Tranquilidade e rutina, o mellor remedio contra os pesadelos infantís

Os trastornos do sono na infancia son tan comúns que a maioría de nenos os padece durante algún momento do seu desenvolvemento, aínda que cando aparecen adoitan alarmar os pais
1 Setembro de 2008
Img interiormente

Tranquilidade e rutina, o mellor remedio contra os pesadelos infantís

Aparición de monstros, pánico por quedaren sós en determinadas situacións, obsesión por se perderen de seus pais… Durante a noite, é común que os máis pequenos padezan terrores nocturnos e pesadelos. Este trastorno non se traduce en problemas específicos para o desenvolvemento infantil nin nun risco para a saúde, aínda que se se manteñen ao longo do tempo recoméndase consultar o caso cun profesional para que avalíe se hai algún problema emocional ou físico que cumpra tratar. En concreto, as idades máis propensas a sufrir este tipo de alteración do sono sitúanse entre os tres e seis anos, aínda que tamén poden aparecer máis tarde, na preadolescencia e adolescencia, sobre todo os pesadelos.

Os pesadelos

Son escenas que producen unha carga emocional negativa, de forma especial no último terzo do sono, durante a denominada fase REM, unha etapa máis próxima ao sono pouco profundo, razón pola que os soños se lembran con máis facilidade.

Debido ao contido angustioso que caracteriza un pesadelo, é normal que aparezan síntomas asociados como transpiración, respiración axitada, choro e mesmo berros. Unha situación que pode alarmar os pais, pero que non deixa de ser un episodio pasaxeiro que non supón ningún problema. Os pequenos espertan con facilidade e lembran as escenas que causaron os síntomas de angustia. Se son capaces de describir o que soñaron e o que lles provocou medo, quererá dicir que o sono non era moi profundo. É entón cando se pode afirmar que se trata dun pesadelo e non dun terror nocturno.

Os pesadelos nos nenos poden estar propiciados por unha gran variedade de causas, pero as máis comúns son as seguintes:

  • Inseguridade.
  • Preocupación excesiva.
  • Presenza de ansiedade.
  • Ambiente familiar tenso.
  • Enfermidades ou dor.
  • Ameazas do contorno.
  • Escenas de televisión violentas.
  • Algunha experiencia negativa.

Os terrores nocturnos

Son máis comúns en idades preescolares e, fronte ao que sucede cos pesadelos, non son soños que se poidan recordar. Xa que logo, non se viven escenas agoniantes que o menor tema e poida describir. Os terrores nocturnos prodúcense nas primeiras fases do sono e estarían provocados por unha dificultade na transición de etapas de sono profundo a etapas de sono máis superficial. Por esta razón, o neno non poderá recoñecer escenas nin recordar o motivo que o levou a sufrir tal trastorno. É máis, durante o terror nocturno os nenos seguen durmidos, aínda que manteñan os ollos abertos e berren ou salouquen mentres se levantan ou corren pola casa. Os pais adoitan alarmarse con facilidade ante esta situación, e aínda máis cando observan que o seu fillo non é consciente do que ocorre e non reacciona aos seus intentos de acougalo.

Ante situacións como esta é importante non espertar ao menor de xeito súbito, senón agardar a que finalice o episodio para acompañalo á cama manseliñamente. Hai que ser conscientes de que nos terrores nocturnos non se determinaron unhas causas claras que os xustifiquen, como o carácter, a personalidade do neno, ou o contorno, a diferenza do que sucede cos pesadelos.

Como previlos

As medidas para previr calquera trastorno do sono durante a infancia precisan do seguimento dunhas pautas familiares estables. Para iso, é importante crear unha situación o máis tranquila posible previa ao sono para que os niveis de activación sexan máis baixos. Aos nenos gústalles o previsible porque lles produce seguridade e estabilidade. Xa que logo, deberanse cumprir uns horarios pautados.

Os pais e as nais deben acordar unha hora adecuada para ir durmir e non se admitirán discusións nin negociacións que xeren alteracións innecesarias. Só con cumprir uns días consecutivos o horario establecido o pequeno xa non retrucará e atoparase a gusto. Ademais, é importante crear unha rutina previa e estable antes de se meter na cama co fin de evitar estímulos que causen no menor un exceso de actividade, como xogos movidos, discusións ou películas violentas. É moi importante que os pais traten de rebaixar 15 ou 20 minutos antes de que o pequeno se deite o seu nivel de activación a través da rutina instaurada. Despedirse dándolles as boas noites aos demais, elixir un xoguete ou boneco para pasar a noite, baixar a luz do cuarto ou botar cinco minutos ao seu carón na cama falando de forma relaxada son pautas sinxelas e xerais que fomentan a tranquilidade e favorecen un mellor descanso durante toda a noite.

Indicadores para diferenciar pesadelos e terrores nocturnos:

Pesadelos:

  • Son soños con escenas que causan medo e angustia.
  • Os síntomas identifícanse coa ansiedade (sudación, respiración axitada e choro).
  • O espertar é completo.
  • O neno pode falar sobre as escenas vividas.
  • O trastorno ten lugar durante a madrugada.
  • O pequeno está consciente e pode ir na procura de seus pais.
  • Os pais poden acougalo mediante o diálogo.
  • A alteración emocional e o recordo do episodio perturbador son inconvenientes para que prenda outra vez no sono.
  • Este trastorno pódese sufrir tamén na preadolescencia, adolescencia e etapa adulta.

Terrores nocturnos:

  • Non son soños que se poidan identificar, xa que nunca se lembra o ocorrido.
  • Poden mostrarse síntomas de angustia e temor pero sen consciencia.
  • Aínda que os ollos poden estar abertos, o neno segue durmido.
  • Non hai reacción ás palabras dos pais.
  • Poden darse comportamentos motores como erguerse da cama e corricar pola casa berrando ou balbucindo.
  • O espertar é parcial ao cabo duns minutos.
  • Danse durante o primeiro terzo da noite, cando o sono é moi profundo.
  • Pódense incrementar as reaccións de angustia aos intentos de espertar o neno ou ao intentar inmobilizalo.
  • O habitual é que adormezan con facilidade despois do episodio.