Luz e auga, principais necesidades
Coa chegada da primavera, as plantas de casas, terrazas e xardíns rexorden e recobran todo o seu esplendor, pero para que luzan sas e fermosas precisan uns coidados básicos. Tanto o lugar no que as situamos na casa coma os nosos hábitos ó regalas ou botarlles fertilizante inflúen decisivamente no seu estado xeral, ata tal punto que pequenos detalles -como unha corrente fría de aire ou a falta de luz durante boa parte do día- poden botar por terra tódolos nosos esforzos por acadarmos que as nosas plantas conserven un bo aspecto.
Rega, na súa xusta medida
- Se non lle é posible recoller auga de chuvia para regar, deixe repousa-la auga da billa durante toda a noite para que o cloro se evapore e o cal se deposite no fondo. Cando regue, non aproveite ata a última pinga para evitar que caia o cal.
- Regue as súas plantas cunha mestura de auga con té. Verá como recobran toda a súa vitalidade.
- Evite zarrapicar de auga as follas e flores que estean á luz do sol, sobre todo nas horas de máis calor, xa que as pingas actúan como lentes, queimando e danando seriamente a floración.
- Se vai marchar de viaxe e vai permanecer varios días fóra da súa vivenda, asegure que ás súas plantas non lles falte auga situando un caldeiro nun nivel superior e agrupándoas embaixo. De seguido, introduza uns cordóns grosos na auga, e afunda os seus extremos na terra das macetas; a auga chegará ata elas por capilaridade.
- Evite regar en horas de máxima insolación, xa que pode provocarlle nerviosismo á planta, polos cambios bruscos de temperatura. As plantas aproveitan mellor a auga á primeira ou á última hora do día, cando a evaporación é menor e a auga chega case ata as raíces. Sen embargo, como aínda hai risco de xeadas nocturnas, regue as plantas de exterior pola mañá para darlle tempo á planta a absorbe-la auga. Evitará que esta se conxele, danando as raíces.
- As plantas grandes en testos pequenos precisan máis auga cás mesmas en recipientes grandes. Pola contra, os exemplares pequenos en grandes macetas precisan menos auga cás mesmas en testos pequenos.
- Evite o costume de pór pratos con auga debaixo das macetas. Só conseguirá enchoupa-la terra e apodrenta-las raíces das súas plantas.
- Se a terra da maceta das súas plantas de interior está moi seca, afróuxea cun garfo e somérxaa nun barreño con auga ou no vertedoiro. A inmersión debe durar ata que se deixen de formar burbullas. Escorra a auga sobrante e pulverice as follas.
- Se regou en exceso unha planta, sáquea con coidado do testo e envólvaa en varias capas de papel de cociña absorbente. Déixeo todo así durante 24 horas. Se se empapa o papel, póñalle outros novos. Despois volva mete-la planta na maceta e non a regue durante varios días.
Nutrición, alimentalas ben
- Antes de utiliza-lo fertilizante, lea de vagariño a etiqueta do producto, e respecte escrupulosamente as indicacións e doses do fabricante.
- Empregue de xeito racional os fertilizantes para evitar carencias ou excesos, sobre todo de nitróxeno (con pouco non se desenvolve a planta, con moito medra de xeito desmesurado e é máis proclive ás pragas).
- Cando faga té, non guinde as follas que quedaran no fondo da teteira, bótellas á terra das plantas. Outro remedio “caseiro” é regalas coa auga sobrante da cocción das verduras; a súa gran concentración de sales minerais resulta moi beneficiosa para elas.
- Nunca bote fertilizante durante o período de repouso das plantas, despois de plantar, transplantar ou cambiar de maceta, ata que non transcorran uns 15 días, ou se a planta está enferma. Estas tres regras exclúen os fertilizantes orgánicos e de lenta liberación.
Luz e temperatura, con moderación
- A luz é fundamental para a vida das plantas. Coloque as macetas en lugares luminosos ou, se non, preto de fontes luminosas artificiais.
- Actúe con moderación, a falta de luz fai que as plantas se murchen, e en exceso provoca que as follas se poñan amarelas e caian.
- Non expoña as plantas á luz directa do mediodía.
- Unha planta de interior precisa unha temperatura de entre 12 graos en inverno e 24 graos no verán. Evite os cambios bruscos de temperatura, xa que ocasionan a caída das follas e paralizan o crecemento. Non sitúe as plantas en zonas con corrente.
- Se as follas das súas plantas comezan a se rizar e adquiren un ton pardo, é que o aire é demasiado frío. Para evitalo, manteña o substrato relativamente seco, e retire as plantas das repisas das ventás, nin sequera a calefacción pode protexelas dun descenso brusco das temperaturas.
- Se as follas se tornan amarelas e as puntas castañas, a temperatura é demasiado alta. Para evita-los danos, aumente a humidade da planta e busque un emprazamento o máis fresco posible.
Transplante, agora é o momento
¿Cando hai que muda-la planta de maceta? Algúns sinais indican que chegou a hora de coloca-la nosa planta nun testo máis grande: cando as raíces medran a través do orificio de drenaxe do testo, cando os efectos da rega duran pouco, cando a terra está vella ou con costra na superficie, ou cando hai un gran desequilibrio entre o volume da parte aérea da planta e o contedor.
-
Evite realizar transplantes se a planta está medrando activamente. Podería interrompe-lo seu desenvolvemento e limita-la producción de flores.
- A noite anterior ó transplante regue moderadamente a planta, e lave a nova maceta. Se vai utilizar testos de barro novo, déixeos en auga durante toda a noite.
- Non empregue o mesmo tipo de terra para tódalas plantas. Cada especie require unhas características distintas na terra, que sexa arxilosa, areosa, ácida ou gumífera.