O álbum das vacacións sobe á rede
Todas as cámaras dixitais incorporan programas para descargar as fotografías no ordenador e organizalas de forma personalizada. Na maioría dos casos abonda con conectar a cámara co PC mediante un cable USB e premer na opción de trasladar as fotos. Con todo, estes programas non sempre funcionan como deben e complican unha tarefa moi sinxela. Por iso é preferible conectar a cámara como un dispositivo de almacenamento masivo de arquivos, isto é, coma se o ordenador crese que se trata dunha simple memoria USB (ou ‘pendrive’) e pasar as imaxes “á man”, tal e como se se tratase dunha copia desde un CD ou doutro disco duro. O mellor é que o ordenador dispoña de rañura para ler tarxetas de memoria porque así o usuario aforrará a necesidade de conectar cables e as fotos trasladaranse de forma veloz: basta con sacar a tarxeta da cámara, introducila na rañura do ordenador e copiar as imaxes desde o explorador de arquivos.
Os principais sistemas operativos deseñados para ordenadores persoais incorporan un programa para organizar as imaxes. Tamén son capaces de detectar que hai unha cámara conectada e extraer dela as imaxes. No caso de Windows, é o propio sistema o que as organiza por carpetas clasificadas segundo a data en que se tomaron. En Mac OS X, o sistema operativo dos ordenadores Mac, o programa chamado iPhoto organiza as imaxes descargadas dun modo moito máis visual e detallado. E en Linux as opcións multiplícanse, aínda que unha das máis estendidas é Lphoto.
Unha vez descargadas as imaxes no ordenador, realizarase á clasificación. Cando se abre a foto é recomendable introducir etiquetas para agrupar as imaxes por temas, aínda que tamén se lles pode poñer título e escribir algún comentario. Iphoto conta cun sistema moi sinxelo e visual para clasificar as fotografías. Con todo, este xestor de imaxes só está dispoñible para o sistema operativo Mac OS X. Para os usuarios de Windows pode ser unha boa alternativa descargar o xestor gratuíto de imaxes Picasa, unha aplicación excelente como organizador e buscador de imaxes.
En concreto, Picasa identifica todas as imaxes que contén o ordenador e ofréceas de forma visual nun cómodo sistema que se manexa coa roda do rato. Abonda con premer nunha foto para abrila e enriquecela cun título, descricións ou agregala a un novo álbum. Unha opción que, doutra banda, permite ver as imaxes por áreas temáticas, por datas concretas, en modo diapositiva ou comprimilas para envialas por correo electrónico.
A principal vantaxe da conta Flickr é que a través dela se poden subir fotos ilimitadamente por algo máis de quince euros ao ano, e permite que se vexan todas as fotografías almacenadas. Picasa ofrece tamén unha opción gratuíta cun límite único de almacenamento de 250 megabytes (unhas 170 fotos). A opción de pago componse de diferentes ofertas segundo prezos (a máis barata ofrece dez xigabytes anuais por algo máis de doce euros).
Co fin de utilizar e beneficiarse dos servizos de Flickr, xa sexa a través da súa modalidade gratuíta ou de pago, é necesario acudir á páxina do servizo e darse de alta cun nome de usuario e cun contrasinal. A partir de entón xa se pode iniciar o proceso de subir fotos desde o ordenador de xeito sinxelo para clasificalas por temas e titulalas. Iso si: cómpre descargar unha das ferramentas que o mesmo Flickr ofrece, Flickr Uploadr, para non se ver na obriga de subir as imaxes de unha en unha.
Gozar do servizo de álbums web de Picasa supón, a diferenza do anterior, que o usuario instalou con anterioridade o xestor de imaxes de escritorio no ordenador. Xa instalado, Picasa ofrece para cada imaxe, ou conxunto de imaxes, a opción de subila ao servizo web, premendo nun só botón. Pódense crear tantos álbums como se queira, sempre que non se perdan de vista as limitacións de tamaño na opción gratuíta. En ambos os dous servizos se pode indicar se as fotos son privadas (só as pode ver o autor), públicas (calquera pode velas) ou se só están dispoñibles para un grupo restrinxido de amigos.
A opción de gardar as fotografías nun álbum web posúe grandes vantaxes. Por unha banda, é posible acceder aos álbums desde calquera ordenador en calquera parte do mundo. Por outra, pódenselles amosar as fotos a familiares e amigos co envío, nun correo electrónico, do enderezo da páxina web no servizo. Deste xeito, garántese a fórmula de abrila sen problemas no seu navegador e ver as imaxes.
Agora ben, esta mesma visibilidade dos álbums implica certos perigos en materia de privacidade. É fundamental definir ben en cada fotografía se se desexa que a vexa calquera outro usuario (públicas) ou unicamente os elixidos polo autor. Hai que ter en conta, por outra banda, que, por defecto, as imaxes que se soben son públicas. Por iso, cómpre pedirlles permiso ás persoas que aparecen nas imaxes, mesmo se o que se amosan son só obxectos da súa propiedade. Non son poucas as denuncias que se tramitaron por esta razón.