A tose máis tenra
O fío musical máis monótono que se pode escoitar desde setembro a maio nos autobuses, trens, avións e lugares de paso é o formado pola tose e a expectoración. Estes síntomas respiratorios tan frecuentes e inofensivos na maioría das ocasións son moi habituais entre a poboación española. Segundo o estudo IBERPOC, realizado en España pola Sociedade Española de Pneumonoloxía e Cirurxía Torácica (SEPAR), case un 48% dos españois os sofre nalgunha ocasión, de forma frecuente nun 13,5% dos casos e, xunto á expectoración, un 10,7%.
Estes síntomas resultan tan familiares que en numerosas ocasións non se lles concede importancia, aínda que poden ser as primeiras manifestacións dunha enfermidade respiratoria. A pesar de que a tose é un mecanismo de defensa do aparato respiratorio que permite a eliminación de secrecións, por veces é seca e adoita estar causada por infección, inflamación ou irritación das vías respiratorias. Na poboación adulta, as causas máis frecuentes de tose e expectoración son os procesos infecciosos agudos, como catarreiras e procesos crónicos, como a Enfermidade Pulmonar Obstrutiva Crónica (EPOC), asociada na maioría dos casos ao tabaquismo, ou asma.
Pero, que acontece na infancia?
Aínda que a fisioloxía do aparato respiratorio infantil é semellante á do adulto, as razóns que causan a tose non se poden extrapolar. Nos nenos que acaban de nacer apréciase un certo grao de inmadurez que fai que só o 25% dos neonatos sexa capaz de tusir. Así e todo, ao mes de vida xa o poden facer o 90% dos bebés. Aínda que todos os nenos tosen de maneira ocasional, isto non debe ser motivo de preocupación. Os nenos poden presentar tose persistente durante uns días como consecuencia dun problema agudo, como unha infección viral das vías respiratorias altas, que vai cedendo aos poucos. Só nun 10% dos casos pode alongarse máis alá dos 25 días.
Fálase de tose crónica cando persiste durante máis de catro semanas, aínda que algúns pneumólogos e pediatras distinguen un tipo de tose subaguda que se mantén entre tres e oito semanas e que adoita estar producida por infeccións virais prolongadas e por recaídas. Entre os nenos que acoden a garderías desde moi pequenos e pasan nelas boa parte do día, os procesos respiratorios agudos e subagudos son frecuentes e repetitivos.
Os menores con tose crónica requiren dunha valoración coidadosa para estudar a interacción doutros síntomas e signos de patoloxía respiratoria específica. Pode estar indicada a radiografía de tórax e, se a idade o permite, de espirometría. Se non se asocia a ningunha enfermidade diagnostícase tose crónica inespecífica que, por veces, remite de forma espontánea. Se non o fixese pode estar indicado, sempre baixo prescrición médica, un tratamento-ensaio con budesonida (corticoesteroide) durante tres ou catro semanas.
Se con este tratamento desaparece, a tose pode estar asociada á asma, a enfermidade crónica máis frecuente na infancia e na adolescencia. Se ben se descoñece a súa prevalencia en menores de 6 anos, entre os 6 e 14 anos é do 10%, aumentando nos últimos anos. Se a budesonida non é efectiva, débese realizar un estudo completo co fin de dar coa causa específica que a orixina, mediante probas diagnósticas como pHmetría, test da suor, estudo inmunolóxico, proba de Mantoux ou tuberculina, entre outras.
A tose que produce secrecións purulentas no neno é sempre patolóxica e require un coidadoso estudo para descartar a presenza de bronquiectasias (dilatacións bronquiais), fibrose cística ou inmunodeficiencia. Da mesma maneira, un inicio precoz e a presenza de sangre nos esputos (hemoptise) son signos de alarma, xa que se adoitan asociar a unha enfermidade subxacente importante.
- Os xaropes antitusivos non están indicados nos nenos xa que os seus efectos secundarios poden resultar máis prexudiciais ca beneficiosos.
- O fume do tabaco e outros factores contaminantes ambientais exacerban a tose, polo que é fundamental eliminalos. Débese evitar fumar diante deles ou expoñelos a ambientes cargados.
- Os antibióticos só están indicados en casos como a bronquite bacteriana prolongada, unha das causas máis frecuentes de tose produtiva na infancia, e sempre baixo prescrición facultativa.
- Os antibióticos non están recomendados en infeccións virais comúns porque se resolven espontaneamente nuns días.