Cambiar de operador de telefonía pode supor un aforro do 25% na factura

Cambiar de operador e darse de alta en varias operadoras é gratuíto e sinxelo
1 Marzo de 2003
Img temap 139

Cambiar de operador de telefonía pode supor un aforro do 25% na factura

En tan só uns anos, a telefonía experimentou un gran cambio no noso país. A espectacular irrupción e posterior consolidación dos teléfonos móbiles estivo acompañada pola liberalización da telefonía fixa, coa conseguinte aparición de operadoras (Tele2, Aló, Uni2, Auna, BT…) dispostas a pelexar pola súa parte do mercado coa antes monopolística e aínda hoxe operadora dominante Telefónica. Sen embargo, o uso doutras empresas, xa sexa mediante o cambio de operadora preasignada (que en case tódolos fogares segue sendo Telefónica) ou dándose de alta noutras compañías e marcando o seu prefixo antes de cada chamada, ou facendo as dúas cousas á vez, realízase en España de xeito moi pausado. Os consumidores amósanse remisos a estes movementos, quizais por descoñecemento das novas e importantes posibilidades de aforro que lles abre a competencia entre as operadoras, quizais porque ignoran qué deben facer, pola forza do costume, por desconfianza ante as vantaxes da nova conxuntura ou por comodidade.

Proba desta pasividade do usuario é que Telefónica no 2001 seguía contando cunha cota de mercado por ingresos totais do 87%. E iso malia a que, como demostra este informe de CONSUMER, unha iniciativa tan sinxela como abandonar a Telefónica como operadora preasignada e optar por outra (segundo este informe, a máis barata é Aló) pode significar un aforro de 7 euros mensuais, e polo tanto, 84 euros ó ano, para unha familia de 4 membros (con dous fillos adolescentes) que fai un uso do teléfono normal en España: 30,42 euros ó mes, sen incluí-lo IVE, nin cota de conexión nin de alugueiro do aparello telefónico. É dicir, que ter a Aló como operadora preasignada significaría para esa familia un aforro dun 25% con respecto á factura de Telefónica.

Unha operación doada e gratuíta

Son aínda moitos os usuarios que ignoran que darse de alta noutras compañías é gratuíto, cómodo e bastante rápido, amais de non implicar ningunha cota fixa. Noutras palabras, só se paga polas chamadas que se realizan. Os anuncios televisivos insisten en “informar” de que certas compañías cobran “a metade que Telefónica”, ou “permiten aforros de ata un 30% nas chamadas”. Pero (ó igual que acontece coa telefonía móbil) a complexa maraña de tarifas e ofertas que establece cada operadora desanima o usuario a facer contas e cambiar de operadora preasignada e/ou darse de alta en varias á vez e usalas segundo conveña en cada tipo de chamada.

O mellor xeito de aforrar é utilizar máis racionalmente o teléfono, o que nalgúns usuarios significará reduci-lo número e duración das chamadas e, en case todos, realizar preferentemente as chamadas cando máis baratas sexan as tarifas. Pero hai outras medidas, como cambiar de operadora preasignada e utilizar outras operadoras nas chamadas nas que ofrezan tarifas máis económicas cá preasignada.

CONSUMER estudiou as tarifas das principais compañías de telefonía fixa do noso país, co fin de axudar a que os usuarios tomasen dúas decisións: unha, a fundamental, é elixir -en función do tipo de consumo que cada usuario realiza- qué compañía convén utilizar como preasignada (case todos temos a Telefónica, pero pódese cambiar a outra facilmente); e dúas, a qué operadoras deben recorrer (marcando o prefixo correspondente) en cada tipo de chamada se se animan a se dar de alta en varias operadoras. Ó respecto, convén lembrar que hai operadoras moi económicas nun tipo de chamada (por exemplo, as locais en días laborables) pero moi caras noutro tipo de chamada, como fins de semana ou nas dirixidas a móbiles. Outra cuestión que cómpre lembrar, é que o usuario debe pagarlle polo mantemento da súa liña de teléfono a cota de abono -normalmente a Telefónica, aínda que nalgunhas zonas do país pode ser outra compañía: Ono, Madritel, Euskaltel, Uni2- á operadora que lance o cable telefónico ata o seu fogar. Agora ben, só se poderá beneficiar do aforro que permite este “xogo” coas operadoras se ten a liña contratada con Telefónica (e, polo tanto, págalle a cota de abono) aínda que poida te-la preasignación con outra compañía.

