A globalización tamén chega á neveira
A globalización tamén chegou á nosa neveira, onde se poden conservar desde espárragos cultivados no Perú e envasados no noso país, peixe glaseado procedente de augas namibias ou froita fresca orixinal de Tailandia. Este feito condiciona en boa medida o actual patrón de consumo alimentario que, tal e como anuncian os máis recentes estudos de hábitos alimentarios, estase afastando do patrón saudable da dieta mediterránea.
Alimentos do mundo, sabores universais
Con este novo concepto -globalización alimentaria- que une integración e diversidade na escolla de alimentos hai que diferenciar entre os produtos novos procedentes doutros países (peixes como a panga, froitas tropicais, prebes exóticos…), e os mesmos alimentos que chegan doutros países como é o caso da pescada, que vén do Cantábrico ou do Mediterráneo e tamén de augas afastadas do Atlántico sur.
Respecto dos alimentos frescos como as froitas e as hortalizas, o interrogante é se o tempo que transcorre desde a súa recolleita ata o seu consumo afecta á súa correcta maduración, ao seu valor nutritivo ou ao seu sabor, entre outros. A tecnoloxía alimentaria céntrase en tratar de manter intactos tanto o valor nutritivo do alimento de orixe coma o seu correcto estado hixiénico, o seu sabor e a súa aparencia. Con este fin estase a traballar na fabricación de novos envases e sistemas de conservación alimentarios. Trátase, por unha banda, de envoltorios que incorporan substancias que absorben osíxeno, etileno (gas que acelera a maduración dos vexetais), humidade, dióxido de carbono, sabores ou olores e, por outro, de recipientes que transmiten axentes antimicrobianos ou antioxidantes.
Grazas á innovación tecnolóxica no ámbito da conservación de alimentos, o mercado alimentario actual ofrécelle ao consumidor a posibilidade de coñecer o sabor de novos alimentos e de experimentar con novas preparacións culinarias, proporcionando un gozo culinario responsable e coherente cunha dieta equilibrada. Así, pódese aproveitar a gran variedade de froitas tropicais propias dos mercados asiáticos e suramericanos que se mostran nos andeis das tendas, como o mango, a papaia, a froita da paixón (maracuyá) ou o lichi, para imitar o sabor dos saborosos zumes tropicais. Estes alimentos encaixan dentro dunha dieta equilibrada e compleméntana en compostos antioxidantes, entre eles a vitamina C, os grandes destacados do seu valor nutricional.
A mandioca (iuca), un tubérculo habitual desde hai anos nos mercados do noso país, comparte similitudes culinarias e nutritivas coa pataca; pódese elaborar desde un puré de mandioca ata mandioca fritida. Mesmo a súa fariña pode substituír a de trigo na elaboración de croquetas, prebes, galletas e pans, coa vantaxe de que, ademais, non contén glute, polo que serve para cociñar pratos aptos para celíacos.
A outra cara da moeda
O enriquecemento gastronómico é froito da globalización, aínda que tamén se aprecian aspectos negativos, como pode ser o elevado gasto enerxético, o esaxerado desperdicio de alimentos e unha tendencia a descoidar unha práctica alimentaria saudable.
Semellante oferta no ámbito da alimentación inflúe de forma directa nos hábitos, costumes e gustos alimentarios. O padal vaise afacendo a un tipo de alimentos ou de comidas que, por veces, son pouco saudables polo seu desproporcionado valor enerxético, o que supón consecuencias nocivas no estado nutricional e na saúde da poboación, e ten a súa máxima expresión na obesidade, enfermidade crónica tamén “globalizada”.
A isto súmanselle patóxenos, compostos alerxénicos, contaminantes ambientais ou residuos de produtos, riscos asociados á globalización do sistema alimentario. Un alimento contaminado pode causar brotes de enfermidade en moitos países ao mesmo tempo e de forma máis rápida, como sucedeu nos últimos anos coas crises alimentarias das vacas tolas, a peste porcina ou a febre aftosa. Neste sentido, as autoridades sanitarias están alerta sobre a preocupación que amosa o consumidor respecto da seguridade de certos alimentos porque pode facerlle cambiar os seus hábitos alimentarios. Ante un cambio de hábitos menos saudables, o risco nutricional aumenta, ben por insuficiencia ou ben por exceso de certos nutrientes.
No I Congreso Mundial de la Nutrición y la Salud Pública, que tivo lugar en setembro de 2006 en Barcelona, xa se manifestaba que os inconvenientes da globalización alimentaria afectan a distintos campos: produción, procesamento, preparación, envasado, distribución e consumo dos alimentos. Todos estes aspectos se relacionaban coa mala alimentación e cos problemas alimentarios que poden aparecer coa distinta asimilación de certos produtos doutras culturas (maior risco de alerxias ou intolerancias alimentarias) ou cos distintos conservantes que se deben utilizar para que soporten en bo estado a longa viaxe ata que chegan ás nosas fronteiras, ademais do tempo que transcorre ata que se consomen.
