Páxinas en branco cun destinatario global
Entre o exhibicionismo e o discurso público
Un blog ou bitácora é o máis parecido a unha páxina en branco en formato dixital. Trátase de páxinas web moi sinxelas de crear e de manter que serven para publicar textos, imaxes ou vídeos periodicamente. Nestas páxinas web amósanse os contidos en orde cronolóxica inversa: os últimos textos aparecen en primeiro lugar. Así, os lectores asiduos poden seguir os seus autores preferidos con comodidade.
Os adolescentes plasman os seus sentimentos nas páxinas en branco dos seus diarios e os adultos manteñen correspondencia por carta, por correo electrónico… Pero, a diferenza da correspondencia escrita a tinta, ou dos diarios íntimos gardados en cadernos, o destinatario destes novos escritos dixitais pasou de ser unha soa persoa (ou unhas poucas) a converterse na comunidade global. O blog é un punto intermedio entre o exhibicionismo e o discurso público, xa que é un individuo o que lles fala a todos os demais e o que lles conta a súa vida ou os seus pensamentos. E o lector é libre de entrar nesa páxina web concreta ou de marchar a outra.
Dependencia de quen o crea e dos que o len
Non obstante, e a pesar de ser un fenómeno que se desenvolve nun ámbito sumamente mecanizado, un blog depende por enteiro do esforzo humano, da vontade de escribir nel permanentemente; de amosar vídeos ou imaxes dixitais captadas cunha cámara. O blog é un organismo vivo que se alimenta da comunidade; depende tanto de quen o crea e actualiza como dos que o len ou miran, e que se fan á vez eco da súa existencia nos seus respectivos blogs. O blog nace nunha soa persoa, pero o seu obxectivo é transcender a toda unha comunidade.
Explicada a esencia dos blogs, talvez sexa máis doado entender a razón pola que se prevé que para mediados de 2007 os blogs alcancen o seu máximo e logo comecen a decaer: simplemente cando pase a moda a metade dos “bloggers” (escritores de blogs) deixarán de escribir, polo que as súas “creacións” se perderán na inmensidade da “blogosfera” (a comunidade de todos os blogs). Iso si, a outra metade continuará adiante.
O usuario é o protagonista
Entre os internautas que non se desaniman estase a crear unha verdadeira sociedade dixital na que os usuarios non dependen exclusivamente dos xornais, as revistas ou as editoriais para informarse, entreterse ou gozar de boa literatura. Na “blogosfera” non hai directores de xornal que digan que nova vale máis ca outra nin críticos literarios que sinalen o novo xenio.
No mundo dos blogs, é a comunidade de “bloggers” e lectores (centos de millóns de persoas) os que ao tempo, e case sen pretendelo, enxalzan un determinado blog porque contén as noticias máis interesantes, os mellores poemas, as fotografías dixitais máis fermosas, as reflexións máis atinadas ou os comentarios máis enxeñosos. Isto é así ata tal punto que no 2006 a revista Time designou como protagonista do ano (o rostro que ocupa a súa portada de decembro) a… todos os usuarios de Internet!
Para os autores: sinxelo e económico
Plataformas como “Blogger” (www.blogger.com) poñen ao alcance de calquera persoa con ganas de sacar adiante o seu blog os equipos e os programas para escribir e publicar en Internet de xeito completamente gratuíto. Non son máis difíciles de usar ca o correo electrónico.
Con este sistema o usuario adquire unha dirección de Internet na que estará o seu blog. Esta dirección é do tipo “www.usuario.blogspot.com” (aínda que agora “Blogger” ofrece tamén direccións personalizadas se o usuario paga o dominio, uns 9 euros ao ano). Isto quere dicir que abonda con que os outros usuarios tecleen este enderezo no seu navegador para acceder ás páxinas do usuario, a non ser que este indique expresamente que son privadas. E para escribir unha nova entrada en blog? O proceso é tan sinxelo como enviar un email.
Co tempo, e se o entusiasmo non se perdeu, pódese acceder a plataformas máis complexas de edición de blogs, como WorldPress ou MovableType, que teñen moitas máis posibilidades creativas ca “Blogger”, pero que requiren dun servidor propio e de coñecementos bastante máis avanzados.
É tal a cantidade de blogs que hai en Internet e son tantos os milleiros que se crean cada día, os que se deixan de actualizar ou os que sinxelamente conteñen ben pouca información, que o recomendable é utilizar os buscadores de blogs, de grande importancia para os lectores (novatos ou avezados) e tamén para os propios creadores de blogs (os “bloggers”), xa que adoitan incluír medicións de popularidade que alimentan o combustible que move a maioría destas webs: o ego dos seus autores.
O primeiro buscador especializado foi Technorati, que se basea nas etiquetas que lles poñen os bloggers aos comentarios que escriben (“tags”) para ordenar a “blogosfera”. Despois Google contraatacou con Google Blog Search, que ofrece información máis “fresca” (actualizada) ca a versión convencional do buscador. En calquera caso, en moitas ocasións todo se resume en atopar un bo punto de partida: os blogs adoitan recomendar nunha columna na súa parte esquerda ou dereita a outros blogs. Se damos cun blog que nos apaixone, poderemos ir saltando de blog en blog para tecer unha rede de novos medios que acabaremos por consultar acotío.