O estudio de CONSUMER

Esta revista realizou un estudio comparativo que contempla as dúas posibilidades. Para quen prefire cinguirse á opción dun único operador, estudiáronse catro supostos de uso: o dunha persoa que vive soa, o dunha parella nova sen fillos, o dunha familia de pai e nai con dous fillos e, para rematar, o dunha parella de persoas vellas. Nos catro casos, a tarifa mensual que cobraría Telefónica -sen incluí-lo IVE (16%), cota de conexión nin alugueiro de aparello telefónico -móvese entre 28 e 33 euros mensuais, gasto próximo ó da media dos fogares españois.

A elección do “operador por defecto” é moi importante, pola comodidade de chamar sen prefixo coa operadora que mellores prezos ofreza para o noso tipo de consumo e pola posibilidade de aproveita-las ofertas especiais lanzadas polas outras operadoras para conseguir que o usuario as elixa como preasignadas. Algunha ofrece gratuidade para tódalas chamadas locais, provinciais e interprovinciais realizadas na fin de semana.

Como exemplo, a familia de catro membros do suposto aplicado por CONSUMER realiza cada semana o seguinte consumo. Chamadas locais en días laborables: cinco a dez minutos de duración ó mediodía, tres chamadas de cinco minutos entre as dúas e as catro da tarde, cinco chamadas de vinte minutos a partir das oito da tarde; chamadas locais na fin de semana: sete chamadas de sete minutos cada unha. Chamadas interprovinciais: tres de 8 minutos entre semana e unha de dez minutos na fin de semana. Para rematar, esta familia realiza, de luns a venres, tres chamadas a teléfonos móbiles de dous minutos de duración cada unha en día laborable; e na fin de semana, dúas chamadas de catro minutos. Máis información sobre cada un dos catro supostos: www.revista.consumer.es

Nos catro casos se trata de supostos, polo que o recomendable é que cada usuario faga as súas propias contas, partindo do tipo de chamadas que realiza máis a miúdo.

Tamén se estudiou, véxanse as táboas específicas, qué operadora é a máis barata para cada tipo de chamada.

Se chamamos sempre coa mesma operadora

Se se chama sempre cunha operadora, entre as mellores e as peores opcións o aforro chega a superar nun suposto (a persoa que vive soa) os 20 euros mensuais. No suposto que menos diferencia hai entre a opción máis cara e a máis barata (familia de catro membros) o aforro é de 14,15 euros mensuais. E se se comparan os prezos da operadora máis económica (en tódolos supostos é Aló) fronte ós de Telefónica, os aforros seguen sendo considerables: na persoa que vive soa é 4,27 euros mensuais máis barato ca Telefónica; a parella nova aforra 4,67 euros mensuais; a familia de catro membros, 7 euros mensuais, e a parella de persoas maiores, 8,21 euros mensuais.

Se utilizámo-la máis económica en cada tipo de chamada

Neste caso, os aforros posibles (con respecto ó custo que cobraría Telefónica) son aínda maiores: a persoa que vive soa evitaría gastar 57,6 euros ó ano, a parella nova aforraría 58,8 euros, a familia con catro membros alixeiraría a súa factura anual en case 86 euros e a parella de anciáns en 125,6 euros.