Hai que ter en conta que os produtos novos elaborados que tratan de imitar a comida típica doutros países, como recheos para burritos mexicanos, rolos de primavera, prebes e aperitivos diversos non sempre son saudables, por iso se debe ler con atención a etiquetaxe nutricional para coñecer os ingredientes que conteñen e o proceso de elaboración que seguiron. Cómpre comprobar, ademais, que tipo de graxas son as máis abundantes na súa composición, e se o produto leva graxas hidroxenadas, moi prexudiciais para o aparello circulatorio e o corazón; que cantidade de sodio indica a etiqueta en comparación con outros produtos semellantes (considéranse alimentos cunha cantidade elevada de sodio os que teñen máis de 500 mg por cada 100 g de alimento); a cantidade de azucres engadidos… Moitos destes produtos (aínda que tamén outros moi utilizados na nosa dieta habitual, como bolaría, repostaría, precociñados, aperitivos etc.) conteñen unha gran densidade enerxética, e demasiadas graxas, azucres e sal, que descompensan e deterioran a saúde se se consomen de xeito habitual.
O concepto de globalización alimentaria leva implícito o de seguridade alimentaria. O gran fluxo de alimentos entre países con distintas normativas referentes á seguridade alimentaria é o que provocou as crises dos últimos anos. A Axencia Española de Seguridade Alimentaria e Nutrición (AESAN) impulsou e reforzou a cooperación coa OMS mediante a creación dunha Rede Internacional de Autoridades en Materia de Inocuidade dos Alimentos (INFOSAN), operativa desde 2004. O obxectivo é proporcionarlles ás autoridades sanitarias dos distintos países a información de posibles brotes internacionais de enfermidades de transmisión alimentaria. Así e todo, nos países desenvolvidos do norte o concepto de seguridade alimentaria céntrase na sanidade, mentres que para os países pobres, a seguridade alimentaria ten outra connotación: a seguridade no abastecemento de alimentos.
A globalización alimentaria, en boa medida, tamén ten un impacto no ambiente. De acordo coa idea dos moitos quilómetros que deben “percorrer” os alimentos antes de chegar ao noso prato, xorde o “food miles”. Este concepto abrangue o impacto que rexistra en emisións contaminantes de dióxido de carbono (CO2) o transporte -barco, camión ou avión- dos alimentos e o seu efecto no cambio climático. Hai quen pensa no paradoxal para resulta comer un alimento ecolóxico dun país estranxeiro. Son moitas as voces que demandan a realización de análises máis completas, xa que a que podería denominarse “pegada da contaminación” non debe limitarse só ao transporte do alimento, senón que tamén debe medir o gasto de combustible que supón a produción ou a conservación. Diferentes estudos demostran que o cultivo ecolóxico é máis sostible. O Goberno británico adiantouse e lanzou unha iniciativa para que a etiquetaxe da comida faga referencia ao seu impacto ambiental, mediante a “Carbon Reduction Label” (etiqueta de redución de carbono). O informe, aínda en desenvolvemento, vaise publicar a finais de 2008.
Cada vez máis persoas -labradores, gandeiros e consumidores- defenden aspectos sociais, económicos, ambientais e, mesmo, nutricionais da agricultura e gandaría sostible. No referente ao valor nutritivo, recentes investigacións comprobaron como os alimentos ecolóxicos conteñen maior concentración en compostos antioxidantes respecto dos alimentos cultivados de forma tradicional. Os investigadores afirman que estes alimentos son máis nutritivos, saborosos, seguros e preservan a biodiversidade e o
ambiente. A cuestión é que a pesar de que son moitos os consumidores que se interesan por este tipo de alimentación, son poucos os que a poden levar a cabo, por mor do elevado prezo de alimentos como froitas e hortalizas ecolóxicas.
Ao mesmo tempo, xorden movementos que avogan polo concepto de produción, distribución e consumo local, ou sexa, polo autoabastecemento. No Reino Unido manifestáronse os movementos sociais chamados “locavores”, que se definen como persoas que só comen produtos elaborados nun radio duns 160 quilómetros. Esta concepción da produción e do consumo alimentario local estase estendendo a outras rexións do mundo. En termos semellantes xurdiron os chamados “Local Foods“, programas que tratan de axudar a través de bolsas e doazóns a aqueles proxectos que teñan como obxectivo que os alimentos cultivados localmente sexan máis accesibles e alcanzables para as comunidades locais.