Dereitos do paciente

Por importantes, cómpre coñecelos

Ignorámo-lo que significan conceptos como "consentimento informado" e dereito á libre elección e á confidencialidade
1 Marzo de 2003
Img informe listado 223

Por importantes, cómpre coñecelos

De entre os moitos dereitos que nos asisten como cidadáns, os relativos á protección da nosa saúde figuran entre os menos coñecidos. Malia a que todos oímos algunha vez -aínda que só fose nas series de TV- termos como consentimento informado, ou dereito á confidencialidade do historial médico, o máis habitual é que ignorémo-lo seu verdadeiro significado. Este descoñecemento motiva que non esixámo-lo cumprimento dos nosos dereitos como pacientes, ou que solicitemos prestacións non esixibles.

Os dereitos do paciente regulan legalmente o xeito en que nos van atender cando utilicémo-los servicios da sanidade pública. Refírense a cuestións como a información que podemos esixir sobre as consecuencias dun determinado proceso médico na nosa saúde, o dereito a que só o noso médico e quen nós decidamos poida coñecer detalles sobre o noso estado de saúde, ou o dereito a obte-los medicamentos e productos sanitarios que precisemos para conservar ou restablece-la saúde.

O dereito á saúde

A nosa Constitución establece no seu artigo 43 o dereito dos cidadáns á protección da saúde, e a obriga dos poderes públicos de organizar e tutela-la saúde pública a través de medidas preventivas e das prestacións e servicios precisos. Este dereito constitucional foi regulado pola Lei Xeral de Sanidade 14/1986. Ámbalas normas consideran a protección da saúde como un dereito do cidadán e non como un deber seu, coa excepción do control de epidemias ou a prevención de riscos para a colectividade, que son deber activo dos poderes públicos e pasivo do cidadán.

Pero, ademais, en xaneiro do 2000 entrou en vigor no noso país o Convenio do Consello de Europa sobre os dereitos do home e a biomedicina, que establece un marco común para a protección dos dereitos e da dignidade humana na aplicación da bioloxía e da medicina. Así e todo, aínda que se trata dun tema sobre o que hai unha lexislación tan ampla, todo o relacionado á saúde segue a lles causar crebacabezas ós cidadáns. Durante o 2002, a Asociación de Defensa do Paciente (ADEPA) e a Asociación de Víctimas de Neglixencias Sanitarias (AVINESA), recolleron 11.300 denuncias e reclamacións por supostas neglixencias médicas, déficit de atención, listas de agarda ou por mal funcionamento do servicio de ambulancias. Na opinión de ADEPA, esta cifra pódese elevar ata 55.000 reclamacións se se suman as realizadas ante o Valedor do Pobo, o Ministerio de Sanidade ou as consellerías de sanidade das comunidades autónomas. Non obstante, en España denúnciase moi por baixo da media europea, exercendo este dereito unicamente entre un 25% e un 30% dos afectados. Segundo ADEPA, non sempre se respectan os dereitos dos pacientes, circunstancia que se agrava cando estes son anciáns ou incapacitados, que dificilmente teñen nin o coñecemento nin o ánimo de denunciar ou de reclamar, sobre todo, nos servicios de Urxencias.

¿Que é o consentimento informado?

Prestar consentimento é un dereito do enfermo, mentres que informar é un deber do médico que se debe plasmar nun documento. O consentimento informado é un acto no que o médico lle explica ó paciente a natureza da súa enfermidade, os seus efectos, e os riscos e beneficios dos procedementos terapéuticos previstos para a súa recuperación, para de seguido solicitarlle a súa aprobación para someterse a eses procedementos.

Esta información recóllese nun documento no que o paciente autoriza a intervención e o médico informa sobre os detalles desta operación: riscos, complicacións, diagnóstico, prognóstico e alternativas de tratamento. O escrito irá asinado polo paciente (co DNI) e polo médico (co número de colexiado). O consentimento informado é obrigatorio en caso de aborto, transplante, doazón de órganos, ensaios clínicos e técnicas invasivas que poidan supor risco para o paciente.

Dereitos do usuario


Dereito á asistencia médica

  • Todo usuario do sistema sanitario público ten dereito a que se lle asigne un médico, e daráselle a coñece-lo seu nome. Este médico será o seu interlocutor principal co equipo asistencial e, na súa ausencia, outro facultativo asumirá a súa responsabilidade.
  • A obter medicamentos e productos sanitarios necesarios para promover, conservar ou restablece-la saúde, nos termos que estableza a Administración do Estado.


Dereito á libre elección

Dereito á libre elección das opcións que lle presente o responsable do seu caso, sendo preciso o consentimento escrito do usuario para calquera intervención, agás cando:

  • Non supoña risco.
  • A “non intervención” supoña un risco para a saúde pública. O paciente non estea capacitado para tomar decisións, correspondéndolles nese caso ós seus familiares ou a persoas achegadas a el.
  • A urxencia non permita demora ó poder causar lesións irreversibles ou existir perigo de falecemento.
  • Dereito a negarse ó tratamento, non sendo nos casos antes sinalados, debendo para iso solicita-la alta voluntaria nos termos que sinala a lei.
  • Dereito a elixir médico e outros sanitarios titulados, de acordo coas condicións contempladas na lei e nas normas dos Centros de Saúde.


