A conciencia ecolóxica está no lixo
A imaxe de Nápoles alagada de residuos pode parecer un caso extremo, pero dá conta dun problema que medra e se amorea sen cesar, de xeito especial nos vertedoiros. Cun escaso 10% de reciclaxe xeral, neles guíndase mesmo a conciencia ecolóxica da nosa sociedade. A lexislación europea establece que os vertedoiros deben ser a última opción para o tratamento dos residuos sólidos urbanos (RSU) e apunta a 2009 para reducir á metade o lixo orgánico respecto de 1995. Con todo, segundo os últimos datos oficiais dispoñibles, de 2005, cada español produce ao día 1,4 quilos de RSU (en total, máis de 25 millóns de toneladas), unha cantidade que medrou un 46% na última década. A metade acaba no vertedoiro.
É ben certo que estas instalacións non teñen nada que ver con aqueles lugares nos que se abandonaban os residuos sen control ningún, cos consecuentes riscos para o ambiente e a saúde. Na actualidade, son depósitos na superficie ou baixo terra impermeabilizados e vixiados, con sofisticados sistemas de control para os lixiviados (líquidos nocivos xerados no propio vertedoiro) e para os gases tóxicos que emiten. Nalgúns casos incorporan tecnoloxías que aproveitan estes gases para a produción de enerxía.
Así mesmo, a lexislación especifica o tipo de residuos que poden aceptar e rexeitar, así como a súa localización, lonxe de zonas habitadas ou con risco de alto impacto ambiental. Neste sentido, desde a Asociación de Empresas Gestoras de Residuos y Recursos Especiales (ASEGRE), afírmase que a eliminación controlada de residuos no vertedoiro é un procedemento de xestión que conta coa suficiente normativa.
Unha vez que xa se ten previsto o peche dun vertedoiro, regúlanse diversas actuacións para evitar o seu impacto ambiental. Neste caso, adóitanse levar a cabo plans de vixilancia postselado e clausura, medidas de revexetación e de recuperación para o seu uso agrícola e ata lúdico (conversión en parques ou instalacións deportivas).
Pola súa banda, o Ministerio de Medio Ambiente (hoxe tamén do Medio Rural e Mariño) (MMA) presentaba o ano pasado o Plan Nacional Integrado de Residuos (PNIR), que marca ata 2015 uns obxectivos para adaptarse ás directrices da Unión Europea nesta materia.
Problemas dos vertedoiros
O Observatorio da Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente (ATEGRUS) sobre Vertedoiros Controlados de residuos non perigosos, perigosos e inertes (2005-2007) non deixa en moi bo lugar o funcionamento destas instalacións en España. Entre as diversas conclusións, afirma que a valorización do gas do vertedoiro é aínda moi insuficiente, aínda que recoñece un “lento” avance; realízanse poucos controis ambientais; a drenaxe dos lixiviados é aínda inadecuada en moitos casos; o revestimento dos vertedoiros pode resultar insuficiente; necesítanse máis medidas para reducir a cantidade de materia orgánica depositada no vertedoiro e os vertedoiros de menor tamaño son os que máis incumprimentos rexistran.
Ademais, os responsables de ATEGRUS aseguran que a vertedura será a principal solución ante os residuos, xa que continúa a tendencia de construír vertedoiros provinciais ou supracomarcais máis grandes e pechar os vertedoiros máis pequenos.
Con todo, outros expertos tamén advirten que algúns destes vertedoiros se atopan cheos, aínda que seguen funcionando, e apuntan á Comunidade Valenciana, Canarias e Galicia como os lugares onde se concentran a maioría dos vertedoiros saturados. Así mesmo, tamén se alerta de que a numerosa lexislación europea, nacional e autonómica é complexa, e mesmo a miúdo confusa, e non foi desenvolvida de xeito efectivo, o que representa un obstáculo para poñer en marcha a súa aplicación real.
Vertedoiros ilegais e disparidade de datos
A falta de información actualizada e contrastada é outro dos problemas que impide coñecer con exactitude a súa situación real. Un exemplo diso é o número de vertedoiros que hai no noso país. Segundo datos do Ministerio, a finais de 2006 contabilizábanse 869 vertedoiros activos en España, dos que vinte se destinaron a residuos perigosos, 248 a non perigosos e 601 a inertes e outros. Pola súa banda, ATEGRUS afirma que en 2007 había en España 415 vertedoiros controlados, dos que catorce recolleron residuos perigosos, 207 residuos non perigosos e 194 residuos inertes.
En canto aos vertedoiros incontrolados, salvaxes ou non autorizados, a disparidade dos datos tamén é evidente. Ecoloxistas en Acción enxalza o esforzo que o MMA fixo desde o ano 2000 para eliminalos e recoñece que se reduciron moito, pero sostén que en 2005 había entre 4.000 e 90.000, “dependendo das fontes consultadas”.
Este problema na verificación dos datos é un elemento máis que pon en evidencia, como subliñan diversos expertos, a falta de coordinación entre as distintas administracións responsables. Desde o propio ministerio admiten que as tarifas que se cobran polos residuos urbanos rexistran importantes diferenzas dunhas comunidades a outras e mesmo en distintas instalacións dunha mesma comunidade, cunha marxe que pode ir dos 10 aos 60 euros. Nalgúns casos, os prezos nin sequera cobren todos os custos de vertedura.
Que poden facer os consumidores
A xerarquía xeral na xestión dos residuos establece cinco pasos, de máis a menos importante: minimización, reutilización, recuperación, valorización e eliminación. Polo tanto, os consumidores deben concienciarse para reducir en todo o posible a súa produción de residuos (o único residuo que non prexudica o ambiente é o que non se produce); reutilizar antes de tirar; e, en tal caso, asumir o obxectivo da “vertedura cero”, é dicir, que os vertedoiros reciban unicamente os residuos que non se poidan reciclar.
Así mesmo, os consumidores tamén lles poden esixir aos seus responsables institucionais, tanto locais coma autonómicos, nacionais e europeos, que asuman e apliquen sen ambigüidades as normativas sobre xestión de residuos. Para iso deben asumir as medidas necesarias e permitir un maior acceso á información sobre este campo.