Ilumina-lo fogar

Obxectivo: axeita-la luz a cada estancia

Canto menos se vexa o foco e máis o que se quere iluminar, mellor
1 Marzo de 2003
Img miscelanea listado 217

Obxectivo: axeita-la luz a cada estancia

Na cociña, tubos fluorescentes e doados de limpar; no cuarto de baño, focos potentes e unha pantalla nos laterais do espello que eviten sombras; no comedor, luces indirectas e suaves; no salón, combinación de lámpadas de luz baixa; nos corredores, apliques que iluminen os obxectos, e no recibidor, luces puntuais. Nos dormitorios, lámpadas. Esta é a fórmula para darlle luz a un fogar. A partir de aí as combinacións son múltiples, pero sempre haberán de lle dar resposta a dúas preguntas: qué queremos iluminar e con qué tipo de luz. Ámbalas cuestións determinarán o xeito de iluminármo-la nosa casa, un elemento ó que se lle presta escasa atención e que, sen embargo, define o espacio, o ambiente e mesmo o grao de confortabilidade dunha estancia. Búscase outorgar visibilidade, pero tamén acada-lo grao de iluminación axeitado para que a actividade que acolle cada estancia se poida realizar con seguridade e precisión. Canto menos se vexa o foco e máis o que busca iluminar, maior calidade de luz se consegue, e con iso maior grao de comodidade.

Tipos de luz

  • As luces xerais iluminan a estancia a través de tubos fluorescentes, lámpadas de pé que se dirixen ó teito, halóxenas ou apliques na parede. Trátase dunha luz potente aínda que difusa.
  • As luces ambientais non reflicten ningún espacio concreto na estancia e iluminan o contorno. Trátase dunha luz tenue que busca ambientes cálidos e confortables a través de lámpadas incandescentes.
  • As luces puntuais buscan iluminar un obxecto concreto de forma nítida, intensa e indirecta polo que o feixe de foco se presenta moi pechado.

Luz máis axeitada para cada estancia

  • A cociña precisa unha luz homoxénea, ben de maneira directa colocada no teito ou sobre a zona de traballo, ou ámbalas fórmulas. Ó ser unha estancia en que a luz se mantén acesa de xeito prolongado, son idóneos os tubos fluorescentes, que se ben consomen máis enerxía no momento de acendelos, duran aproximadamente 8.000 horas e consomen arredor do 20% menos ca unha lámpada incandescente.
  • No dormitorio, a luz cumpre tamén unha función moi práctica. Non precisa unha luz cenital, salvo se se trata dunha habitación infantil ou lugar de xogos, que daquela si que convén iluminar de xeito xeral desde o teito. Pódese conxuga-la iluminación ambiental coa que decora-la estancia, coa luz puntual dun flexo para ler, e focos halóxenos na zona do armario ou no vestidor.
  • O salón é un lugar de encontro e relaxación. Débense evita-los focos, xa que desvían a atención e cegan ás persoas que se sentan baixo eles. A calor lógrase con diferentes puntos de luz ambiental a través de lámpadas de pé que actúan como luz xeral, complementadas con luces baixas que eviten reflexos na televisión.
  • A mesa do comedor contémplase como un espacio en si mesmo, estea ou non nunha habitación propia. Hai que evitar que a lámpada central cegue, colocándoa a unha altura sobre os 75 centímetros sobre a mesa, na que queden ocultas as lámpadas. Lógrase que os alimentos reciban a luz directa, pero que esta non chegue ós ollos dos comensais. O idóneo é evita-las luces pegadas ó teito, que se ben iluminan a mesa, tamén o fan co resto da estancia.
  • Un erro moi común nos cuartos de baño é colocar unha luz sobre o espello. O que se consegue son sombras que desdebuxan o reflexo, algo que se evita se os focos están nos laterais. Esta luz debe ir acompañada dunha luz xeral, con interruptores diferentes e se é posible, separados, para elixir unha ou outra opción.
  • E, para rematar, aínda que o recibidor e os corredores se entenden como lugares de paso, non por iso son menos importantes. Os dous deben devolver unha luz cálida. No recibidor, unha lámpada de pé ou de mesa que ofreza unha luz puntual abonda; nos corredores, cómpre supera-la tendencia de recargalos con focos de teito que provocan contrastes de luz e sombra, e cegan, ó tempo que consomen moita enerxía. Uns apliques na parede serven para sinala-lo camiño.

Lámpadas

  • Os nosos avós desenroscaban tres lámpadas da araña do salón para aforraren enerxía. A medida, sen dúbida eficaz, resulta xa innecesaria pois é precisamente o campo do consumo onde maior evolución experimentou o invento de Edison.
  • Os tubos fluorescentes están pensados para estancias nas que se precisa dunha mesma luz de xeito prolongado, como a cociña ou lugares de traballo. Gánase en calidade e cantidade de luz, e aínda que o seu prezo é maior có das tradicionais, debido ó seu baixo consumo eléctrico, amortízanse axiña. Tamén se utilizan nalgúns flexos.
  • As lámpadas incandescentes, as de toda a vida, caracterízanse por emitiren unha luz cálida e agradable. Van minguando ós poucos ata se consumiren, pero poden funcionar aproximadamente 1.000 horas; preséntanse desde 40 ata 200 vatios.
  • As halóxenas proporcionan unha luz branca e moi intensa, empréganse para lugares de paso. O seu consumo é menor có das incandescentes, pero iluminan o mesmo, aínda que despiden moita calor. Duran entre 2.000 e 4.000 horas.
  • As lámpadas de baixo consumo son luces fluorescentes. Son as máis caras, pero consomen moi pouco, a súa vida útil é longa pero son fráxiles. Buscan substituí-la lámpada incandescente.

¿Canta luz?

Aínda que a decisión sobre a cantidade de luz coa que iluminar unha estancia é moi persoal, convén consultar cun especialista para non quedarmos curtos nin excedérmonos. A localización cardinal das habitacións e o uso que se faga delas determinarán en boa medida a súa iluminación. De pouco serve deixarse guiar por unha táboa que indique que para un salón de 18 metros cadrados se precisan 400 vatios, se non se contempla que o salón é moi horizontal ou moi cadrado. Axudado por un aparello que mide a luminaria, o electricista ocuparase de aconsellarnos sobre a forza de luz que precisa unha habitación para estar iluminada. Pero non hai regras. Será o dono da vivenda quen decida se prefire ambientes moi luminosos ou máis ben tenues.

A luz como modeladora, algúns trucos
  • Un espacio cun teito moi baixo pode dar unha sensación abafante, pero suavizarase se se ilumina intensamente o teito. A habitación ensancharase considerablemente, aínda que reducirá a súa profundidade.
  • Se se trata dunha estancia con teitos moi altos, ó non iluminalos baixarase a súa altura.
  • Canto máis neutra é a luz do teito, máis doado é decorar, posto que a estancia non se ve condicionada por cores.