O restrelo planetario
A Rede é, entre outras moitas cousas, un enorme restrelo virtual. Do mesmo xeito que permite que persoas de todo o mundo se comuniquen, serve para axuntar nun mesmo lugar a vendedores e compradores que están en calquera recuncho do planeta.
Os sitios web de poxas ofrecen a posibilidade de acceder a unha case infinita variedade de productos, que van desde os clásicos libros e discos de segunda man, a licores, xoias, coches, antigüidades, entradas de espectáculos ou billetes de avión. O usuario pode pórse en contacto con internautas de todo o mundo cos que comparte afeccións e gustos, e adquirir a bo prezo artigos que non soñara localizar. Tamén pode tirarlle o po ós obxectos do faiado e facer uns cartos vendendo o que doutro xeito estaba destinado ó esquecemento ou ó lixo.
Non se pode falar de poxas virtuais sen mencionar a eBay. Desde o seu nacemento, en setembro do 1995, e malia á crecente competencia, non fixo outra cousa ca medrar, devora-la competencia e estenderse por unha vintena de países. Dise que non existe nada que non se poida mercar en eBay, algo que deixa de ser unha esaxeración ó botarlle unha ollada ós máis de 12 millóns de artigos que se atopan entre as 18.000 categorías do rei das poxas.
O ano pasado, os usuarios de eBay intercambiaron artigos por valor de 14.870 millóns de dólares, o que dá boa conta da importancia desta ‘feira’. E é que xa non se trata dun grupo de usuarios particulares pasando o tempo mercando e vendendo: as empresas colocan os seus excedentes ou venden os restos dunha quebra, as tendas colocan os seus escaparates nas poxas e ducias de milleiros de persoas viven exclusivamente de facer negocio nos rastros virtuais.
Os sitios de poxas funcionan como intermediarios virtuais entre compradores e vendedores, poñendo ó seu alcance unha serie de ferramentas para facilita-las transaccións. Tanto o que ofrece o artigo que se vende coma o que poxa teñen que se rexistrar previamente, requisito que polo xeral é gratuíto.
As regras de participación nunha poxa virtual difiren en cada sitio, polo que é moi recomendable le-la letra pequena, sobre todo no tocante á seguridade e privacidade dos datos, así como ás tarifas e comisións de tódolos servicios dispoñibles (tarifas por publicación de anuncio, por ‘salientados’, pola opción ‘mércao xa’, por fixación de prezo mínimo, etc.). Así e todo, o funcionamento básico é moi semellante.
O vendedor coloca o artigo -ou artigos en ‘poxa holandesa’ se dispón de varios iguais- dentro dalgunha categoría, incluíndo toda a información que coide oportuna (especificacións do producto, fotografías, etc.), así como o tempo límite da poxa, o modo de pagamento, gastos de envío e os países a onde alcanza a entrega. Tamén fixa o prezo inicial e ten a posibilidade de incluír un ‘prezo de reserva’ oculto, por baixo do cal non estará obrigado a acepta-la oferta. O prezo inicial baixo é un gancho para os compradores, pero está moi mal visto que este sexa moi inferior ó prezo de reserva.
Os compradores acceden ó producto nas listaxes de categorías ou realizando buscas por artigos, prezos, etc. Cando atopan o que precisan, realízase unha poxa a partir do prezo inicial, que se irá incrementando segundo unha cantidade especificada. O normal é que o comprador poida facer un seguimento de cómo marchan as poxas dos artigos do seu interese e recibir alertas por correo electrónico para saber se a súa poxa foi superada ou se se achega o remate da poxa. Tamén se pode emprega-lo sistema de ‘poxa automática’, especificando unha cantidade máxima, para non ter que estar sempre pendente do desenvolvemento da poxa.
Cando se cumpre a data e hora tope, o poxador que ofrecera a cantidade máis alta leva o producto. O sitio de poxas comunicaralles ó vendedor e ó comprador o resultado, e estes deberán pórse en contacto para concretaren as condicións da entrega (o habitual é que o comprador corra cos gastos de envío). O intermediario cóbralle ó vendedor unha comisión, que anda arredor do 5%, sobre o prezo final de venda. Así que se pecha a poxa, o sitio web non se responsabiliza máis do asunto…
Sempre se di que Internet é un reflexo do mundo real. E as poxas non son unha excepción. Ó igual que hai que ir cos ollos ben abertos cando un entra nun mercado á caza da ganga, cómpre andar con moito tino nas poxas dixitais.
Varias sentencias xudiciais liberaron os sitios de web de responsabilidade sobre as transaccións realizadas nas súas páxinas. O responsable da web non pode garanti-la solvencia do comprador, nin sequera que teña a intención de pagar. Tampouco pode certifica-la autenticidade dos artigos, se estes cumpren coas características que a súa descrición promete ou se o vendedor respectará as condicións de entrega.
De feito, as poxas online sempre se sitúan como a principal fonte de fraude en Internet, acaparando entre a metade e máis do 80% das denuncias segundo distintos estudios. As queixas abarcan desde a venda de gato por lebre ou os artigos nunca entregados ou pagados, ata as demandas contra sitios de poxas que desaparecen sen previo aviso.