Dereito á información

  • Todo paciente ten dereito á información dos servicios sanitarios ós que pode acceder, e á referida ós requisitos precisos para o seu uso.
  • Dereito a ser advertido se os procedementos de diagnóstico e terapéuticos que se apliquen poden ser utilizados para proxectos docente ou de investigación, que non poderán comportar perigo adicional para a súa saúde. En calquera caso, será imprescindible a autorización por escrito do paciente e a aceptación por parte do médico e da dirección do centro sanitario.
  • Dereito a que se lle proporcione en termos comprensibles ó paciente, ós seus familiares ou achegados, unha información completa e continuada, verbal e escrita sobre o seu proceso. Esta información incluirá o prognóstico, diagnóstico e as alternativas de tratamento.
  • Dereito a que se lle estenda un certificado acreditativo do seu estado de saúde cando así se estableza por disposición legal ou regulamentaria.
  • Dereito a que quede constancia escrita de todo o seu proceso ó remata-la súa estancia nunha institución hospitalaria. O paciente, o familiar ou a persoa achegada poderán recibi-lo informe da alta.


Dereito á participación

  • Dereito a participar a través das institucións comunitarias nos termos establecidos nesta Lei e nas disposicións que se desenvolvan.
  • Dereito a utiliza-las vías de reclamación e de suxestións nos prazos establecidos.


Outros dereitos

  • Dereito ó respecto á súa personalidade, dignidade humana e intimidade sen que poida ser discriminado por razóns de raza, de tipo social, moral, económico, ideolóxico, político ou sindical.
  • Dereito á confidencialidade de toda información relacionada co seu caso e coa súa estancia en institucións públicas e privadas que colaboren co sistema público.


Pero tamén hai obrigas…

O usuario debe colaborar coas normas establecidas nas institucións sanitarias.

  • Debe tratar con respecto ó persoal, ós outros enfermos e ós acompañantes.
  • Debe solicitar información sobre as normas de funcionamento da Institución e sobre as canles de comunicación (queixas, suxestións, reclamacións e preguntas). Debe coñece-lo nome do médico.
  • Debe coida-las instalacións e colaborar na habitabilidade das instalacións sanitarias.
  • Debe asina-la Alta Voluntaria cando non acepta os métodos de tratamento.
  • Débese responsabilizar do uso das prestacións ofrecidas, fundamentalmente do uso de servicios, procedementos de baixa laboral ou incapacidade permanente e prestacións farmacéuticas e sociais.
  • Debe utiliza-las vías de reclamación e suxestións.

Onde reclamar

En caso de demora ou trato inadecuado

  • Sanidade pública. Dirixíndose ó Servicio de Atención ó Paciente, a unha asociación de usuarios, ó Insalud ou ó organismo correspondente da súa comunidade autónoma ou ó Ministerio de Sanidade.
  • Sanidade privada. Dirixíndose ó responsable do centro, a unha asociación de usuarios, á Consellería de Sanidade ou á sociedade médica coa que contratou o servicio. En caso de neglixencia médica

Se a neglixencia ou erro médico lle ocasionou prexuízos graves, tanto na sanidade pública coma na privada, a Asociación para a Defensa do Paciente (ADEPA) recomenda recorrer á vía xudicial, sempre que non sexa posible unha solución de mutuo acordo beneficiosa para o prexudicado. Un avogado especializado ou unha asociación de usuarios explicaralle qué facer. A responsabilidade dos danos pódese esixir por vía civil ou penal, sen descarta-la vía do social pola rapidez e gratuidade do proceso. Tamén se lle pode presentar unha reclamación ó Colexio de Médicos. O prazo prescribe ó ano e nunca interrompe a acción dos tribunais.

Problemas por listas de agarda

As listas de agarda son unha das principais queixas dos cidadáns. Vexámo-las recomendacións de ADEPA para os afectados por elas. Cando se precise unha proba importante, como mamografía, escáner ou resonancia, ou unha intervención cirúrxica ou se teña que acudir a un especialista, e a agarda rebase os dous meses (para a mamografía), tres meses (para o escáner), un mes (para a resonancia), etc., o paciente pedirá a folla de reclamacións, onde deixará constancia escrita da súa situación e das secuelas que poidan aparecer polo atraso. O dano será antixurídico cando estea causado por unha lista mal xestionada ou de duración esaxerada, cando haxa un erro na clasificación da prioridade do enfermo ou cando na agarda se produzan empeoramentos ou deterioracións da saúde que causen secuelas irreversibles ou que reduzan a eficacia da intervención. Nestes casos, cabe iniciar unha Reclamación sobre Responsabilidade Patrimonial da Administración Sanitaria por vía contencioso-administrativa, solicitando indemnización polas perdas e danos ocasionados pola lista de agarda. O problema pode xurdir á hora de recibir esa indemnización, xa que, ó seren transferidas as competencias en materia de sanidade a cada comunidade autónoma, non queda claro abondo de quén é a competencia en caso de neglixencias ocorridas antes deste proceso.