Xordeiras

Un serio problema que non sempre se afronta

As xordeiras alteran as relacións afectivas, sociais e dificultan a participación e integración social dos afectados
1 Marzo de 2003
Img salud listado 247

Un serio problema que non sempre se afronta

O órgano da audición e o sentido a el ligado proporciónanlle ó ser humano un dos medios máis importantes de comunicación persoal, social e cultural. Por iso as afeccións que alteran o seu normal funcionamento e producen un grao severo de xordeira trastornan de maneira intensa as relacións afectivas, sociais e dificultan a participación e integración social dos afectados. Trátase dun xeito de marxinación pouco valorado. Os efectos da xordeira non son moitas veces contemplados polos fabricantes de teléfonos, timbres, espertadores e outros aparellos que utilizan sinais sonoros, polo xeral con tons agudos que, precisamente, as persoas con problemas de xordeira non poden oír ben.

Xordeira infantil

A xordeira no neno ten unha relevancia especial, pois se é moi precoz pode dar lugar á xordomudez. As causas polas que un neno pode nacer xordo son moitas. Amais de factores hereditarios, o embarazo é unha fase delicada: se a futura nai inxire medicamentos ototóxicos ou contrae enfermidades como rubéola, toxoplasmose ou gripe, o neno pode sufrir xordeira. No parto, o sufrimento fetal ou a prematuridade son factores de risco, tamén os nacementos difíciles e prolongados predispoñen o neno. E despois do nacemento, patoloxías como otite, papeiras, sarampelo ou meninxite poden dana-lo oído, sen esquecérmo-los medicamentos ototóxicos.

O diagnóstico precoz da xordeira infantil é fundamental para unha boa rehabilitación. Hai signos que nos deben facer sospeitar: que o bebé sexa demasiado tranquilo, que non se altere ante ruídos inesperados, que non se calme escoitando a voz dos seus proxenitores nin sorría ó oílos, que non vire a cabeza cando lle falan nin busque coa ollada a quen lle fala, que non emita sons guturais para chama-la atención… Ante a máis mínima sospeita de xordeira convén acudir ó especialista, pois de confirmarse o diagnóstico, os nenos xordos requiren unha educación especial que debe comezar canto antes.

Tipos de xordeiras

As causas das xordeiras poden ser múltiples, pero segundo afecten a unha ou outra estructura do oído pódense clasificar en dous grandes grupos:

  • Xordeiras de transmisión ou conductivas: a parte afectada é o oído externo e/ou o medio, co que a onda sonora non se transmite ata o oído interno. Calquera corpo que obstrúa o conducto auditivo impide a transmisión das ondas: tapóns de cerume, obxectos estraños, crecemento óseo anormal… Tamén a afección do tímpano e do oído medio coa súa cadea de ósiños ten o mesmo efecto: infeccións do oído (otite), otosclerose, perforacións e roturas timpánicas impiden que estas estructuras vibren normalmente e transmitan dita vibración. Nas xordeiras de transmisión os sons graves son os máis afectados. A corrección pasa pola solución do problema que causa a xordeira, e en ocasións, é precisa a cirurxía (timpanoplastia, miringotomía, estapedectomía…).
  • Xordeiras de percepción ou neurosensoriais: prodúcense pola afectación da cóclea ou das estructuras nerviosas (nervio auditivo e zona do cerebro). A cóclea ou caracol é o órgano fundamental do oído, situado no oído interno, e con forma de canle envolta espiralmente. Contén o órgano de Corti, onde se transforman as vibracións en impulsos nerviosos que, a través do nervio auditivo, chegan ó cerebro para seren identificados. Procesos infecciosos, inflamatorios, tóxicos ou dexenerativos poden afectar estas delicadas estructuras. Nas xordeiras de percepción ou neurosensoriais os sons agudos, como o de timbres ou teléfonos, son os que menos se oen, pero a miúdo tampouco se entende ben o que se oíu. Polo xeral son irreversibles e obrigan á utilización de próteses que amplifican os sons. O ruído e os procesos dexenerativos son responsables da maior parte das xordeiras de percepción.

Audiometrías

A capacidade de oír pódese medir e para iso hai diversos tipos de probas, aínda que a audiometría é a máis básica. Realízase nunha cámara insonorizada, na que se emiten, a través do audiómetro, uns sons dunha frecuencia e dunha intensidade determinadas que o paciente vai identificando. Así obsérvase qué sons se perciben e cáles non. Pero, ademais, as ondas sonoras transmítense tamén por vía ósea -polos ósos do cranio-, polo que ó realiza-la audiometría aérea tamén se fai normalmente a ósea. Este tipo de audiometría de sons pódese completar coa audiometría vocal: fánselle chegar ó paciente frases, palabras, con maior ou menor intensidade, de xeito máis ou menos rápido, o que subministra moi importante información non só sobre a capacidade auditiva, senón tamén sobre a capacidade de discriminación dos sons. Hai persoas afectadas de xordeiras moderadas de percepción que oen pero non discriminan os sons, é dicir, oen pero non entenden ben o que escoitan.

A realización dunha audiometría require a colaboración do paciente, polo que en determinadas circunstancias, como con nenos de curta idade ou con simuladores que pretenden unha indemnización, se recorre a outra técnica: a impedanciometría. Esta proba valora a reacción da cadea de ósiños do oído medio e tímpano cando o oído percibe un son, pois esa reacción é allea á vontade.

Próteses auditivas

A presbiacusia ou perda da audición por avellentamento afecta aproximadamente ó 20% da poboación maior de 65 anos. Curiosamente as persoas duras de oído adáptanse mellor á falta de audición ca á perda de visión. Cando alguén non ve ben acude ó oculista e pon gafas, pero non ocorre o mesmo coa audición. Unha enquisa realizada entre a terceira idade puña de manifesto que un 6,2% dispuña de prótese auditiva pero a metade non a usaban. A incomodidade dalgunhas próteses, o seu elevado custo, a súa, polo de agora, imperfección tecnolóxica, e os escasos resultados que a miúdo perciben os usuarios fan que a súa utilización sexa aínda escasa. É moi importante efectuar probas para comproba-la melloría co seu uso, xa que non tódalas xordeiras responden por igual, e moi importante, a capacidade discriminativa, a intelixibilidade dos sons, é en moitos casos pouco susceptible de mellora. O emprego de próteses farase sempre despois dun bo estudio da xordeira polo especialista e de efectua-las probas pertinentes para comproba-la mellora.

Implantes cocleares

Desde hai uns anos estanse realizando implantes cocleares para as xordeiras neurosensoriais profundas. O implante coclear é un transductor que transforma os sinais acústicos en sinais eléctricos que estimulan o nervio auditivo. Trátase dun pequeno dispositivo que mediante unha intervención cirúrxica se inserta no oído. É unha operación custosa e non exenta de riscos que non se aconsella para tódalas persoas con problemas de xordeira, pois non todas se benefician dela. Pero as que si o fan alcanzan uns niveis moi bos de audición e intelixibilidade dos sons.