Cada vez máis reducidos e ameazados
A medida que a pegada humana se deixa notar na superficie do noso planeta desaparecen os espacios salvaxes, afectados pola actividade humana que constrúe infraestructuras e urbaniza cidades emerxentes, ó tempo que habilita para a agricultura grandes zonas e noutras xera deforestación. Os últimos estudios falan alto e claro: os humanos deixamos que a nosa presencia se deixe notar no 83% da superficie do planeta. Os espacios salvaxes, é dicir, as partes do globo terrestre ás que o home non tivo acceso, son cada vez menos e as que existen están en perigo de ve-la súa extensión recortada debido á acción humana. Estas áreas salvaxes son cruciais para a supervivencia do planeta: contribúen a mante-las variacións do clima, as precipitacións e, sobre todo, constitúen unha reserva imprescindible para mante-la biodiversidade.
Explotación do solo
Segundo os últimos estudios realizados polo CIESIN (Internacional Earth Sciencie Information Network), o 83% da superficie ten impresa a pegada humana dalgún dos seguintes xeitos: conta cunha densidade demográfica superior a unha persoa por quilómetro cadrado, atópase a menos de 15 quilómetros dunha estrada importante ou nunha zona rural ou agrícola, sitúase a menos de dous quilómetros dunha poboación ou estación do ferrocarril ou emite unha luz de noite que se pode detectar desde un satélite. O aviso é claro: diminúe a superficie de terras virxes e alí por onde pasa o ser humano a integridade dos ecosistemas reséntese duramente. Ademais, segundo os últimos datos da FAO (o organismo da ONU para a alimentación) cultívase arroz, millo ou trigo no 98% da superficie do planeta na que é posible facelo, o que significa que a explotación do solo, unha das causas polas que se remata cos espacios salvaxes, mantén unhas cotas altísimas.
Espacios fóra do alcance do home
37 rexións permanecen actualmente fóra do alcance do home, aínda que cada vez máis ameazadas polo avance da civilización. Estes espacios salvaxes esténdense por tódolos continentes, desde a Amazonía (América) ata ó deserto do Sahara (África). De entre esas rexións, cinco considéranse extraordinarias pola súa riqueza en biodiversidade, pero destacan os tres grandes bosques tropicais do mundo: a Amazonía (con máis de 30.000 especies de flora), a selva central do Congo de África e a illa de Nova Guinea. A maior extensión destas rexións salvaxes é o bosque boreal, que forma un anel de 16 millóns de metros cadrados, xusto debaixo do Círculo Polar Ártico, e que se estende desde Alaska e Canadá ata ó norte de Europa e Asia.
Outros espacios que cómpre salientar pola súa riqueza biolóxica son as altas mesetas do Tíbet e Mongolia e a rexión Miompo-Mopane, que cobre as áreas boscosas e as praderías de varios países do sur de África e representa a segunda rexión do mundo máis rica en mamíferos, réptiles e aves. A área salvaxe máis pequena do planeta é o Sundarbans, con 10.000 quilómetros cadrados e que constitúe o maior bosque lacustre de manglares do mundo. Atópase entre a India e Bangla Desh, no delta do Ganxes.
Os datos proporcionados polo estudio do CIESIN permiten coñece-las zonas nas que aínda a biodiversidade se mantén íntegra e deles extráense dúas lecturas diferentes: por unha banda, a importancia de preserva-las zonas virxes que aínda quedan; por outra, a necesidade de transforma-la pegada humana. En definitiva, é preciso mellora-la administración dos recursos para que as consecuencias da actividade humana non vaian a máis nas zonas que xa están afectadas.
O Amazonas, unha selva en agonía
Colombia comparte co Brasil e con Perú parte da selva amazónica, a meirande da Terra e tamén o maior bosque tropical. Este pulmón do planeta destaca pola extrema multiplicidade de hábitat, que se debe á diversidade da súa vexetación, fauna e, sobre todo, flora. A Amazonía constitúe na actualidade un gran conxunto de ecosistemas que interactúan entre si, de tal maneira que non se sabe aínda cántas especies vexetais dependen dunha soa animal, pero si podemos estar seguros de que a extinción dunha especie animal poderá traer consigo a extinción de moitas plantas dependentes e viceversa.
Segundo o ritmo de actividade que se mantén nos últimos 20 anos nesta parte tan prezada do planeta, estímase que para o ano 2020 só un 5% da Amazonía conservará o seu estado salvaxe, preto do 50% da selva estará moi degradada e máis dun 90% perderá o seu carácter impoluto. Pero a Amazonía leva moitos anos loitando por sobrevivir. A destrucción á que se viu sometida fala de 20.000 quilómetros cadrados de terreo destruídos ó ano. Aínda que ata o de agora a deforestación afectou principalmente as zonas meridional e oriental, a construcción de estradas estalles permitindo ás empresas madeireiras chegar á zona interior da selva. E é esa precisamente a gran lacra que debe arrastrar esta selva, xa que a empresa madeireira atopa nela unha fonte de material moi prezada pero esgotable.
A Península non conta na súa superficie con ningún espacio salvaxe, pero dentro das 200 eco-rexións prioritarias para a conservación da biodiversidade do noso planeta atópase a rexión Mediterránea, que se identificou como unha das máis importantes, valiosas e ameazadas. Das 25.000 especies vexetais presentes no Mediterráneo, o 50% son autóctonas, e España, cun 18,6% de flora endémica, é o segundo país máis rico en especies únicas na eco-rexión, despois de Turquía. Actualmente hai 105 especies de árbores autóctonas no noso país, aínda que unicamente 80 forman bosques.
O valor ecolóxico de bosques como Pinares de la Sierra de Gúdar (Teruel), dos bosques de sabinas de Cabrejas-Calatañazor (Soria) ou da fraga do Courel (Lugo) é extraordinario, pero algúns deles xa se comezaron a ver afectados polo novo uso do solo. Amais dos incendios (cada ano pérdese o 1% da superficie forestal), o sobrepastoreo, a urbanización e turismo incontrolados, a contaminación e a fragmentación dos bosques están afectando gravemente o estado deses bosques, que representan a parte máis salvaxe dos espacios españois. Agás os bosques canarios, o estado de conservación xeral non é demasiado favorable: só o 8% deles posúe algún tipo de protección. Salienta, pola súa extensión, a mala conservación dos bosques de aciñeiras, xa que dos 5,5 millóns de hectáreas existentes, só 260.000 se poden considerar de alta calidade.