E para estes usuarios dispostos a se daren de alta en varias operadoras e a cambiaren de operadora (abonda con marca-lo prefixo de cada compañía) con certa frecuencia ofrécese un cadro no que queda plasmado en cada circunstancia (segundo a duración da chamada, a hora do día, ou se é laborable ou fin de semana, ou se a chamada é local, provincial ou interprovincial; se é a fixo ou a móbil…) qué operadora é a máis económica. De tódolos xeitos, estes aforros poden fluctuar na medida en que o fagan as políticas de prezos das operadoras.

Falando de medias…

A operadora que menos cobra nos catro supostos é Aló, cunha media de aforro para os catro casos de 6,04 euros mensuais con respecto a Telefónica. Este aforro chega ós 17,18 euros mensuais se se compara a Aló coa operadora máis cara, BT Tarifa única, e a máis de 12 euros mensuais se comparamos a Aló con Ono, con BT día-noite e con Euskaltel.

Un dato moi significativo é que Aló e Tele2 son as únicas compañías das once estudiadas que cobran menos que Telefónica nun ou varios supostos. Jazztel Jazz Ocio Plus, por exemplo, só é máis cara ca Telefónica no suposto da parella nova pero os aforros para os outros tres supostos son menores cós de Aló e Tele2. Se entendemos significativa a media destes catro supostos, Aló e Tele2 ofrecen as tarifas máis económicas para o consumidor que prefira chamar cunha única operadora. As máis caras son BT, Ono e Euskaltel. Estes supostos só son de aplicación cando o usuario lle paga a cota de abono a Telefónica, aínda que teña outra operadora preasignada. Se son Euskaltel, Ono ou Auna quen levan a liña telefónica ata o lar do usuario, as súas tarifas poden ser moi distintas.

Se o usuario ten unha operadora preasignada e á vez usa os servicios doutras operadoras marcando o prefixo dunha ou doutra en función do tipo de chamada, convén mira-lo cadro correspondente. Como se pode comprobar, se ben seguen sendo Aló e Tele2 as máis convenientes na maioría dos tipos de chamada, noutros a opción máis económica é marca-lo prefixo dunha das operadoras que resultan máis onerosas de se teren como preasignadas. Por exemplo, BT día-noite é a máis barata para as chamadas provinciais, interprovinciais e para boa parte das efectuadas a móbiles, tanto en días laborables coma en fins de semana, sempre que sexan de curta duración.

¿Cando comeza a tarifa de fin de semana?

Non tódalas compañías funcionan do mesmo xeito. De seguido detállase o comezo da fin de semana segundo destinos e operadores.

  • Chamadas locais; Aló, BT, Jazztel, Auna, Telefónica e Uni2 inician a súa tarifa de fin de semana ás 18:00 horas do venres. Euskaltel, Ono e Tele2 fano dúas horas máis tarde.
  • Chamadas provinciais e interprovinciais; o horario de fin de semana comeza os venres ás 20:00 horas, non sendo en Tele2, BT Tarifa Única e Jazz Ocio Plus, que manteñen as súas tarifas idénticas durante toda a semana.
  • Fixo a Móbil; BT día-noite, Euskaltel, Jazztel, Ono, Uni2 e Telefónica (esta última só para móbiles Amena) establecen tarifas de fin de semana o venres desde as 22:00 horas ata as 8:00 horas do sábado, e desde as 14:00 do sábado ata as 24:00 horas do domingo. As compañías con tarifa especial de fin de semana con comezo o venres ás 20:00 e que as manteñen ata as 24:00 horas do domingo son Aló, Tele2 e BT Tarifa única e Telefónica (para móbiles Movistar e Vodafone). BT Tarifa única mantén iguais os seus prezos en fin de semana.
  • ¿E os festivos que non son fin de semana? BT, Euskaltel, Jazztel e Auna consideran os festivos da Comunidade Autónoma de orixe da chamada, mentres que o resto tan só entenden como tales os festivos nacionais.