Pero non se pode dicir que o usuario estea completamente desprotexido. Tanto os sitios de poxas coma os participantes crearon ferramentas para detectaren e erradicaren a fraude. Os primeiros rastrexan os lotes con complexos sistemas que localizan as ofertas (polo artigo ou polo vendedor) sospeitosas, e os usuarios cualifican os vendedores para que o poxador se faga unha idea de con quen vai facer negocios.
Amais da simple fraude, as poxas virtuais son un lugar proclive á picaresca, onde abundan os trucos non sempre honestos. Os licitantes avezados, por exemplo, lanzan a súa última oferta segundos antes de se pecha-la poxa, co que non deixan capacidade de resposta. Tampouco é raro, como acontece cos trileiros na rúa, que exista un socio que vaia animando a poxa, papel que pode xoga-lo propio vendedor rexistrado con outro nome.
Por riba de tódolos consellos e precaucións, sempre hai que ter en conta a regra de ouro: ninguén dá pesos a pesetas. As poxas poden chegar a se converter nun vicio que crea auténtica adicción, onde acaba sendo máis importante gañar ca adquirir un artigo verdadeiramente útil. Pero non se pode perder de vista que nas poxas quen gaña, paga.
Nas poxas de Internet, o usuario ten acceso a unha cantidade de artigos que endexamais soñaría nun mercado real. Pero ten que se conformar con esa variedade e con consegui-lo obxecto de desexo un pouco por baixo do prezo de mercado. Ninguén regala nada.
Para obte-lo máximo partido dunha poxa virtual e evita-la fraude existen unhas cantas directrices básicas.
-
O rei da poxa
www.ebay.es
eBay cumpriu un ano en España. A súa oferta aínda está lonxe da da súa matriz estadounidense, pero entre as súas 12.000 categorías é difícil non atopa-lo que se busca. -
Máis vale previr
www.ftc.gov
O sitio web da Comisión Federal de Comercio estadounidense ofrece, en español, unha guía para compradores e vendedores. -
Só viño
www.winebid.com
Hai moitos sitios de poxas especializados nun só tipo de artigos. Os amantes dos bos caldos atoparán aquí un paraíso. -
Para elixir
www.subastas.com
En español a oferta de lotes aínda é bastante pobre. Pero sitios de poxas, habelos, hainos: velaquí un directorio cunha selección de 50. -
Segredos das poxas online
www.alysta.com
Consellos e trucos para vendedores e compradores, comparativas entre os dous sitios de poxas máis importantes (eBay e Yahoo!) e listaxe de sitios de poxas. -
Google das poxas
www.auctionyoke.com
Pregunte por un artigo que se venda nunha poxa e este motor de busca localizarallo en Amazon.com Auctions, BidVille, Bidz.com, CNET Auctions, eBay, uBid, Yahoo! Auctions.
- Coñece-lo sitio web e comprender ben o funcionamento das poxas. Sabe-los dereitos e obrigas que se adquiren ó poxar. Pescudar cómo protexe a compañía das fraudes e considerar asegura-la transacción e o envío. Le-la política de privacidade.
- Identifica-lo vendedor. Comproba-la valoración dos usuarios, a súa ‘reputación’ nas poxas. Obter toda a información posible sobre o vendedor e contactar directamente con el para preguntar sobre a mercadoría.
- Coñece-lo artigo sobre o que se poxa: o seu valor no mercado, se é legal a súa venda, así como tódalas condicións da venda, incluíndo os lugares de envío, quén se fai cargo dos gastos e a política de devolución.
- Establece-lo prezo máximo que se está disposto a pagar por un producto e non superalo. Se non se ten claro se o artigo paga a pena, ou se a descrición non está moi clara, non está de máis investigar un chisco antes de ofrecer diñeiro.
- Non poxar por varios artigos á vez, xa que haberá que pagar por tódolos que se gañen.
- Avalia-las opcións de pagamento. Utilizar tarxeta de crédito sempre que se poida porque ofrece a mellor protección en caso de problemas.
- Anota-la información relativa ó anuncio (correo electrónico e identificación do vendedor, número e descrición do artigo) e imprimir unha copia das transaccións.
- Informa-lo sitio web se existen sospeitas de fraude.
- Coñece-lo sitio web e o mecanismo de venda, así como os dereitos e responsabilidades legais do vendedor. Comprobar de qué artigos está prohibida a venda.
- Proporcionar toda a información posible sobre o artigo (nome, modelo, fabricante, ano, cor, etc.) e as condicións de venda (gastos de envío e quén se fai cargo, xeitos de pagamento aceptados, política de devolución e os seus gastos, etc.).
- Contestar tódalas preguntas do comprador tan axiña como sexa posible, ofrecendo tódolos detalles que requira.
- Contactar axiña co gañador así que se peche a poxa para confirma-lo prezo final e as condicións de entrega.
- Envia-la mercadoría así que se reciba o pagamento e asegurarse de que se entregan os artigos no tempo acordado.