O coidado do enfermo terminal
Por este motivo, cada vez é máis frecuente ter no seo familiar unha persoa cunha enfermidade progresiva, avanzada, que xa non é curable e que precisa dunhas axudas e coidados especiais co obxectivo de procurarlle o maior benestar e calidade de vida posibles. O coidado dun enfermo terminal non é unha tarefa doada. A fase final da existencia é unha etapa moi vulnerable na que, sendo máis ou menos consciente da súa situación, quen a vive séntese illado física e emocionalmente. A progresiva deterioración prodúcelle cambios na súa identidade social, nas súas habilidades físicas, autonomía e referencias habituais, e todo iso xéralle desasosego, desesperanza, perda da autoestima e do sentido da existencia. A atención a estes pacientes, xa que logo, convértese nun labor moi delicado.
Aspectos importantes
/imgs/20070401/img.salud.03.jpg Información veraz sobre a súa enfermidade. En moitos casos, unha correcta información pode ser non só axeitada e conveniente, senón necesaria. Pero non todos reaccionan igual. De feito, en moitas ocasións o profesional da saúde tampouco ten a total seguridade de que, cando lle preguntan, realmente desexan coñecer a verdade. Facelo de maneira gradual, sinxela e, sobre todo, con moito tacto, será máis soportable para os enfermos. Segundo enquisas realizadas sobre o que se considera unha “boa morte”, a maioría vincúlao coa ausencia de síntomas molestos, apracible, de modo súbito e durante o sono. Pero estas circunstancias non se dan sempre. É máis habitual a que sobrevén despois dun proceso máis ou menos longo, con dores e molestias. Os especialistas en coidados paliativos opinan que a morte en paz dáse cando os enfermos coñecen a verdade, a asumen, teñen un control sintomático axeitado, apoio familiar e unha persoa de confianza ao seu carón.- A compañía é fundamental. A atención, escoita e diálogo axuda ao control da dor, da ansiedade e da depresión. A empatía, que consiste en poñerse no lugar do que sofre e identificarse con el, coas súas emocións e sentimentos, é a base dun bo coidado ao paciente terminal. Cando o enfermo ten problemas para falar hai que recorrer a un dos modos máis básicos de comunicación, que non o máis doado: o contacto físico. O tacto é un dos primeiros sentidos que desenvolvemos así que nacemos e un dos últimos que se perden. Suxeitar a súa man, tocar o seu ombro, acariciar a cara, secarlle a fronte ou colocalo ben na cama calma o temor e a ansiedade e dá seguridade.
- Hixiene corporal e coidado da pel. Unha boa hixiene corporal, o coidado da aparencia externa, un bo aseo, non son só coidados básicos senón que contribúen a aumentar a autoestima e o equilibrio emocional. E son especialmente importantes cando o enfermo ten dificultades para controlar os seus esfínteres. Son moitos os coidadores que inicialmente experimentan un rexeitamento, ben sexa por pudor, ben por sensación de repugnancia ou noxo, pero esta resposta inicial hai que superala para que o enfermo non a detecte e aumente o seu sufrimento. Os coidados físicos débense realizar con delicadeza, coidado e respecto. Se a mobilidade se mantén minimamente é recomendable axudalos a ducharse, algo que, ademais, proporciona unha sensación relaxante. Despois hai que secar meticulosamente a pel, evitando a fricción e aplicar unha solución hidratante ata a súa absorción, pero evitando a masaxe vigorosa nas zonas máis susceptibles de erosións debidas ao rozamento e ao apoio. Estas zonas, sobre todo talóns, rexión sacra, nádegas e cadeira, cóbados, e mesmo a zona occipital, son moi sensibles e a presión exercida polo apoio ou a fricción, incluídas as dobras na roupa de cama, poden causar a aparición de úlceras. Hai que evitar a humidade na pel mediante dispositivos de incontinencia ou produtos que creen unha barreira protectora, xa que maceran a pel facilitando o desenvolvemento de úlceras. En todo este proceso hai que aproveitar para mobilizar, sen forzar, as articulacións.
- Alimentación axeitada. Unha regra de ouro para un paciente neste estado é «que coma pouco e a miúdo, o que lle guste e cando lle apeteza». Non hai que forzalos coa idea de que vai mellorar o seu estado. Por iso hai que respectar as orientacións do propio paciente sobre o que lle apetece ou non. Por regra xeral é máis axeitado distribuír a comida en varias tomas, cinco ou seis ao día, e en pequenas porcións. Hai que reforzar o contido proteico da dieta e manter unha boa hidratación. A creación durante a comida dun ambiente harmonioso e agradable é fundamental.
- Alivio da dor. O control da dor, a súa eliminación, é un dereito básico de todo enfermo, e nun paciente terminal é esencial para conseguir unha morte tranquila. Cóntase coa analxesia graduada, a «Escaleira Analxésica da Organización Mundial da Saúde», que o médico lle irá aplicando progresivamente. A dor é máis temida ca a propia morte, segundo datos dispoñibles.
- Coidar ao coidador. Coidar un paciente terminal é unha actividade dura, estresante e frustrante, física e mais psicoloxicamente. É importante que aqueles que vaian coidar este tipo de pacientes reciban unha formación básica da tarefa que van desenvolver. O coidador informal necesita, amais de desenvolver unha serie de valores e habilidades, moito apoio para aturar a carga emocional que supón ter o coidado dunha persoa con estas características e non claudicar. Estar en contacto dende o comezo do proceso con algunha das asociacións de coidados paliativos pode ser dunha grande axuda.
Non hai que esquecer nunca que un enfermo terminal ten dereito a controlar o seu propio proceso a través de dous instrumentos:
/imgs/20070401/img.salud.04.jpg O “Testamento Vital”, que lle permite ao paciente ter control sobre o seu proceso final en caso de enfermidade grave e que regula o establecemento, mantemento ou retirada de medidas de soporte vital.- “Os poderes legais permanentes” para que os seus representantes poidan tomar decisións referentes ao seu tratamento médico no caso dunha incapacidade mental futura.
Estes dous instrumentos legais son aínda moi pouco coñecidos pola poboación, pero son de vital importancia para a etapa final da vida.