Algunhas conclusións útiles

  • Unha incorrecta elección da compañía pódenos facer pagar un 75% máis do que pagariamos coa que é máis axeitada para o noso tipo de consumo.
  • O primeiro é atinar elixindo a operadora que teremos como preasignada, que deberá se-la que resulte máis económica para o uso concreto que facemos do teléfono: duración das chamadas, hora e días en que se realizan (laborais ou fins de semana), se son preferentemente locais, provinciais ou interprovinciais, ou se van dirixidas a móbiles…
  • Unha vez ben elixida a operadora preasignada, podemos aumenta-lo aforro se nos damos de alta en varias operadoras (é gratuíto e sinxelo, e non supón ningún pagamento de cota) e as empregamos en función do tipo de chamada que realizamos. Trátase, simplemente, de chamar usando a operadora máis económica para cada tipo de chamada. Non é tan complicado como semella. Facendo uso da táboa publicada nestas páxinas, o aforro mensual, e non digamos anual, pode ser moi considerable.
  • A táboa diferencia entre chamadas curtas e longas debido á enorme disparidade de fórmulas de tarifas que establecen as operadoras. Algunhas propoñen unha franquía mínima de 2 minutos e 40 segundos, o que supón que aínda que a chamada dure menos tempo o usuario deberá aboa-la mesma cantidade. Por iso, en liñas xerais, a operadora coa franquía máis económica é a máis rendible en chamadas curtas, mentres que nas longas a tarifa por minuto é a que marca a diferencia.
¿Que é a preasignación?

É a posibilidade do usuario de decidir con qué compañía realizará por defecto as súas chamadas; é dicir, cando non marque prefixos doutras compañías. Esta opción só é posible cando é Telefónica quen leva o cable de teléfono ata o fogar do usuario e lle cobra a correspondente cota de abono. Isto é debido a que a liña telefónica a través da cal se presta o servicio pertence a Telefónica. As compañías capacitadas para esta función (levaren o cable ata o domicilio do usuario) non están obrigadas a ofrecer este servicio e, de feito, non o ofrecen. Tódalas demais limítanse a conectaren a súa rede á de Telefónica. Hai dous tipos de preasignación: na “global”, tódalas chamadas (agás as realizadas a algúns números 900) factúranse á nova compañía; na de “longa distancia” exclúense as chamadas locais, que se lle aboan a Telefónica.

Para contrata-lo servicio de preasignación, o usuario ten que se poñer en contacto coa operadora que lle interese. Logo de lle proporciona-los seus datos á compañía, esta remitiralle un formulario que o usuario cumprimentará e enviará á compañía. O consumidor recibirá o aviso de que as chamadas que realice sen marcar prefixo de operadora llas vai cobrar e facturar a operadora preasignada.

Se o usuario desexa cambia-lo servicio de preasignación da súa actual compañía polo doutra, o único que deberá facer é volver realiza-las mesmas xestións cá primeira vez.

Antes de toma-la decisión de cambiar de operadora preasignada convén que o cidadán reflexione, baseándose nos datos do seu consumo telefónico dos últimos meses que reflicten as facturas xa pagadas, sobre o seu perfil como usuario: tipo de chamada, duración, momento en que se efectúan, se son preferentemente a móbiles ou a fixos…

Tras establece-lo tipo de chamada que realiza máis a miúdo ou as que maior custo representan, o máis conveniente é comprobar qué compañía ofrece unha tarifa máis económica. Se preasigna coa operadora máis conveniente para o seu tipo de consumo, o usuario asegura non só un gasto menor senón tamén unha maior comodidade, xa que se contempla recorrer a outras operadoras (para o que ten que se dar de alta nelas) marcando o seu correspondente prefixo, marcará menos veces os catro números do prefixo desoutras operadoras. Aínda que non sexa a alternativa máis cómoda, o mellor xeito de optimiza-la posibilidade de traballar con diferentes operadores é utilizalos todos eles e elixir un cada vez en función do prezo da chamada nese momento.