xornada son moitas horas interpretando un papel.

15.00 Dáse por boa a toma

As escenas non se gravan na mesma orde en que se emiten no capítulo. A orde definitiva realízase na mesa de montaxe. Non obstante, a secuencia debe estar completa para ser válida. Cando todo é perfecto: a luz, o son, a interpretación, os efectos especiais, o ritmo e o ton dáse a toma por boa.

17.00 horas Os equipos de son e imaxe preparan os máster

As cámaras e os micrófonos gravan e simultaneamente envían a imaxe e o son a dous pequenos estudos situados no baixo do edificio principal de oficinas, a uns 200 metros de onde transcorre a acción. Cando o criterio do director-xefe de capítulo, o do director de fotografía, o dos técnicos de imaxe e o de son coinciden en aprobar a secuencia, realízanse as copias de emisión. Moitas veces envíanse varias secuencias correctas. Entrégase a edición un máster, un dvd e dúas cintas betas. Despois comeza o labor propio da montaxe: construír o crebacabezas coas mellores pezas de cada unha das tomas. Nunha primeira fase móntanse as imaxes de documentación e os efectos especiais. O seguinte é introducir a música, as locucións de radio e as voces en off. O resultado debe ser aprobado polo director e o produtor executivo. Unha vez rematado o proceso, prepárase o máster etalonado, é dicir, o episodio tal e como se vai ver na televisión.

20.00 horas. Última secuencia do día. “Listo”

A secuencia que pecha un dos capítulos ródase cando xa non hai luz natural que impida que a neve artificial alcance o suficiente volume para que sexa captado polas cámaras. En silencio, o equipo agarda expectante a que, tras o bico final, cheguen as palabras definitivas do director: “listo”. E ata mañá.